viernes, 2 de julio de 2010

Só 259 galegos declaran 601.000 euros, mentres o 44% non chegan a mileuristas


Apenas 33.055 contribuíntes ingresan máis de 60.000 euros polo seu traballo, segundo o balance do IRPF do 2008
Para máis de medio millón de galegos (553.324) chegar a mileuristas é un soño. Son as persoas que, segundo a estatística de Facenda relativa á campaña da Renda do 2008, ingresan polo seu traballo menos de 12.000 euros brutos ao ano, algo que lle sucede ao 44,3% dos contribuíntes da comunidade.
A estatística de Facenda, que se fixo pública un día despois de que finalizase a campaña do IRPF do ano 2009, volve reflectir a diferenza entre os salarios que cobran os traballadores galegos e a media do país. Así, se en España dous de cada tres traballadores (máis de 12,7 millóns de persoas) non superan o limiar dos 21.000 euros brutos ao ano (o que se traduciría nun soldo duns 1.200 euros netos ao mes con dúas pagas extraordinarias), en Galicia esa porcentaxe chega ao 72,4%. Segundo os datos da Axencia Tributaria, a renda media derivada do traballo en Galicia sitúase nos 16.573 euros brutos ao ano, un 14% menos que os 19.288 do conxunto de España.
Un desequilibrio que se traslada tamén ás rendas máis altas. Apenas 33.055 galegos declararon ao fisco uns ingresos superiores aos 60.000 euros anuais (o 2,64%), mentres que só 259 recoñeceron ingresos superiores aos 601.000 euros, o 0,02%. Justo a metade que en España, onde 8.059 persoas, dun total de 19,4 millóns, tributaron por máis desa cantidade. E é que as grandes fortunas poden esquivar o imposto sobre a renda xestionando os seus ingresos e patrimonios a través de sociedades cun tratamento fiscal máis vantaxoso, como as sociedades de investimento colectivo (sicav), que apenas tributan un 1% anual e alixeiran a súa factura total co fisco.
Unha factura que, nalgúns casos ata lles é favorable. Así, 60 deses 259 grandes capitais galegos viron como o erario público devolvíalles unha media de 13.968 euros a cada un. Claro que aqueles a os que a declaración lles saíu a pagar tiveron que abonar unha media de 158.531 euros cada un.
Deducións
Seis meses antes de que quede sen vigor a dedución por compra de vivenda habitual (que a partir de xaneiro do ano que vén só poderán aplicarse as rendas inferiores aos 24.000 euros brutos ao ano), durante a campaña da Renda do ano pasado un total de 302.000 contribuíntes galegos (case a cuarta parte do total) desgravaron a hipoteca coa que adquiriron ou rehabilitaron a súa primeira vivenda ou as cantidades ingresadas nas súas contas vivenda (que tamén deixarán de deducirse a partir de xaneiro do ano que vén). A media destas deducións foi de 742 euros por contribuínte (entre a parte estatal e a autonómica), fronte aos 816 que se descontaron de media os 6,6 millóns de contribuíntes españois que se acolleron a estas deducións.
Non só os propietarios de vivenda alixeiraron a súa factura con Facenda, que tamén minguou para os 32.062 galegos que deduciron os seus alugueres, o que lles permitiu un aforro medio de 290 euros na súa declaración do 2008, 76 menos que no conxunto do país.
341 millóns
En total, a Axencia Tributaria devolveu 341,25 millóns de euros en Galicia durante a campaña da Renda do ano pasado, na que 1.003.090 declaracións resultaron a favor do contribuínte (cunha devolución media de 672 euros) mentres outros 231.237 tiveron que porse ao día co erario público, ao que lle ingresaron 1.471 euros por cabeza, aínda que con grandes diferenzas segundo o tramo de ingresos. En España, a devolución media foi de 806 euros para os 15,7 millóns de persoas cuxa declaración saíu a devolver, mentres que para os 3,54 millóns que pagaron, a factura ascendeu a 1.897 euros por persoa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario