viernes, 2 de julio de 2010

A costa lucense é a terceira de España en praias con certificado ambiental




De 0 a 20. Así pasou de estar a Costa de Lugo en canto a praias coa certificación ambiental ISO 14001, que se rexe pola normativa máis estrita da UE, o regulamento Emas (Sistema Comunitario de Ecogestión e Ecoauditoría). Unha iniciativa da Deputación Provincial conseguiu este obxectivo, o que converte ao litoral lucense no terceiro de España, por detrás de Valencia e Cataluña, con máis areais que locen este selo de calidade e nun referente en Galicia e no Cantábrico, onde só os posúen dúas praias urbanas da Coruña e outras de Biscaia, destacou o presidente, José Ramón Gómez Besteiro.
O acto de entrega destes distintivos celebrouse este xoves fronte á praia da Rapadoira de Foz, que foi a primeira en ondear a bandeira. Alí estiveron tamén o presidente de Aenor en Galicia, Martín Pita, e os alcaldes de Foz, José María Rivera; Viveiro, Melchor Roel; Ribadeo, Fernando Suárez, e Burela, Alfredo Llano, ademais da tenente de alcalde do Vicedo, María do Pilar Otero. A estes cinco concellos pertencen as praias galardoadas, que son Areoura, As Polas, Os Xuncos, Alemáns, Llas, A Rapadoira, A Pampillosa, Peizás, Arealonga, Xilloi, Abrela, San Román, A Marosa, O Portelo, Ril, As Catedrais, Os Castros-As Illas, Covas, Area e Sacido.
Gómez Besteiro agradeceu o traballo realizado polos alcaldes. "Hai catro meses iniciamos o proceso no Vicedo con rexedores de todas as cores políticas que traballaron lealmente e hoxe cumprimos, fixemos os deberes no tempo exacto", dixo. O presidente destacou que este distintivo dará capacidade "para traballar máis e mellor" e considera que será "unha axuda moi importante de face ao futuro", con vistas a unha maior promoción dos areais, nesta ocasión avalados polos estritos controis ambientais que require a concesión do selo.
"Garante praias de auténtica calidade e vai máis aló da bandeira azul, xa que mentres esta última é unha fotografía da praia, a ISO 14001 acredita unha mellora constante". Besteiro destacou ademais que a diferenza doutro distintivo, a Q de calidade, o certificado "non só atende ás demandas dos turistas, senón tamén ás leis ambientais dos expertos da UE". En conclusión, apuntou que garante unha correcta xestión ambiental e minimiza o impacto nas praias e nos veciños.

No hay comentarios:

Publicar un comentario