miércoles, 9 de noviembre de 2011

A Fonsagrada exaltará o sábado o porco celta cun mercado e degustacións


08/11/2011 - S.L. / El Progreso (Lugo)

Oito establecementos hostaleiros da Fonsagrada ofrecerán o vindeiro sábado día 12 diversos menús a base de derivados de porco celta para sumarse á celebración da terceira edición da festa organizada pola asociación de criadores Asoporcel, coa colaboración do Concello, para promocionar esta raza autóctona.

«A carne de porco celta ten un gran valor alimenticio», afirma o coordinador de Asorporcel, José Antonio Carril. «Ademais da súa xugosidade e extraordinario sabor, o seu consumo ten efectos positivos na saúde. De feito, probouse cientificamente que axuda a reducir o colesterol malo», di.

Os establecementos fonsagradinos servirán as cacholas, lacones ou touciño entrefebrado de porco celta cociñados ao «estilo castrexo» e seguidos dun caldo de castañas. Do que se trata, di Carril, é «de exaltar a nosa cultura gastronómica e os produtos autóctonos».

As persoas que desexen degustar estes pratos -a un prezo de 25 euros- aínda poden reservar as súas mesas directamente nos restaurantes fonsagradinos.

Exposición

A terceira Festa do Porco Celta da Fonsagrada contará tamén con outros atractivos, como unha exposición de exemplares desta raza autóctona e un mercado de produtos cárnicos, que terá por escenario varias pallozas a semellanza das da época castrexa que se instalarán para a ocasión na Praza do Museo da localidade.

O colectivo organizador cederá cinco ou seis exemplares de porco celta para que os asistentes poidan coñecer de primeira man a morfoloxía e características desta raza que, como sinala José Antonio Carril, «non cambiou nada dende o ano 1924, data dos primeiros arquivos fotográficos que hai deste animal».

Ademais de coñecer a raza, os asistentes á feira poderán adquirir todo tipo de produtos cárnicos desta especie porcina. Criadores e empresas comercializadoras de porco celta porán á venda desde embutidos ata carnes curadas e produtos salgados.

Os postos estarán abertos ao público desde as oito da mañá ata que anoiteza.

Criadores

A asociación de criadores de porco celta Asoporcel agrupa, a día de hoxe, a un total de 317 gandeiros -80 deles da provincia de Lugo- que crían aos animais en semilibertade nos montes galegos, con sistemas tradicionais e alimentados con produtos totalmente naturais.

Para o coordinador da asociación, este método só ten vantaxes. «Ademais da calidade da carne, limpamos os montes, aproveitamos os nosos recursos naturais e contribuímos a fixar poboación no rural», di.

No hay comentarios:

Publicar un comentario