08/11/2011 - El Progreso (A Fonsagrada)
Empresarios e industriais da Fonsagrada barallan a posibilidade de asociarse, co ánimo de unir «forzas» e coordinar as súas actuacións.
O primeiro paso cara a esta asociación -que non prosperou nalgúns intentos anteriores- pode consolidarse tras a recente creación da mesa local de comercio do municipio.
«Esa xuntanza serviunos de primeira toma de contacto, na que amosamos as nosas preocupacións e inquedanzas», explica Ana López Méndez, propietaria do mesón Catro Ventos e elixida representante dos empresarios no novo órgano.
Aínda que recoñece que «aínda descoñecemos as funcións concretas» da mesa local de comercio -creada para dar cumprimento á Lei de Comercio de Galicia-, a hostaleira confía en que lles permita «acceder de xeito directo a toda a información de interese para os diferentes sectores, como son as axudas públicas».
Á espera da primeira reunión con representantes da Xunta «para resolver as nosas dúbidas», os membros da mesa de comercio teñen clara a súa intención de crear unha asociación. Así o manifestaron xa ante os representantes do goberno local máis dunha ducia de comerciantes e empresarios, sobre todo do sector da hostalería. «Traballar en grupo sempre é beneficioso», considera Ana López.
Tamén o alcalde da Fonsagrada, o socialista Argelio Fernández Queipo, valora a creación da mesa local de comercio e apoia a idea asociacionista.
«O colectivo de comerciantes da Fonsagrada sairá reforzado desta iniciativa, xa que terán a posibilidade de intercambiar experiencias e de seren máis fortes á hora de solicitar calquera axuda», asegura.
O rexedor vai máis aló e cre que a unión empresarial traducirase nunha «maior confianza», que axudará aos seus membros a pechar «cada exercicio coas arcas melloradas».
No hay comentarios:
Publicar un comentario