Día de Galicia, Día Nacional de Galicia ou Día da Patria Galega; en definitiva o 25 de xullo é, como dixo Castelao, ''a maior festa de Galicia, a festa de tódolos galegos''. A nosa celebración por excelencia viviuse de xeito ben diferente ao longo do tempo e, ademais cada galego ten tamén diferentes maneiras de entendela. Por iso, quixemos achegarnos a personaxes do noso país, coñecidos pola súa actividade no eido cultural e que representan diferentes ideas, sexos e xeracións para comprender como é para eles un 25 de xullo.
- Avelino Pousa Antelo (1914), presidente da Fundación Castelao
O veterano galeguista lémbranos que foron as Irmandades da Fala as que promoveron a primeira celebración do Día da Patria en 1920. O acto consistiu nun desfile cívico que partía do Concello, continuaba pola Rúa do Vilar e culminaba na Alameda compostelana xunto á estatua de Rosalía de Castro. Pousa Antelo lembra que nos anos nos que comezou a participar nesta homenaxe ''estaba presente Castelao e cantábase o himno galego dun xeito moi solemne''.''Eu pertencía ás mocidades galegas e tratabamos de dinamizar a celebración'', sinala. Para os que senten de verdade esta reivindicación os anos máis tristes foron os da Guerra Civil e a ditadura aínda que Pousa Antelo refírenos unha curiosa celebración levada a cabo polos falanxistas, que consistía nunha ofrenda á autora de Cantares Gallegos en Padrón. ''Algo estraño e desfasado'', sinala o intelectual, que este ano non acudirá aos actos do día 25 pola súa avanzada idade.
- Xosé Luís Méndez Ferrín (1938), presidente da Real Academia Galega
O mesmo día que o organismo que preside presentaba un recurso contra o decreto do galego no ensino aprobado pola actual Xunta, Méndez Ferrín contábanos que este ano pasará o Día de Galicia do mesmo xeito que o vén facendo habitualmente. Non é novidosa a súa presenza na manifestación independentista da Fronte Popular Galega (FPG), da que é membro destacado dende hai tempo, para logo ir xantar con amigos e compañeiros. O poeta ourensán cre que as diferentes reivindicacións que se fan cada ano ''son un termómetro da evolución do nacionalismo'' e lembra que dende 1968, cando a UPG convocou a primeira manifestación --''moi reprimida pola policía'', destaca-- ''aumentou o número de participantes e de protestas''. Así opina que as preocupacións van mudando e ''cada ano está marcado por un acontecemento''. Por suposto, o do 2010, será o do denomiando decreto do plurilingüismo.
- Ernesto Chao (1943), actor e responsable da compañía de teatro Lagarta Lagarta
O actor que interpretou ao mítico Miro Pereira na serie Pratos Combinados asegura que para el o Día da Patria ''xa non é o que era''. Hai uns anos adoitaba ir ás manifestacións pero ese espírito reivindicativo truncóuselle porque ''os políticos, ás veces son moi listos e fixéronse donos da celebración''. Esa excesiva presenza institucional amola ao responsable de Lagarta, Lagarta, posto que ''non me gusta reivindicar o mesmo ca eles''.Chao fai memoria e tamén se acorda do que ocorría nos tempos de Franco: ''Vivíase de xeito diferente''. Non bota de menos o réxime, por suposto, pero si a pureza das proclamas daqueles anos.
- Margarita Ledo (1951), profesora da USC
O 25 de xullo de Margarita Ledo adoita comezar xa o día anterior, acudindo aos actos do Condello de Santiago e do Consello da Cultura Galega ata que chega a noite e aproveita para observar os tradicionais fogos artificiais. O domingo irá, como sempre, á manifestación nacionalista para logo achegarse a Moraña e desfrutar da Festa do Carneiro ao Espeto, completando unhas xorandas ''de festa cos amigos e de reivindicación coas forzas nacionalistas''.As diferenzas que atopa respecto do pasado son ''formais. Agora hai un espazo habilitado para manifestarse como é a Prza da Quintana, grazas ao carácter oficial que ten o acto'' aclara. Cando estaba o caudillo no poder lembra que había ''sobresaltos porque non sabías se poderías chegar á praza''. A profesora da USC tamén cre que a defensa da lingua levará o peso princicpal na cita deste ano.
- Roberto Varela (1959), conselleiro de Cultura e Turismo
O titular de Cultura da Xunta de Galicia entende o 25 de Xullo como ''unha data sinalada para sentir o orgullo de ser galegos, sen exclusións. Sempre fun partícipe dese sentimento, desde a distancia cando as miñas obrigas na carreira diplomática o obrigaron, e tamén agora desde a miña responsabilidade no Goberno galego'', asegura. Para el, por estar no Ano Xacobeo 2010, ''esta conmemoración ten unha relevancia histórica. É o momento de festexar este momento único e de amosarse ao mundo. É o momento de Galicia e dos galegos''.Ao ter cargos de relevancia durante a súa carreira en países estranxeiros, Roberto Varela puido pulsar como senten esta data os galegos no exterior. Así, afirma que para eles ''ofrece a oportunidade de recuperar moitos dos sentimentos, experiencias e imaxes de Galicia que a distancia impide disfrutar a diario. Lonxe da nostalxia, que tamén existe, eu atopei unha necesidade vital de reivindicar a nosa identidade e a nosa cultura, con orgullo e cun sentimento festivo e alegre inherente a esta conmemoración''.
- María Lado (1979), poeta
Damos un pequeno salto xeracional para achegarnos aos que xa tiveron a oportunidade de participar no Día da Patria Galega sen tantas complicacións. Precisamente en 1979 a Xunta establecía a trvés do DOG o 25-X como Día Nacional de Galicia. A escritora María Lado asistiu ao proceso de como foi aumentando a particiapción ata ser masiva nas manifestacións. Ela afirma que ''adoitaba ir a Compostela, pero hai anos que non vou por compromisos e tamén por esa tremenda aglomeración''.A poeta de Cee experimentou un cambio nos últimos tempos ao detectar que agora hai ''unha compoñente moi festiva'', pero entende que isto é algo ''natural''. Iso si, para non pasar por eses agobios, este domingo non acudirá a Compostela e irá á praia.
- Kiko da Silva (1979), humorista gráfico
O director da revista BD Banda foi irónico e breve na súa resposta, pero á vez, bastante claro. ''Carallo si que está mal a cousa...agora Galicia xa só ten un día!'', exclama. Para atopar a maneira de celebralo, parece que lle falta un pouco de decisión: ''Como vou celebrar? Pois non sei... depende... (vamos, que vouno celebrar á Galega!)''. A retranca non podía faltar.
- María Castro (1981), actriz
Se ao noso anterior protagonista facía gala de retranca, a actriz viguesa preséntanos outro elemento moi atribuído aos galegos como é a morriña. Para ela ''todos son Días de Galicia!''. Por motivos laborais non reside habitualmente en territorio galego, o que provoca que ''falta o primeiro día que non me acompañe a morriña por esa lonxanía e que non quede durmida pensando na miña terriña querida''.Máis que nun espírito de loita política, María Castro pensa noutro tipo de reivindicación cando evoca o 25 de xullo, unha data na que ''todo o que sexa enxalzar a cultura galega, as súas bondadosas e xenerosas xentes, a súa exquisita gastronomía, as súas coloridas paisaxes... é pouco ó lado da beleza desta terra; así que este acontecemento non soamente serven para que os que xa a coñecemos e veneramos, amemos máis se cabe esta terra; senón que tamén serve para captar e namorar a persoas ávidas de atopar o verdadeiro paraíso''.
- Miguel Mosquera (1982), músico membro do grupo Ataque Escampe
A este 'rockeiro de serie b' o 25-X fáiselle curto, así que o 24 xa comeza participando nas ''actividades lúdicas'', principalmente as nocturnas. Ao día seguinte pola mañá acode tamén a algunha das manifestacións convocadas --preferentemente as independentistas-- e logo ao xantar que promove algunha desas organizacións. En definitiva que toma este acontecemento como ''un día para confraternizar''.Esa é a parte que máis valora, que a xente que ten ''sensibilidade nacional'' se xunte e ''veña a confraternizar e a loitar por unha causa que considera xusta e vai máis alá dun feito punutal''. Miguel Mosquera fai fincapé na importancia de que este evento ''saia adiante ano a ano, non como por exemplo unha celebración dun triunfo da selección española, que é un feito moi puntual e bastante cargado de irracionalidade'', opina.
No hay comentarios:
Publicar un comentario