Información extraída do Informe naturalístico do Documento de aprobación inicial de Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de A Fonsagrada (Lugo) Febreiro 2005 realizado por Carlos Vales (coordinador), Manuel A. Rodríguez Guitián (vexetación e áreas de interese natural) e Javier Ferreiro (áreas de interese natural).
Tendo en conta criterios vixentes a nivel autonómico en materia de protección ambiental (figura legais de protección de Espazos Naturais) así como os diversos elementos do medio natural que están presentes no Concello de A Fonsagrada, pódense diferenciar dous tipos de áreas de interese natural: áreas integrantes da Rede Galega de Espazos Naturais e áreas de interese a nivel municipal.
Tres espazos naturais declarados como Zonas de Especial Conservación dos Valores Naturais (ZECVN) comprenden parte dos territorios do Concello de A Fonsagrada.
Trátase de “Lugares de Importancia Comunitaria”, denominados “Carballido”, “Río Eo” e “A Marronda”, propostos pola administración galega para formar parte da futura Rede Natura 2000. A continuación se describen os principais valores naturais de cada un destes espazos.
-
ZECVN “Carballido”: está constituída por dúas áreas inconexas, unha septentrional delimitada arredor da denominada “Fraga de Reigadas”, pertencente na súa maior parte ó Concello de A Pontenova, e outra meridional que se artella seguindo as principais masas arboradas autóctonas que se conservan nas cuncas media e baixa do Río Rodil.
Neste espazo se inclúen boas representacións de diversos tipos de bosques (carballeiras, reboleiras, bosques mixtos de barrancos, biduedos seriais, abeledos), ripisilvas (amenedos, freixidos e abeledos-salgueirais de ribeira), soutos, matogueiras secas (uceiras, toxeiras,piornais) e vexetación de afloramentos e desprendementos rochosos silíceos. -
ZECVN “Río Eo”: comprende unha parte importante dos cursos fluviais que constitúen a cunca do Río Rodil, dende o su nacemento ata a súa saída do Concello e entrada no veciño de Ribeira de Piquín. Neste espazo natural dominan claramente os hábitats de augas doces coa súa vexetación acuática característica (Fontinalis antipyretica, Ranunculus fluitans, Potamogeton natans, Glyceria fluitans, Oenanthe crocata, etc.).
-
ZECVN “A Marronda”: unha parte pequena do Concello, nos arredores da aldea de Centigosa (Parroquia de Piñeira), forma parte do límite oriental deste espazo natural, ubicado no tramo de cabeceira do Río Eo e dalgúns dos seus tributarios, como o Río de Piñeira. Nel se atopan fragmentos de carballeiras, soutos e bosques mixtos de barrancos, así como algúns biduedos seriais, prados de rega e bosques de ribeira. Cunha presencia puntual aparecen amenedos pantanosos e vexetación de afloramentos rochosos silíceos.
Nas partes do Concello non incluídas na Rede de Espazos Naturais de Galicia se teñen delimitado unha serie de áreas de interese natural tendo en conta a presencia de hábitats ou formacións vexetais peculiares ou que se atopan nun bó estado de conservación. É o caso das seguintes:
-
“Bosques mixtos da Veiga de Logares”: pequeno enclave situado na parte N do Concello no que se atopan as mellores representacións de vexetación asociada a afloramentos rochosos calíos do NE de Galicia.
Constitúe unha prolongación da ZECVN “Carballido”, entre as aldeas de Vilardíaz e Veiga de Logares, nun treito de 1,5 km de lonxitude. - “Braña de San Cibrán”: pequeno humidal situado nas proximidades da raia co Principado de Asturias, ó NE da aldea de San Cibrán. (Parroquia de A Trapa).
Tratáse dunha pequena cabeceira fluvial con escasa pendente que favorece a acumulación local de auga e a aparición da vexetación higrófila característica das “brañas”.
Na súa periferia atópanse, principalmente, matogueiras secas e pequenos prados de sega. Este humidal ten unha grande importancia dende o punto de vista paleoambiental, posto que é un dos escasos depósitos turbosos desta parte NE de Galicia para o que se dispón dun estudio polínico-sedimentolóxico detallado.
Nel se constata a presenza nesta parte de Galicia, ata épocas recentes, dalgunhas especies hoxendía desaparecidas, como as tileiras (Tilia sp.) e o carpe (Carpinus betulus), debéndose a súa desaparición, ós efectos deforestadores da actividade humana. -
“Carballais do Alto Rodil”: como a súa denominación indica, trátase dun espacio delimitado en funciáon da superficie que actualmente ocupan os bosques de carballo na parte alta da cunca do Río Rodil, como continuación nesta parte de Concello da ZECVN “Carballido”.
Nesta parte do Concello atópanse ainda carballais e outros tipos de bosques (bosques mixtos silicícolas de barrancos, reboleiras, soutos, bosques de ribeira) nun aceptable estado de conservación. -
“Carballais do Río Allonca”: como noutras áreas comentadas con anterioridade, neste espazo atópanse fundamentalmente masas arboradas autóctonas, principalmente dominadas por carballos (Quercus robur, Q. petraea), algunhas delas con recoñecida sona local, como o “Carballal das Veigas” situado ós pés do Alto do Acebo.
Outros tipos de hábitats presentes son as matogueiras secas (uceiras, queirogais, toxeiras), os bosques de ribeira e os soutos. -
“Carballais de Santestebo”: trátase dunha gran área arborada que se extende dende as proximidades das aldeas de Silvachá e Castoñoso ata a cabeceira de varios regatos que conflúen no Río de Santestebo (regos de Cavadoiro, do Candal, da Reboqueira, de Mourisco e de Raposeiras).
Nela atópanse, formanco un mosaico, diversos tipos de bosques (carballais, biduedos, bosques mixtos silicícolas, abeledos, amenedos riparios, etc.), soutos e pequenos enclaves cubertos por matogueiras, principalmente uceiras de Erica arborea e piornais. -
“Val do Río de Baos”: trátase dun estreito val que se extende entre o Alto do Hospital e a Serra do Muradal en dirección NNW ata a confluencia co Río Rodil, xa dentro do Concello de Ribeira de Piquín.
O principal valor natural desta parte do Concello radica na presencia de matogueiras e formacións herbáceas higro-turfófilas situadas nas partes máis elevadas do val. Nestas áreas sitúanse os mananciais do Rego dos Baos que, augas abaixo se atopa flanqueado ata a súa desembocadura por unha extensa masa arborada autóctona constituída por carballais, bosques de ribeira e soutos. -
“Carballais e faiais do Val de Piñeira”: conxunto de masas arboradas situadas na cunca do Río de Piñeira, na parte occidental do Concello. Anque na súa maior parte se trata de bosques dominados por carballos (Q. robur, Q. petraea, Q. x rosacea), intercalados con estes pódense atopar pequenas mostras de faiais, bosques mixtos silicícolas, biduedos e bosques riparios.
Unha das masas arboradas de maior extensión que se conservan no val de Piñeira é a que se amosa na imaxe, situada entre as aldeas de Brañas, Ferreirola, Goxe e Pastoriza -
“Área de protección da paisaxe dos vales dos ríos Suarna e Navia”: comprende unha extensa parte do SE do Concello, no sector de confluencia dos ríos Suarna e Navia.
Caracterízase por unha paisaxe moi abrupta, de ladeiras fortemente inclinadas entre as que transcorren as augas dos citados ríos, por veces fortemente encaixadas.
As aldeas nesta parte do Concello, que manteñen de forma moi esmerada os estilos constructivos tradicionais, aparecen situadas na parte media e alta das serras, por riba do nivel de condensación das néboas, e arredor delas se sitúan as hortas e leiras, entre as que se intercalan liñas de viñas en emparrado baixo, seguindo un xeito característico destes vales que se extende do veciño Concello de Negueira. - FONTE: FONSAWEB
No hay comentarios:
Publicar un comentario