Situación de ausencia non declarada xudicialmente O vitalicio O retracto de graciosa Usufructo voluntario de viuvez O dereito de labrar e posuír As apartacións Partillas feitas polos herdeiros maioritarios
1. Situación de ausencia non declarada xudicialmente
Esta materia regúlase dentro do título I, dos artigos 6 ao 8 da Lei, e é unha institución necesaria para dotar de administración e representación os bens cando o seu titular se encontre en situación de ausencia, sen necesidade de que nese caso teña que existir unha declaración legal.
Son presupostos da figura os seguintes:
Que unha persoa estea arredada do seu domicilio ou do lugar da súa residencia, sen que se poida comunicar con ela.
Que non estea representada lexitimamente por estar sometida á patria potestade ou tutela, por exemplo, ou voluntariamente por un apoderado.
E que no patrimonio do ausente se haxa de realizar un acto ou negocio xurídico que non admita demora.
Os chamados a exercer a dita administración ou representación son, por orde sucesivo e excluínte, o cónxuxe non separado legalmente -situación á que se lle asimila para a doutrina a do cónxuxe separado de feito-, os descendentes e os ascendentes -sempre que teñan capacidade xurídica plena e sexan maiores de idade mentres dure a situación de ausencia.
No que se refire aos dereitos e obrigas do administrador dos bens do ausente, deberá render contas e terá dereito a percibir o vintecinco por cento dos froitos netos dos bens que goberne.
2. O vitalicio
O vitalicio é un contrato polo que unha ou máis persoas se obrigan respecto doutra ou doutras a prestar alimento na extensión que acorden en concepto de contraprestación polos bens que reciba o obrigado a prestalos (art. 95). A extensión da obriga será a que as partes acorden, pero, en todo caso, esta prestación alimenticia abranguerá o sustento, a habitación, a vestimenta e a asistencia médica do alimentista, así como as axudas e os coidados, mesmo os afectivos, axeitados ás circunstancias das partes.
3. O retracto de graciosa
En todos os casos de execución patrimonial de bens de natureza agraria, se o debedor executado tivese a condición de profesional da agricultura, poderá retraer ou recuperar os bens que fosen adxudicados no prazo de trinta días a partir da data da notificación da execución, mediante o pagamento do prezo e gastos de lexítimo aboamento.
Para o profesional da agricultura haberá que estar ao disposto no artigo 15 da Lei 83/1980, de arrendamentos rústicos, e demais disposicións que lle sexan aplicables.
En canto ao que se deba entender por bens de natureza agraria, haberá que considerar que son aqueles que están suxeitos a unha explotación desa clase.
4. Usufructo voluntario de viuvez
Esta institución supón a consagración legal dunha frecuente práctica notarial, consistente na posibilidade de que o testador puidese conferir ao cónxuxe sobrevivente as máis amplas facultades de xestión en relación co patrimonio do falecido, o cal consiste en deixar aos herdeiros forzosos a totalidade dos bens da herdanza, pero en propiedade núa, e correspóndelle ao cónxuxe viúvo o usufructo da totalidade dos bens, de xeito que o herdeiro que quixese reclamar a súa lexítima vería limitada esta parte ao que lle correspondese no tercio da herdanza destinado no dereito común á lexítima estricta.
A carta de natureza que lle deu a Lei de dereito civil de Galicia a esta institución permítelles aos cónxuxes conceder, recíproca ou unilateralmente, o usufructo universal de viuvez. Poden facelo en testamento mancomunado, en capitulacións matrimoniais ou en escritura pública ambos os dous cónxuxes con carácter recíproco, e con carácter unilateral en calquera clase de testamento, en capitulacións matrimoniais ou en escritura pública.
5. O dereito de labrar e posuír
O titular dun lugar, explotación agrícola ou establecemento fabril, industrial ou comercial que o queira conservar indiviso poderá pactar a súa adxudicación íntegra a calquera dos seus fillos ou descendentes, ben por actos inter vivos, que sería irrevogable, ou ben mortis causa, e aínda que as sortes de terra se encontren separadas.
Nestes casos, se o testamento non dispuxese outra cousa, enténdese que a adxudicación implica unha mellora tácita e que abrangue o tercio ou quinto, ou sexa, as sete quinceavas partes da facenda hereditaria, e non evita que o ascendente dispoña, a favor do descendente preferido, do resto das porcións de libre disposición.
Cando o ascendente fixese uso desta facultade, aboaránselles aos demais herdeiros forzosos as súas lexítimas ou porción de maior entidade en que as constitúa (expresión que figura no texto da Lei de dereito civil de Galicia no artigo 130, pero que a doutrina maioritaria considera que o lexislador quixo dicir "as porcións de maior entidade en que os institúa"), con metálico ou outros bens se os tivese.
Polo que se refire aos bens mobles, froitos, apeiros de labranza e gando que lles correspondan ás lexítimas dos que non se benefician do dereito de labrar e posuír, seranlles entregados ao seus donos ou pagados en metálico.
6. As apartacións
As apartacións, o mesmo que as dúas últimas figuras que se examinaron, son institucións de dereito sucesorio e supón unha facultade para o titular dos bens ao poder excluír da súa herdanza os herdeiros lexítimos mediante a adxudicación, inter vivos, de bens de calquera clase. Queda excluído de tal condición de lexitimario con carácter definitivo o adxudicatario.
Para poder realizar a apartación tanto o adxudicatario coma o adxudicador teñen que ter plena capacidade de disposición e deberá constar en escritura pública.
7. Partillas feitas polos herdeiros maioritarios
Os herdeiros maiores de idade que representen máis do cincuenta por cento do haber hereditario ou sexan dous cando menos poderán por si mesmos facer a partición, sempre que non exista contador-partidor nin herdeiros menores non emancipados ou incapacitados, este xeito de facer a partición racha co principio de unanimidade que esixen os artigos 1058 e 1059 do Código civil.
As relacións xurídicas no medio rural
1. Concentración parcelaria
A Lei 12/2001, do 10 de setembro, de concentración parcelaria (DOG núm. 209, do 29 de outubro de 2001), que modifica a Lei 10/1985, do 14 de agosto, ten por obxecto a concentración e ordenación dos predios rústicos, para promover a constitución e o mantemento das explotacións cunhas dimensións suficientes e características axeitadas, intentando ampliar a superficie territorial e manter e incrementar a capacidade productiva do campo, ordenando axeitadamente as explotacións agrarias, respectando o medio natural, intentando reordenar racionalmente os cultivos baixo a perspectiva da utilidade económica e social, e tendo en conta o obxectivo de fixar a poboación no medio rural, en base a facer rendible a actividade productiva.
2. Unidades mínimas de cultivo
O Decreto 330/1999, do 9 de decembro (DOG núm. 246, de 23 de decembro de 1999) establece as unidades mínimas de cultivo no seu artigo 1, distinguindo por provincias, por grupos e diferenciando segundo as explotacións estean dedicadas a cultivos de secaño ou regadío.
3. Cómaro, ribaro ou arró.
O cómaro, ribazo ou arró é unha especie de valado, pregue no terreo e un noiro que serven para separar un predio doutro ou doutros, establecendo a presunción iuris tantum (salvo proba en contrario) de que estes pertencen ao predio sito no plano superior.
4. Comunidades
· Montes veciñais en man común
Esta materia está regulamentada pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común (DOG núm. 202, do 20 de outubro de 1989), polo regulamento que a desenvolve aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e pola Lei de dereito civil de Galicia, que configuran a dita institución como unha comunidade de tipo xermánica onde cada un dos comuneiros que constitúen a agrupación veciñal titular do monte ten unha cota ideal no conxunto do monte se o aproveita cunha vocación esencialmente agraria.
· Muíños de herdeiros
Os muíños de herdeiros son aqueles que se utilizan para moer grans para o consumo familiar e alimentación de gando dos seus copropietarios, estes muíños son de copropiedade común e indivisibles.
· Agras e vilares
Chámase agra ou vilar a unha extensión grande de terreo de labrado que, polo xeral, pertence a varios, o que supón tamén a copropiedade sobre os seus valos e cercados.
5. Servidumes e serventías
· Servidume de paso
É o dereito a pasar polo predio servente de ou a unha finca que está situada entre outra ou outras ou por que o acceso que ten é moi gravoso ou incómodo para o seu dono. Este dereito adquírese por lei, por dedicación do dono do predio servente, por negocio xurídico bilateral ou pola súa posesión pública, pacífica e ininterrompida durante o prazo de vinte anos a partir do momento no que empezase a exercitarse.
· Serventía
O paso que se efectúa sobre un terreo que non teña carácter público e do que non conste o dominio ou identidade individualizada dos que o utilizan será considerado serventía ou servicio, calquera que fose o que cada un dos usuarios ou causantes cedese para a súa constitución ou establecemento.
6. Arrendamentos e parcerías
· Arrendamentos rústicos.
Os arrendamentos rústicos rexeranse polos pactos que as partes establezan, polas normas que se establecen no capítulo I do título V da Lei 4/1995, do 24 de maio, de dereito civil de Galicia e, no seu defecto, polos usos e costumes que lles sexan aplicables.
O obxecto destes arrendamentos é o uso e o aproveitamento dos predios rústicos e os bens inmobles vinculados a eles, no seu destino agrícola, pecuario ou forestal.
· Arrendamento de lugar acasarado
O elemento necesario na configuración do dereito civil galego é a casa, como entidade familiar e patrimonial que constitúe o soporte físico que serve de sustento á familia que se asenta nel.
O lugar acasarado defíneo a lei como o conxunto que, formando unha unidade, comprende a casa de labor, as edificacións, as dependencias e os terreos, aínda que non sexan lindeiros. Tamén se inclúen nel toda clase de gando, maquinaria, apeiros de labranza e instalacións que constitúan unha unidade orgánica de explotación agraria, forestal ou mixta.
O prazo de duración mínima do contrato pola que se constitúa o arrendamento é de cinco anos, agás denuncia do contrato polo arrendatario.
· Arrendamentos rústicos históricos
Esta modalidade de arrendamento réxese pola Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 3/1993, do 16 de abril. A ela remítese a Lei de dereito civil de Galicia, na súa disposición adicional 2.ª, para declarar a súa vixencia.
Estes arrendamentos terán vixencia como tales ata o día 31 de decembro de 2002, data límite na que concluirá o prazo para exercitar o dereito para acceder á propiedade dos predios por parte do arrendatario, sempre pagando o prezo que corresponda e co cumprimento do requisito de que este sexa cultivador persoal, tendo en conta ademais que a lei outorga ao arrendatario a posibilidade de exercer o dereito de tento ou retracto sempre que o arrendador queira vender a finca a terceiros.
· As parcerías
As parcerías regúlanse no capítulo II do título V. Defíneas o artigo 57 como aqueles contratos polos que unha das partes cede a outra o goce de certos bens, convindo en repartir en partes alícuotas os froitos e rendementos que produzan. A forma do contrato de parcería é libre, aínda que se fose verbal calquera das partes poderá pedir que se formalice por escrito.
· Parcería agrícola
Esta modalidade de parcería ten por obxecto os predios rústicos de calquera clase, e pode comprender ademais a casa de labor e as súas dependencias.
· Parcería de lugar acasarado
O obxecto desta parcería é o conxunto de elementos que constitúen unha unidade orgánica de explotación, polo que pode comprender, de acordo co disposto no artigo 50 da Lei, a casa de labor, as dependencias e os terreos, aínda que non sexan lindeiros, o gando, a maquinaria, os apeiros de labranza e instalacións que constitúan unha unidade orgánica de explotación agraria, forestal ou mixta.
· Parcería pecuaria
Constitúen o obxecto desta parcería os animais susceptibles de aproveitamento na agricultura, na industria e no comercio.
· Parcería forestal
A parcería forestal é aquela na que o dono de certas leiras destinadas a este tipo de explotación, sen ceder a súa directa posesión e o seu aproveitamento, concerta con unha ou varias persoas o coidado e a vixilancia delas, e lle outorga en troques ao parceiro os aproveitamentos secundarios que se determinen e a parte alícuota que se especifique cando proceda á venda das árbores que coidase ou axudase a plantar.
7. A compañía familiar galega
A compañía familiar galega, coñecida tamén entre os xuristas galegos como compañía familiar, sociedade galega e sociedade de familias, consiste naquela asociación entre agricultores con vínculos de parentesco entre eles, para viviren xuntos e explotaren en común terras, lugar acasarado ou explotacións pecuarias de calquera natureza pertencentes a todos ou algún dos reunidos.
A forma do acordo de constitución da compañía é libre, e cando un agricultor case e leve para a casa o seu cónxuxe enténdese constituída a compañía familiar galega, salvo que acorden que non se constitúa.
Son bens que integran o patrimonio da compañía os achegados polos socios, os adquiridos a título oneroso por conta do capital común, os froitos e rendas, as ganancias e os intereses percibidos ou debidos durante o mesmo tempo, procedentes dos bens sociais. Tamén as edificacións, reconstruccións, plantacións e calquera tipo de mellora feita nos bens sociais, así como calquera outro que as partes acorden.
Por outra banda, a compañía deberá asumir como cargas o pagamento dos gastos derivados da mantenza, vestimenta, instrucción, asistencia médica e enterro, tanto dos asociados como das persoas que estean ao seu cargo, así como os gastos de administración, reparacións, melloras, etc. feitos no beneficio da compañía.
Dereito de sucesións
O título VIII, no seu capítulo I, establece que a delación sucesoria pode ter lugar por testamento (que supón un acto de vontade do defunto), por lei (sucesión lexítima ou ab intestato) e polos pactos sucesorios regulados na Lei de dereito civil de Galicia, todos eles compatibles entre si.
1 A sucesión testada
· Clases de testamentos
Testamento aberto notarial
Este testamento feito perante notario poderá ser individual, mancomunado ou por comisario, e non será necesaria a presencia de testemuñas, agás nos supostos seguintes:
Cando o solicite o notario ou o propio testador.
Cando o testador sexa cego, demente en intervalo lúcido ou non saiba ou non poida ler ou escribir.
O testamento individual ten os mesmos requisitos que se establecen no dereito común (Código civil).
O testamento mancomunado é o que fan os cónxuxes galegos dentro ou fóra do territorio galego. A súa revogación poderá facela un cónxuxe en vida do outro ou ambos conxuntamente, producirá a ineficacia total das disposicións reciprocamente condicionadas e terá que facerse en testamento aberto notarial. Falecido un cónxuxe, o testamento convértese en irrevogable respecto daquelas disposicións que tivesen o carácter de reciprocamente condicionadas ou que se outorgasen a prol de persoa incapaz de herdar.
Testamento por comisario
En testamento ou en capitulacións matrimoniais, cada un dos cónxuxes poderá nomear comisario ao outro co obxecto de que poida distribuír os bens do defunto e mellorar neles os fillos comúns sen prexuízo das lexítimas e das melloras que instituíse xa o causante.
O comisario non poderá delegar a función encomendada e perderá esta ao contraer novas nupcias.
A sucesión intestada
Esta sucesión rexerase polo disposto no Código civil, agás cando o cónxuxe premorto non outorgase a prol do viúvo ou da viúva disposición testamentaria. Neste último caso o viúvo ou a viúva poderá optar por facer efectiva a súa cota usufructuaria sobre os bens gananciais cando concorra á herdanza con descendentes ou ascendentes do causante. No caso de que os bens gananciais non chegasen para cubrir a cota, completarase sobre os bens privativos do causante sen necesidade de prestar fianza.
No caso de que non existan persoas co dereito a herdar, herdará a Comunidade Autónoma de Galicia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario