viernes, 3 de diciembre de 2010

ALGUNS APEIROS DE LABRANZA

Bitillo: peza semiesférica feita de arame ou tea metálica. Emprégase para tapa-lo fociño do animal, evitando as posibles mordeduras

Mallo: utensilio formado por dous paus, un longo, a mangueira, e outro máis curto, a pértega, unidos por unha correa. Úsase para malla-los cereais ou os legumes. As pezas de coiro polas que se unen os paus son dúas, cidoiro (a da pértega) e carrachola (a da mangueira).

Gadaña: é unha ferramenta agrícola que se usa para segar a rentes da terra. Está formada por unha folla curvada e rematada en punta e cun mango longo que se manexa coas dúas mans.

Forqueta, forquita, galleta: é un aparello de labranza. É un sinónimo de forquita e forquilla.
Está formado por un mango de madeira moi longo rematado nun extremo cunha peza de metal con catro dentes

Fouce: ferramenta formada por un mango de madeira unido a unha folla curva de ferro. Emprégase para ceifar ou rozar. Como na maioría dos utensilios a forma e o tamaño varían en cada comarca.

Ferrado: é un recipiente de madeira, naviforme. Emprégase como medida fundamental da colleita. O seu tamaño varía moito.
Corno da pedra: é un corno de vaca. Usábano os segadores que o levaban pendurado da cintura e cheo de auga, coa pedra de afiar. Para que a auga non se derramase ía tapado con fentos.
Angazo: instrumento agrícola que consta dun mango longo e unha travesa con dentes. Pode ser de madeira ou de ferro. Serve para xuntar ou espalla-la herba, tamén a palla, as follas, o estrume... Nalgunhas comarcas tamén recibe o nome de engazo

No hay comentarios:

Publicar un comentario