lunes, 27 de diciembre de 2010

A neve obrigou a utilizar cadeas na montaña todo o día de onte



Un tractor con cuña quitanieves, en una calle de A Fonsagrada. tanis

A neve volveu dificultar onte a circulación de vehículos polas estradas da montaña lucense. Os municipios de Pedrafita, A Fonsagrada e Cervantes foron os máis prexudicados, pois desde primeira hora da mañá as nevadas encadeáronse unha tras outra e durante todo o día foi necesario o uso de cadeas para a circulación de turismos.
A situación nos portos do Poio, O Acevo e A Fontaneira foi especialmente delicada e incluso chegou a prohibirse no primeiro o paso de camións.
O alcalde de Pedrafita, José Luís Raposo, explicou que o tránsito de vehículos era moi complicado. «Só circulan todoterreos e turismos con cadeas, pero hai que ser moi prudentes», indicou.
A neve tamén afectou á autovía do Noroeste (A-6), pero non chegou a pecharse ao tráfico. Estableceuse nivel de alerta verde, con recomendación de prudencia para a circulación de camións.
Nas zonas máis altas do sur da provincia de Lugo tamén se rexistraron nevadas. O alcalde do Incio, Ángel Camino Copa, alertou ao 112 da existencia de numerosas incidencias e dificultades para circular por varias estradas secundarias do seu municipio por mor da neve acumulada.
As copiosas precipitacións foron tamén a causa de múltiples desprendementos de pedras e terra, así como de varias caídas de árbores, que provocaron problemas para circular en varios puntos da rede viaria da provincia de Lugo, especialmente nas comarcas da Mariña e a montaña lucense.
A última hora do día do mércores, a central de coordinación de urxencias do 112 recibiu aviso por parte da agrupación de voluntarios de Protección Civil de Cervo do anegamento dunha das principais estradas de acceso á factoría que a multinacional Alcoa ten nesa localidade. De feito, se a acumulación de auga subise outros 15 centímetros, os equipos de urxencias víronse obrigados a cortar esa vía.
Tamén houbo varios desprendementos e caídas de árbores sobre estradas nos municipios de Barreiros e Viveiro. Un dos máis graves produciuse no concello vivariense ás once menos vinte da noite do mércores, á altura do quilómetro 87 da estrada autonómica LU-862.
En Mondoñedo houbo outro desprendemento na estrada autonómica LU-4401, segundo informou a central de coordinación de urxencias do 112.
Na zona da montaña lucense, varios particulares alertaron da existencia de dous desprendementos de pedras e terra na A-6, nas Nogais e Pedrafita.
Previsión: A cota de neve situarase hoxe nos 800 metros
Galicia quedará hoxe baixo a influencia dun anticiclón, o que traerá ceos máis nubrados canto máis ao oeste, cun incremento progresivo de nubes ao longo do día e con algunhas precipitacións no sur pola noite, que serán de neve por encima dos 800 metros.
Segundo Meteogalicia, os ventos soprarán de compoñente leste, frouxos, incrementándose progresivamente cara á noite. As temperaturas mínimas descenderán, con xeadas en localidades do interior, mentres que as máximas non terán cambios.
A temperatura máxima espérase en Pontevedra, con once graos, mentres que o resto oscilarán entre os dez e os cero graos. A mínima prevese para Pedrafita, con dous graos baixo cero.

No hay comentarios:

Publicar un comentario