A fundación Barrié presentou onte a súa nova canle de comunicación coa comunidade educativa, educaBarrié, aos máis de 300 docentes de Ciencias que asisten na Fonsagrada ao congreso de Enciga (Ensinantes de Ciencias de Galicia).
Con este proxecto, a fundación pretende establecer un diálogo cos profesores creando un punto de encontro de ideas, proxectos e materiais educativos. Todos os recursos e actividades da fundación Barrié estarán así ao alcance da comunidade educativa para que poidan usalas en actividades cos alumnos, nas aulas ou a contorna familiar.
A primeira xornada do congreso de Enciga -que se desenvolverá ata mañá no IES Fontem Albei fonsagradino- contou tamén cunha vintena de comunicacións a cargo de profesores de Secundaria españois e portugueses, e unha conferencia do catedrático de Botánica da USC, Javier Guitián, que analizou as consecuencias do despoboamento que sofren as zonas do rural galego.
Programa
O encontro de Enciga continúa hoxe cun completo programa de actividades, que arrincará cunha visita a zonas destacadas da Montaña. Entre elas, o museo etnográfico da Fonsagrada, Grandas de Salime ou Negueira de Muñiz.
Xa ás 16.30 horas comezarán as presentacións de traballos de profesores, que abordarán temas de interese científico como a astronomía, os residuos de laboratorio ou a enerxía nuclear.
María Martinón-Torres, do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana, impartirá un relatorio sobre esa especialidade, centrándose nos fósiles achados en Atapuerca.
Para repor forzas antes da última sesión, a do sábado, os asistentes gozarán dunha cea de confraternidade, a partir das 22.00 horas no restaurante Cantábrico da localidade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario