viernes, 11 de noviembre de 2011

CANDO VIÑAN OS ALBARDEIROS....


O proceso de curtido en Galicia mantívose prácticamente de xeito tradicional ata mediados do século XIX e consistía en preparar as peles que chegaban aos curtidoiros cos restos de pelo e outros residuos adheridos.

Para isto, primeiro lavaban as peles nunhas pias chamadas pelamios e no que se botaba no interior auga e cal apagado para abrir mellor os poros da pel penetrando mellor as sustancias que se ían botar para tratar a pel. Despois cada pelexo era colocado sobre unha táboa e cunhas coitelas íanse arrastrando os restos dos pelos. Pola outra cara facíase o escarnado que era a separación de carnes e das partes que non servían para o curtido. Para estes labores era necesaria abundante auga de aí que este tipo de curtidoiros estivesen sempre á beira dos ríos e regatos. Antes de botar os curtintes necesarios estaba o proceso do caldeo, que consistía en meter as peles en pozos que contiñan auga e casca xa usada con diferentes niveis de acidez, isto facíase para abrir máis os poros. Dependendo dos coiros, ás veces, as peles tamén se mergullaban en excrementos de animal, chamada canina.

Posteriormente viña o curtido en pozos nos que se metían de xeito intercalado os coiros con casca de carballo moída, cubríndoos ata arriba de auga e alí tiñan que estar arredor de cinco meses, logo sacábanse cepillábanse e voltábanse meter pero esta vez coa outra cara da pel invertida. Unha vez as peles curtidas tíñanse que secar e mazar para darlle unha espesura uniforme e maior compactació
Os albardeiros, o mesmo que os zapateiros, utilizan directamente a primeira materia que lles proporcionan os curtidores: o coiro.

Teñen ademáis unha chea de ferramentas comúns, cousa lóxica visto que teñen que utilizar o mesmo material. Esí atopamos no taller do albardeiro as coitelas, troquesas, tesoiras, subelas, agullas, martelos, etc., idénticos ás que empregan os zapateiros a iles compre engadir, coma excrusivo do oficio que tratamos, a agulla de albardeiro, a tanaza de madeiras e o dedal de manopla


1 - grosa
2 - martelo da sole
3 - escofina
4 - martelo
5 - tiraformas
6 - coitelas
7 - chaira
8 - croios de batel-as puntadas
9 - croia da sole
10 - tanaza
11 - troquesa
12 - tesoiras
13 - pata de cabra
14 - pata de ferro
15 - grefe
16 - agulla da goma
17 - subelas
18 - roleta
19 - ferro de vivos
20 - costa


Os albardeiros non empregan somentel-o coiro prás súas obras, senón tamén a arpilleira, o ferro e a madeira, anque non sempre traballan iles as pezas destas sustancias, senón que llas dan feitas case sempre os carpinteiros e os ferreiros.

.
A obra distes obreiros son as sillas e as albardas prás cabaleirías con tódolos seus aditamentos: cabezadas, estribos, alforxas, etc.

As sillas fanse pouco, non somentes por seren pouco usadas senón tamén por viren de fora mellores e máis baratas. Fanse, en troques, moitas albardas dos diferentes tipos e tamaños que a xente precisa prás súas monturas.

A armadura da albarda faise de tea de saco ou arpilleira nos tempos de hoxe, anque non hai moito faguíase con estopa tecida; énchese de palla ou serdas e pónselle uns paus polo medio, fueiros, pra lle dar consistencia, e que, ás veces, sán por detrás.

Logo, cóbrese, totalmente ou en parte, con coiro, que se pode adornar con estrelas feitas con fío de lá roxo, azul ou verde, e tamén con trenzados de tiras de coiro ou con cravos, grandes e pequenos, de metal dourado.


As albardas adoitan levar un pouco ergueita a parte dianteira, anque tamén pode ter esí a traseira tamén. Outras presentan unha parte oca na parte de abaixo e atrás; iste oco pódeo tamén levar levar no cume, correspondéndose co espiñazo do animal.

Pra facilital-o atado da corda cando se quer cangar algo por riba, unhas albardas teñen argolas de ferro e outras deixan sobresaír as puntas dos fueiros.


A retranca ou atafal é un conxunto de corres de coiro que, pasando pola traseira do animal, impide que a albarda se veña pra diante. Hai atafales máis ou menos luxosos e compricados, mais todos teñen a mesma estructura.


A cincha é unha banda de coiro ou de lenzo forte que suxeta a albarda pasando darredor dela e do animal. O sistema de atado das cinchas é moi variado, podendo ser de argola, de febilla, de gancho, etc.; por outra parte, a cincha pode ir fixa por un cabo á albarda ou totalmente isolada dela.

cabezada

cincha e silla

estribo

albarda

alforxa

Os adornos das monturas, pola súa calidade e polos motivos que empregan, semellan estaren fortemente infruidos polos productos semellantes doutras partes da Penínsua, cousa que nada tería de estrano se consideiramos dous elementos que, en épocas distintas, acudiran á Galiza e que, dun xeito ou doutro, coñecían as industrias do coiro: os mozárabes no meioevo e os arrieiros en tempos aínda preto de nós.

Os albardeiros fan tamén alforxas de coiro ou de lenzo, sinxelas ou labradas e bordadas.

Anque non seña obra somentes dos albardeiros, compre sinalar tamén o feitío de estribos; uns son totalmente de ferro e o albardeiro somentes lles pón as corres prós dependurar da albarda, mais outros, os chamados estribos portugueses, son rematados por istes artífices.

.....
Os primeiros son uns ferros en semicírculocunha travesa, tamén de ferro, pra pousal-o pé.

......
Os portugueses teñen a forma dun zapato sen a parte do talón; o piso está formado por unha táboa á que se amarra a parte de coiro que o cobre; abrazando o conxunto leva un ferro cunha argola, de ferro tamén, por riba pró dependurar. Decóranse con cravos dourados.

....
O oficio dos albardeiros perdéu moito dende que os nosos fidalgos deixaron os seus cabalos pra viaxar e preferiron os autos que hoxe percorren as nosas estradas levando dun sitio pra outro quer a xente, quer o gado.
.

Hai poucos anos que os albardeiros tamén se adicaban a facer fundas para coitelos e armas, así como carteiras grandes e mochilas de coiro

Dous albardeiros de Ourense establecéronse na Fonsagrada: Ulpiano e o Cordeiro de Liñares. Ademáis albardeiros famosos foron os de CORREAS da Fonsagrada

Ás veces resultaballes problemático encontrar aloxamento para durmir, pedíase por favor, con moita amabilidade, ensinando o carné de identidade e se a pesar diso non se encontraba lugar para pasar a noite, había que falar co pedáneo pois obrigatoriamente tiñan que dar cuarto.

A comida facíase no lugar onde se traballaba, era prato único algunhas veces acompañado de viño, aínda que ás veces había dificultades para poder pagar a comida, pois pasaba tempo sen que se fixese traballo ningún, de aí que cando a reparación era pequena non se cobraba nada, pois se xustificaba pola comida ou polo cuarto para durmir.

O traballo realizábase durante o día, de sol a sol, en inverno saíase ás nove da mañá ata as cinco da tarde mentres que en verán se volvía ás veces ás dez da noite. Percorríanse de 25 a 30 kms. en inverno e ata 40 kms. en verán.

Coa familia había pouca relación.,se recibía carta nun lugar determinado ou se chegaba algún amigo. A maioría das veces non se recibía ningunha comunicación en toda a campaña.


No hay comentarios:

Publicar un comentario