lunes, 23 de noviembre de 2009

O porco celta deberá duplicar a súa produción para atender a demanda galega





O porco celta celebra este ano o décimo aniversario do comezo da súa recuperación. Nesta década o censo de porcos foi en aumento paulatinamente, ata alcanzar na actualidade unha cifra que rolda os 3.000 exemplares. Foron dez anos nos que segundo o presidente da Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (Asoporcel), Xosé Antonio Carril, avanzaron "aos poucos, pero de xeito constante". Tanto é así, que nos inicios tiñan 70 nais reprodutoras e a día de hoxe hai 700.Unha especie en perigoOs recordos invaden a Carril ao botar a vista atrás, cando o porco celta clamaba por seguir habitando terras galegas. Hoxe continúa declarado como especie en perigo de extinción pero xa conseguiu exceder o limiar da desaparición. De todos os xeitos, desde Asoporcel cren que é necesario continuar traballando na consolidación definitiva desta especie para evitar unha volta ao pasado.Agora, esta especie autóctona enfróntase a un novo reto. Os criadores deben aumentar a produción para satisfacer a demanda e desta forma aproveitar o aluvión de pedidos que chama cada inverno ás súas portas. Hai distribuidores que aseguran que poderían chegar a vender ata tres veces máis, o que dá boa conta da aceptación que ten entre os consumidores. Carril cifra en máis dun 50% o aumento de produción necesario para cubrir a demanda. Neste sentido, afirma que "primeiro queremos ter a casa ben atendida", xa que son clientes de carácter continuo. No momento en que poidan cubrir a maior parte dos encargos da comunidade "deixarémonos querer por Madrid e Cataluña", os dous mercados estatais máis interesados no produto galego. De feito, o responsable de Asoporcel comenta que reciben continuamente correos de cárnicas estatais solicitando información sobre distribuidores e prezos desta variedade con características manchas escuras.Garantía de calidadeO porco celta non é alleo ás falsificacións. Por iso, este mesmo mes comezou a funcionar a entidade certificadora Soutos Galegos, unha empresa externa que avalará a autenticidade e calidade da carne que sae ao mercado. "Defenderá a marca fronte aos oportunistas e fraudulentos", anunciou Carril. Desde Asoporcel confirmaron que detectaran partidas de carne de porco 'falso'. Este foi o detonante que impulsou aos criadores asociados para traballar na creación dun "axente externo" que vixiase os procesos de cativa, despezamento e transformación e venda. "Ata o momento o certificado faciámolo desde a asociación, pero necesitabamos unha entidade externa que o fixese de forma allea e imparcial", apunta Carril.Empezaron a traballar no proxecto en outubro do 2008 e este mes, nas I Xornadas Galegas do Porco Celta, tivo lugar a presentación pública de Soutos Galegos. En concreto, tres veterinarios e un asesor xurídico levarán a cabo as inspeccións nas instalacións de cría, matadoiros e puntos de comercialización. Analizarán as canles dos porcos, recollerán mostras para facer probas de ADN, darán o número identificativo pertinente e precintarán as distintas pezas. Carril explica que traballarán seguindo criterios "amplos e flexibles", pero que á súa vez permitan que o consumidor teña todas as garantías de salubridade e seguridade do produto.Que levante a man quen non o probouO porco celta xa non é un descoñecido entre os galegos, pero aínda hai xente, a menos, que non o probou. Desde hai varios anos feiras gastronómicas e degustacións multiplícanse como os cogomelos. Sarria, Corcubión, Manzaneda ou Beariz son algunhas das localidades que renden culto ao marrán galego.Os principais clientes das comercializadoras comezaron sendo as tendas gourmet, onde se vendía como un produto delicatessen. Pero aos poucos os puntos de venda comezaron a ampliarse e, a día de hoxe, pode atoparse en varias carnicerías das capitais galegas ou grandes almacéns. A alta restauración galega tamén é un fiel cliente, como asegura o dirixente de Asoporcel.De todos os xeitos, Carril insiste en que deben promocionalo máis para chegar ao consumidor do montón e conseguir que entre no día a día das cociñas. Sinala que é un produto "un pouco máis caro" que o porco branco, pero que conta cunha serie de características e garantías propias dunha marca de calidade.Así, comparando prezos, o quilo de xamón da D.O. 'Porco Celta' está entre os 22 e 25 euros, similar ao do xamón de Guijuelo e case a metade dunha peza con D.O. 'Dehesa de Estremadura'. Ademais, tamén hai chourizos, lacón, salchichón ou lombo elaborados a partir de carne celta, porque como di o refrán, do porco aprovéitase todo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario