lunes, 20 de diciembre de 2010

INVERNO NA MONTAÑA: Cómo vivir co frío sen morrer no intento


19/12/2010 - Pilar G. Cheda / El Progreso (Lugo)

O INVERNO É A ESTACIÓN DO ANO que menos simpatías desperta. Quén non protestou algunha vez pola sobredose de choiva, pola falta da alegría que dá o sol, polo frío ou os catarros. Esta postura inconformista da maioría dos mortais contrasta coa das persoas que realmente sofren os rigores do inverno nas súas carnes e para quen as inclemencias do tempo non son molestias, senón problemas.
Non hai que ir moi lonxe para atopar esta situación, abonda con achegarse a algunha aldea da montaña de Lugo para atopar xente que se ve obrigada a pasar días sen saír da casa, que non pode traballar e, por suposto, tampouco cobrar, que ten que facer acopio de alimentos e leña para non pasar fame nin frío, nenos que perden medio curso porque non poden chegar á escola e que nin sequera teñen acceso a asistencia médica un día de temporal de neve.
O seu inverno é branco case tódolos días, ben pola neve ou ben polo xeo. Aprenderon a vivir así e non se queixan. A súa actitude contrasta coa dos urbanitas que fan alarde de mal humor por un simple día de choiva. Están concienciados. Son conscientes de que viven nun contorno natural privilexiado que esixe determinación para subsistir e moito optimismo.
Os habitantes dos pobos máis altos de Lugo despertan case tódolos días sen saber se vai chegar o panadeiro, se pasará a furgoneta de venda de alimentos a domicilio ou se poderán sacar o gando ós prados. Son cuestións que condicionan o seu modo de vida, o seu traballo, e que os obrigan a ser organizados.
Aínda así, aseguran que o inverno non lles supón gran problema. «Hai que ser previsores», di Celia Pérez, unha veciña de Poso, unha aldea de Cervantes con catro casas habitadas. «Hai que ter leña para quentarse, comida no conxelador e coller herba no verán para as vacas. Con iso podemos aguantar un tempo, ata que limpan os accesos», explica.
O seu veciño Jesús Pérez é da mesma opinión. Apunta que na maioría das casas hai vehículos todoterreo que facilitan o desprazamento incluso coas estradas en malas condicións e que as situacións de incomunicación non son tan frecuentes como hai dez anos, cando os camiños eran aínda de terra e non había máquinas para limpar a neve. Pese á mellora dos medios, advirte que «hai que estar preparados. Aquí os turismos non valen e incluso cos todoterreo ou os tractores hai días que non se pode andar», indica.
NENOS SEN CLASE
Os dous nenos que viven en Poso van á escola ó concello veciño de Navia de Suarna porque o colexio de Cervantes lles queda máis lonxe. Un todoterreo recólleos na súa casa para achegalos ata a estrada que une Cervantes con Navia, onde esperan un microbús.
Algúns días, a neve ou o xeo que se forma durante a noite impiden que o todoterreo chegue á aldea e os rapaces vense obrigados a coller vacacións. «Eses días quedan sen clase, tampouco podemos levalos nós porque é perigoso. Cando o transporte escolar non pasa non é recomendable circular», indica Jesús Pérez.
Esta situación repítese moitos días do inverno, pero os veciños de Poso aseguran que é asumible tendo en conta as condicións nas que se atopaban antes. «Ata hai dez anos o camiño era de terra e non había medios para quitar a neve», conta Jesús Pérez. Lembra que de neno ía á escola á aldea veciña, Pradela, andando varios kilómetros e incluso cruzando un regato sen ponte. «Tiñamos catro mestras cada ano porque ningunha quería parar aquí. Viñan un mes e dábanse de baixa».
Celia Pérez conta que á súa filla «levábana os compañeiros á escola e collíana ás costas para cruzar o río. Eles eran maiores e cando remataron de estudar quedou soa e tiven que mandala a vivir cos avós a Donís, porque alí había colexio máis cerca da casa e podía ir tódolos días».
Celia di que os invernos agora son máis levadeiros. Lembra ter estado illada un mes en Poso. «Tódolos veciños saían cada día con pas para abrir o camiño que leva a Navia, pero non paraba de nevar e o traballo era inútil». Aínda así, sabían sacar partido da situación. «Os nenos pasábano ben. Collían sacos de plástico e tirábanse polas fincas abaixo, e os maiores reuníanse a contar contos, había moitos máis veciños e tamén máis unión».
Igual pensa Hermelinda Pérez, que di que «antes había máis xente nos pobos, falábase máis. Agora a televisión acabou coa conversa, sabes o que hai no mundo, pero non o que pasa na casa do veciño». Vive en Piornedo (Cervantes), co seu home e un fillo. Cando se lle pregunta cómo pasa os días de neve responde sen dúbidas: «Detrás do tiro da cociña».
Ten moi claro que «hai que se preparar para o inverno». Os conxeladores son imprescindibles para asegurar os víveres, aínda que os panadeiros e os vendedores ambulantes «tamén teñen bos coches e chegan case sempre, polo menos unha vez por semana». A matanza do porco segue sendo tradición e asegura reservas de carne e embutidos para o inverno.
Para manterse en forma, Hermelinda camiña sempre que sae o sol. «Quedo entumecida se me sento todo o día na casa. Cando fai sol segue facendo frío, pero abrígome ben e saio. Agora veño de levar a bolsa do lixo ó contedor e outros días vou por aí abaixo con algunha veciña a mover as pernas un pouco», conta.
XUNTANZAS
Estes paseos e as conversas son as distraccións máis frecuentes nos pobos da montaña, aínda que as xuntanzas son cada vez menos concorridas porque as aldeas van quedando baleiras. Albino Rodríguez, de Piornedo, lembra que «antes xuntabámonos tódalas noites nalgunha casa, xogabamos á baralla e contabámonos contos. Agora hai televisión e non queda xente, por iso xa non se fai».
Piornedo cobra vida as fins de semana. As pallozas e a propia neve son un reclamo turístico de excepción que atrae numerosos visitantes, pero por semana non se ve moita xente en ningunha aldea de Cervantes. Cada vez son máis os mozos que marchan e menos os nenos que nacen.
O GANDO
A maioría dos veciños de Poso e Piornedo dedícanse á gandería ou están xubilados. Neve ou quente o sol, os animais teñen que comer, polo que nas previsións de víveres é fundamental lembrarse deles.
Durante o verán, os gandeiros fan acopio de forraxes. «Cando neva só saímos para atender o gando, pero iso hai que facelo, non pode pasar», explica Celia Pérez.
Hermelinda Pérez tamén insiste nesta cuestión. «Agora non neva tanto coma antes, pero houbo tempadas de pasar ata 15 días as vacas na corte sen poder saír. Iso era un desastre, tanto para elas como para nós, que tiñamos moito máis traballo para darlles de comer», lembra.
EMERXENCIAS
O mal tempo non só dificulta a vida cotiá na montaña, senón que pode suscitar situacións perigosas en caso de emerxencia. As ambulancias non circulan con neve e os helicópteros non voan nin de noite nin con temporal, polo que atender unha urxencia médica en lugares altos en inverno convértese ás veces nunha misión imposible.
Manolo Rodríguez, veciño de Piornedo, lembra que hai uns anos un rapaz rompeu un brazo e tivo que ser evacuado en helicóptero porque había neve e non se podía desplazar en coche. Para avisar ó servizo de emerxencias, un veciño foi camiñando cerca de 20 quilómetros dende Piornedo ata o albergue de Ancares, onde había un teléfono. «Tivo que ir rompendo a neve cunha pa», indica.
Pero os maiores de Piornedo lembran situacións moito máis dramáticas «cando non había estrada e as nevadas eran de metro e medio». Albino Rodríguez conta que un día «cando era novo» unha veciña de Piornedo sufriu un ataque de apendicite. Había que trasladala a un hospital, aínda non había estrada e o camiño estaba cheo de neve. Un rapaz foi a pé 50 kilómetros, ata Becerreá, para ir buscar o único coche disponible e achegalo todo o posible ó pobo. Mentres tanto, un veciño carpinteiro improvisou unha padiola e o resto dos homes organizáronse para levar á enferma dende Piornedo ata Degrada. Percorreron 18 quilómetros andando pola neve e cargando coa muller, en relevos de catro homes. Salváronlle a vida.
SERVIZOS
Hoxe estas situacións xa non se dan porque hai estradas asfaltadas, as máquinas quitaneves funcionan con normalidade e os todoterreos circulan en situacións extremas. Sen embargo, os veciños reclaman ás administracións máis atención ós servizos para garantir a seguridade da poboación e unhas condicións de vida dignas.
Manolo Rodríguez é o propietario do hotel Piornedo e critica a falta de atención á limpeza da estrada que chega á aldea. «A Deputación encargou o mantemento a unha empresa, pero teñen os medios en Navia ou en Becerreá. Se hai moita neve xa non dan chegado. Onde hai problemas é aquí, nos pobos altos, e deberían deixar polo menos unha coitela para limpar a primeira hora da mañá e botar sal para que todo estea transitable cando teñan que marchar os nenos para a escola. Cando chegan ó mediodía xa é tarde».
Manuel di que a deficiente limpeza das estradas prexudica tamén o seu negocio. «Os turistas queren vir atraídos pola neve, pero se teñen dúbidas de se van poder chegar ou marchar escollen outro sitio onde saiban que hai un bo servizo de limpeza», afirma. Pide á Deputación Provincial de Lugo, institución responsable da estrada, que «controle que a empresa de mantemento realiza o seu traballo correctamente porque de pouco serve que lle paguen se non dá servizo».
O propietario do hotel asegura que tivo que socorrer en moitas ocasións a clientes atrapados na neve. «As estradas non están ben sinalizadas e xa teño ido buscar no todoterreo a xente que se despista nos cruces e acaba perdida no medio da neve».
Manuel Rodríguez pide que as administracións «teñan en conta á xente que aposta por vivir e por ter negocios na montaña». Nesta idea incide tamén Jesús Pérez, quen sostén que «estamos lonxe de todo, moi abandonados, axúdannos moi pouco, non temos nin alcantarillado. Ata deberían pagarnos por vivir aquí».
O que lles sobra é riqueza natural e humana. Non precisan cadros nas súas casas porque o que se ve dende as ventás xa adorna, beben a mellor auga, respiran o aire máis puro, valoran a vida na súa xusta medida e sempre están dispostos a parolar con quen se preste. «Aquí non se molesta, sempre hai tempo», sentencian.


PROVISIÓNS
Leña e alimentos


O acopio de leña e alimentos é fundamental para pasar o inverno na montaña. Os veciños advirten de que hai que ser previsores e traballar no verán e no outono para pasar ben a época de frío.
TRABALLO
O gando non entende de tempo


Celia Pérez explica que o único imprescindible cando hai neve é mirar dos animais, que non entenden de tempo e precisan atención cada día. O acopio de herba no verán é fundamental.


OCIO
Paseos ó sol e xuntanzas cos veciños

Hermelinda Pérez conta que os veciños de Piornedo aproveitan as escasas horas de sol para saír pasear e añora as xuntanzas de antano nas que os veciños contaban historias, que agora se suplen coa televisión



MEDIOS
Todoterreos e cuñas

Jesús Pérez explica que os vehículos todoterreo son fundamentais para moverse pola montaña. As cuñas para limpar a neve facilitan moito o traballo que antes facían os homes de cada aldea a man, con pas.



No hay comentarios:

Publicar un comentario