viernes, 3 de diciembre de 2010

A neve deixa a máis de 22.000 nenos sen clase e causa problemas nas estradas


O temporal de neve que sofre Galicia provocou este xoves que máis de 22.000 escolares quedasen sen clase, así como numerosos problemas nas estradas e incidencias doutras índoles. En concreto, Emerxencias 112 recibiu 337 avisos relacionados coa neve e o xeo, aínda que non houbo que lamentar ningún suceso especialmente grave.
En total, foron 22.197 os nenos galegos que non puideron ir á escola. Por provincias, o maior número de alumnos afectados rexistrouse na de Lugo, con 6.816 escolares. Séguenlle Ourense, con 5.486 alumnos sen clase; A Coruña, con 5.024, e Pontevedra con 4.803.O número de centros educativos afectados ascendeu a 230, a maioría de novo na provincia lucense. Así, foron 95 os colexios afectados por problemas co transporte escolar e coa neve en Lugo, dos que 27 tiveron que ser pechados ante a imposibilidade de acceso.Polo que respecta á provincia de Ourense, a segunda máis afectada, rexistrou complicacións en 72 centros educativos, dos que 42 permaneceron pechados, segundo os datos ofrecidos pola consellería. O número de colexios con problemas na Coruña ascendeu a 34, mentres que en Pontevedra foron 29 os centros afectados.As zonas de montaña e do interior son as que presentaron máis problemas, como poden ser os casos da Fonsagrada, O Courel ou Pedrafita no caso de Lugo; os municipios de Lalín, Silleda, Rodeiro ou Vila de Cruces en Pontevedra; os de Curtis, Santa Comba, Oroso, Brión ou Arzúa na provincia coruñesa; ou os concellos da Mezquita, Viana do Bolo, Riós, Xinzo de Limia, Vilariño de Conso, Bande, Avión, San Cristovo de Cea ou Sandiás, entre moitos outros da provincia de Ourense.

Numerosas incidencias nas estradas

A neve e as xeadas xeneralizadas nas comarcas galegas do interior están a provocar tamén problemas circulatorios na rede viaria da comunidade, segundo confirmaron fontes do Servizo de Emerxencias 112 e da Dirección Xeral de Tráfico (DXT).Así, producíronse numerosas saídas de vía na comunidade, aínda que sen feridos de gravidade, e varios vehículos quedáronse atrapados ou tiveron problemas circulatorios por culpa da neve ou do xeo. Unha das incidencias máis rechamantes produciuse no acceso ao polígono lucense do Ceao, onde unha vintena de coches quedaron atrapados pola neve.De feito, as nevadas provocaron problemas en varias zonas de cidade da Muralla, especialmente nos accesos, obrigando ao Concello a pór en marcha un dispositivo para facilitar a circulación no que están a traballar Protección Civil, Policía Local e Urbaser, segundo fontes do consistorio local. No centro da cidade, están a traballar varias máquinas quitaneve e estase botando sal nas vías máis conflitivas.No resto da comunidade rexistráronse varias incidencias por culpa da neve, como catro camións atrapados en Allariz, varios coches parados en Ordes, unha ambulancia atrapada en Cesures, un camión atrapado en Vilasantar e outro en Mesía. Pola súa banda, o xeo deixou atrapado un camión de conxelados en Boqueixón e un autobús atravesado na calzada en Padrón.

Problemas para circular en varios concellos

Doutra banda, a circulación permanece cortada pola neve na EP-5005 ao seu paso polo municipio pontevedrés de Cerdedo. Ademais, o tráfico é especialmente difícil na Fonsagrada, Guitiriz, Pedrafita do Cebreiro e A Bola. En Lugo, ás 19.30 horas, había un total de oito estradas provinciais pechadas nos municipios de Valadouro, Abadín, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Navia de Suarna e Pedrafita.A circulación está condicionada en localidades como Monfero, Becerreá, Ourol, Vilalba, A Veiga, Celanova, Melón, Sandiás, A Cañiza, O Covelo, A Estrada, Forcarei, Lalín ou Rodeiro. Así mesmo, é irregular en puntos como Ordes, Abegondo, A Coruña, Santa Comba, O Corgo ou Silleda.

Emerxencias atende 337 incidencias

Segundo informou Emerxencias 112, ata as 21.00 horas recibira 337 avisos de incidencias na comunidade, a maioría en relación con condutores que non podían continuar a súa marcha por causa da acumulación de neve ou de xeo nas estradas. Nese sentido, aínda existen dificultades para transitar por estradas do interior de Galicia e nalgunhas delas é preciso o uso de cadeas. En total, hai uns 130 concellos afectados e o temporal está a notarse de xeito xeneralizado nas catro provincias galegas.Así,a alerta laranxa para as provincias de Lugo, Pontevedra e Ourense segue activada, polo menos, ata medianoite. O risco para o venres radica nas placas de xeo que poden aparecer nas vías. polas dificultades causadas polo temporal de neve que afecta á comunidade galega

Próximos días

O frío manterase o venres durante un día máis en Galicia, pero só estarán en alerta amarela por risco de neve as zonas de montaña de Lugo, onde poderían acumularse máis de cinco centímetros.

Segundo as previsións manexadas por Meteogalicia, o venres a comunidade comezará a recuperar unha situación anticiclónica e a masa de aire frío irase desprazando. Así, a cota de neve, segundo pase o día, subirá desde os 400 metros pola mañá ata os 600 pola tarde. As xeadas seguirán sendo xeneralizadas.Durante a xornada do sábado, haberá que esperar a chegada dunha fronte desde o sur, que deixará un aumento progresivo das nubes. As choivas chegarán a partir da tarde ou xa de noite, comezando polo sur e estendéndose cara ao norte a partir da noite.Para o domingo, haberá que esperar a chegada dunha borrasca desde o Atlántico, cunha fronte asociada bastante activo. Esta situación deixará unha xornada de ceos cubertos, con choivas de intensidade localmente moderada. As temperaturas ascenderán.A próxima semana, predominará a influencia das baixas presións atlánticas. Deste xeito, a probabilidade de choiva será alta, sobre todo o luns. As temperaturas subirán durante estes días, para volver descender ao final da semana.

No hay comentarios:

Publicar un comentario