martes, 28 de diciembre de 2010

A crise e o envellecemento reducen os ingresos dos fogares galegos


A crise económica e o envellecemento poboacional propio da comunidade galega teñen o seu reflexo na 'Enquisa de condicións de vida das familias. Ano 2009', realizada polo Instituto Galego de Estatística, que arroxa datos como que caen os ingresos medios dos fogares galegos, que aumenta a taxa de pobreza e o peso das prestacións na orixe dos ingresos.
O pasado exercicio, os fogares galegos ingresaron unha media de 2.010 euros ao mes, 19 euros menos que en 2008, e primeiro ano no que os ingresos experimentan unha caída. Por provincias, dáse unha correlación entre rendas baixas e poboación envellecida. Así, Lugo (1.938) e Ourense (1.729) son os territorios con menos retribucións medias mensuais, situándose por baixo da media autonómica. Isto, a pesar de que Ourense foi a única provincia que elevou a media respecto de 2008 (1.659 euros). Na Coruña son 2.098 euros mensuais e en Pontevedra 2.041.
As cifras de ingresos correspondentes ás sete grandes cidades apuntan a que todas se sitúan por encima dos 2.000 euros ao mes, aínda que Ourense (2.019) e Ferrol (2.250) son as que alcanzan as cifras máis reducidas. O sur de Ourense, con 1.459 euros, é a zona con menos ganancias medias mensuais por fogar. No lugar contrario atópanse as áreas de Santiago (2.275), A Coruña (2.221) e Pontevedra (2.258), como zonas máis ricas de Galicia.
Se en 2009 se reduciron os ingresos medios, tamén existen cambios na orixe dos mesmos. O traballo por conta allea segue sendo a principal fonte retributiva ao representar un 54,80% dos mesmos, aínda que esta variable reduciuse respecto ao 2008 (56,19%). Ao contrario, aumentou o peso das prestacións, ao pasar do 28,93% ao 30,76%. As provincias de Lugo e Ourense elevan ao 34,7% e o 37,5%, respectivamente, o peso das mesmas, algo vinculado co envellecemento poboacional.
Ademais, por primeira vez en máis do 50% dos fogares ourensáns son as prestacións a principal fonte de ingresos. Ocorre o mesmo no 46,62% dos fogares lucenses, o 37,24% dos coruñeses e o 36,25% dos pontevedreses. Na Coruña, o 61,17% dos fogares teñen como principal orixe de ingresos o traballo; do mesmo xeito que o 62,13% dos de Pontevedra. En Lugo e Ourense as porcentaxes son do 51,42% e o 48,42%, respectivamente. En Galicia, as prestacións representan máis do 50% dos ingresos no 39,75% dos fogares e máis do 75% no 32,27%. O 28,21% dos fogares da comunidade vive de prestacións sociais.
A percepción cidadá sobre o que lle custa chegar a fin de mes non sufriu grandes variacións respecto de 2008. Así, os que o fan con facilidade representaban o 41,91% en 2009 (un 0,5% máis que en 2008) e caen os que o fan con dificultade, ao pasar de ser o 47,63% ao 42,20%. Este último dato é así porque se produce un transvasamento cara aos que chegan a fin de mes con moita dificultade: son o 15,89% en 2009, case cinco puntos máis que no ano inmediatamente anterior. Na Costa da Morte o 71,74% dos fogares di chegar con dificultade ou moita dificultade, porcentaxe que se supera no sur de Pontevedra (75,95).
Pobreza
Outro dos efectos da crise económica e do envellecemento poboacional é un incremento da taxa de risco de pobreza en Galicia. Así, o 14,32% dos fogares viven con 605,02 ou menos euros. Son máis que en 2008, ano no que a taxa galega situábase no 13,88%. A pesar de todo, trátase de porcentaxes inferiores á media estatal, que pasou do 19,5% ao 20,8%. En 2009 o limiar da pobreza en España fixouse en 653,80 euros.
Neste contexto, as provincias do Eixo Atlántico elevaron as súas taxas de risco de pobreza, fronte ás de interior, que experimentaron unha baixada. Na Coruña, o 12,91% dos fogares viven baixo o limiar da pobreza, fronte ao 12% de 2008. En Lugo pasouse do 14,01% ao 13,23%; en Ourense do 21.71% en 2008 ao 18,31% de 2009 e en Pontevedra houbo un aumento de case dous puntos, ao pasar do 13,34% ao 15,03%.
A pesar de todo, as porcentaxes máis elevadas sitúanse no sur de Ourense (25,73%) e de Pontevedra (25,05%), seguidos da Costa da Morte e O Carballiño-Ribeiro, por encima do 20%. As máis reducidas correspóndense con Pontevedra (11,32%) e as áreas da Coruña, Ferrol-Eume-Ortegal e Lugo Central que roldan o 11%. Por tamaño dos concellos, as taxas máis elevadas danse os de menos de 20.000 habitantes, onde se sitúa por encima da media autonómica (14,32%). A de máis poboación están por baixo da mesma.
A enquisa indica ademais que a taxa de risco de pobreza sería do 31,99% antes de transferencias sociais. Esta porcentaxe é especialmente acusada en Ourense, que chegaría ao 41,34% de fogares nesta situación sen as transferencias sociais. Logo destas, a porcentaxe queda reducida ao 18,31%. En Lugo a relación é de 37,12% fronte ao 13,23%; na Coruña pasa do 30% ao 12,91% e en Pontevedra do 29,21% ao 15,03%.
Hipotecas e préstamos
Segundo o Instituto Galego de Estatística, o 21,99% dos fogares galegos ten unha hipoteca, pola que abonan unha media de 467,66 euros ao mes. A Coruña e Pontevedra, con máis do 23% dos fogares hipotecados, son os que máis pagan cada mes, máis de 475 euros. En Ourense e Lugo teñen este tipo de préstamos o 15,26% e o 19,21% das familias, e a mensualidade é lixeiramente superior aos 400 euros.

No hay comentarios:

Publicar un comentario