sábado, 19 de noviembre de 2011

Enciga une lecer e ciencia na súa cita da Fonsagrada


19/11/2011 - Pilar G. Cheda / El Progreso (Lugo)

Os asistentes ao congreso que Enciga (Ensinantes de ciencias de Galicia) desenvolve na Fonsagrada tiveron onte ocasión de coñecer a comarca a través dunha serie de rutas deseñadas para facer máis levadía a xornada central do encontro.

Os máis de 300 docentes de Ciencias que estes días se reúnen na localidade visitaron por grupos algúns lugares representativos como Paradavella, a fervenza de Vilagocende, a contorna do río Lambas, Negueira de Muñiz, Grandas de Salime ou a zona dos Oscos. Estas rutas permitíronlles coñecer a paisaxe da montaña lucense e a súa biodiversidade, así como achegarse un pouco máis ao modo de vida da Fonsagrada.

Unha das visitas máis comentadas foi ao Museo Etnográfico, onde os profesores rememoraron o labor dos seus predecesores na recreación da antiga escola que alberga este centro. Non se resistiron a ocupar os vellos pupitres e observaron con detemento o material docente de outrora, moi distante das novas tecnoloxías actuais, pero non menos efectivo.

O lecer da mañá serviu para despexar mentes e prepararse para a intensa choiva de relatorios da tarde. Os temas foron tan variados e novos que a maioría tivo problemas para elixir.

Os profesores de Ciencias aprenderon na Fonsagrada a reproducir unha molécula de ADN con papel, unhas técnicas de papiroflexia que sen dúbida sorprenderán aos seus alumnos cando sexan levadas ás aulas.

Tiveron ocasión tamén de aprender a mirar o ceo, a distinguir as estrelas que se aprecian a primeira ollada, e analizaron a posible influencia dos ciclos lunares nos nacementos.

A enerxía nuclear tamén ocupou un lugar destacado. Unha mesa redonda abordou as consecuencias do accidente na central de Fukushima. As investigacións sobre os fósiles de Atapuerca, a cooperación internacional en materia de formación científica ou a ordenación do territorio para protexer a biodiversidade foron outros asuntos abordados.

Tivo gran seguimento a charla do médico fonsagradino Gumersindo Rego sobre enfermidades respiratorias contraídas no ámbito laboral.

CLAUSURA
Unha ollada ás experiencias foráneas

Tras varios días de inmersión nos últimos proxectos docentes das áreas de Ciencias, os asistentes ao congreso de Enciga (Ensinantes de Ciencias de Galicia) poderán coñecer na xornada de clausura experiencias de compañeiros de sistemas educativos estranxeiros, como o canadense ou o portugués.

Cambio climático

A actuación do home e a súa incidencia no cambio climático será tema central de varios relatorios.

No hay comentarios:

Publicar un comentario