jueves, 8 de julio de 2010

Un pasiño para tocar a gloria




Esta vez non foi Villa nin Torres, nin tampouco Llorente. Carles Puyol alzouse por enriba das torres xermanas nun salto digno de mundial de atletismo e rematou á perfección un corner excelentemente botado por Xavi.

Dun plumazo, o central do Barça rematou coas esperanzas dunha Alemaña que quería a revancha da pasada final da Eurocopa. Non o conseguiu. Volveu perder coa impotencia que supón non poder parar a unha maquinaria que este mércores funcionou á perfección, como nunca neste Mundial.

A cegadora 'Mannschaft', candidata número un ao título Mundial despois de esnaquizar a Inglaterra e Arxentina, quedou sen argumentos ante un grupo de xogadores que souberon en todo momento como xogar.

España estivo inmensa en todas as súas liñas e xa dende o inicio do partido fixo saber os teutóns quen mandaba no partido. Malia iso non foi un triunfo nada doado, xa que os de Joachim Löw puxeron en apuros a 'o Vermello' con máis dun contragolpe despois dalgunha que outra perda de balón.

Casillas estivo impresionante, sacando dous balóns envelenados, calando as bocas-unha vez máis- daqueles que dicían que non estaba concentrado.

O centro do campo de España volveu brillar como hai un ano e Xavi e Iniesta botáronse o equipo ás súas costas en busca da portaría de Neuer. A eles sumouse Vila, que se ben non marcou, traballou para o equipo como o que máis, volvendo demostrar que ten pinta de encaixar como anel ao dedo no Barça

Pedro, que entrara titular en substitución de Torres, estivo sensacional durante todo o partido, doutorándose no Mundial no partido máis importante.

O clímax chegou no minuto 73, cando Carles Puyol rematou ás redes un corner botado por Xavi, rememorando o seu gol ao Madrid no xa famoso 2-6 no Bernabéu. Naquela ocasión a única diferenza foi que o gol chegou tras unha falta.Nunca un gol da selección foi tan celebrado. O tanto de Puyol supoñía o billete para a primeira final dun Mundial e nesta ocasión España non desaproveitou a ocasión. Sufriuse ata o final: os alemáns foron a polo empate á desesperada e Pedro puido marcar outro golazo, pero xa non fixo falta, o 1-0 puxo a España a un só partido de tocar a gloria.

Na final do domingo espera Holanda, pero xa haberá tempo de pensar en Robben e Sneijder. Agora é momento de gozar. .

No hay comentarios:

Publicar un comentario