martes, 20 de julio de 2010

O Concello da Fonsagrada presenta máis alegacións ao encoro do Navia



O Concello da Fonsagrada presentou un novo escrito de alegacións contra o proxecto de construción dunha presa no río Navia.
O alcalde fonsagradino, o socialista Argelio Fernández Queipo, explicou que neste caso o goberno local intentou completar os argumentos xa esgrimidos en ocasións anteriores contra o proxecto de Saltos do Navia para consgruir un encoro con cabeceira na zona da Fornaza e cuxa cola alagaría gran parte da ribeira da Fonsagrada e Navia de Suarna.
Esta quenda de alegacións corresponde á segunda exposición ao público do proxecto. A primeira foi impugnada polo Concello da Fonsagrada, que a considerou irregular porque, a pesar de ser parte afectada, non recibira a documentación sobre o proxecto e o estudo de impacto.
Argelio Fernández indicou que as alegacións inciden no impacto ambiental e socioeconómico que a presa terá na zona, pero tamén fan fincapé en incoherencias detectadas entre o estudo de impacto e o proxecto. O alcalde afirma que o proxecto de obra prevé unha cota de encoro máis alta que a contemplada no estudo, polo que se entende que a auga invadirá máis territorio que o valorado para a declaración de impacto ambiental.
Segundo os seus cálculos, o encoro alagará polo menos unha casa e afectará a máis vías de comunicación que as inicialmente previstas no estudo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario