Unha das cuestións que desperta máis intriga dentro do despregamento da TDT en Galicia é a aparición dos chamados gapfillers. Un termo inglés, que se pode traducir como “enche ocos”, para definir uns dispositivo que serven para dar cobertura de Televisión Dixital Terrestre a áreas moi pequenas ou alonxadas ou de orografía complexa (moi comúns en Galicia).
Na definición técnica, o gapfiller é un tipo de repetidor que permite recibir un sinal DVB-T e retransmitilo na mesma frecuencia.
REDE PRINCIPAL E REPETIDORES
No caso da TDT, hai unha rede principal que xestionan os operadores de televisión e que dá servizo aos núcleos de poboación grandes e medianos (o que supón un 96% dos usuarios). Esta rede principal está composta por uns 140 equipos ou emisores principais.
Tamén hai centros que dan cobertura ao rural, aínda que non reciben un bo sinal. “Por iso se estudiou a posibilidade de dixitalizar todos estes centros catalogados”, segundo explica Ignacio Otero, responsable da Oficina Técnica da TDT.
Aquí é onde entran en xogo os gapfillers, para cubrir pequenas áreas ás que non chega a rede principal. O problema destes dipositivos é que teñen un custe bastante elevado e que se necesitan moitos para zonas moi pequenas. De feito, para cubrir un 2% do territorio galego fixeron falta arredor de 500 “enche-ocos”. É por iso que desde a Oficina da TDT cualifican como “case inviable” que as “zonas de sombra” se puidan cubrir con gapfillers.
Ademais, e aínda que os custes de instalación destes equipos están sufragados ao 50% entre o Ministerio de Industria e a Xunta, o certo é que o elevado prezo dos repetidores fai necesaria a colaboración dos concellos implicados.
UNHA EXPERIENCIA PILOTO
A Deputación de Lugo concedeu unha serie de axudas ata abril de 2008 que iban dos 1.500 até os 14.000 euros. Actualmente, son os propios concellos os que deben de acometer o gasto correspondente.
Dentro deste programa de axudas incluíase o que foi un dos proxectos máis importantes da TDT en España.
A Fonsagrada tivo o privilexio de ser o primeiro municipio do Estado en vivir un apagamento analóxico e de servir, ademais, como experiencia piloto para a posta en marcha da TDT en toda Galicia.
Os condicionantes técnicos e orográficos do concello lugués facíano especialmente atractivos como un marco real para identificar todos os condicionantes, interferencias e plan de información á poboación que serían necesarios para o despregamento xeralizado da TDT na comunidade galega.
No hay comentarios:
Publicar un comentario