lunes, 26 de julio de 2010

A música do País: 120 anos de hino


Pascual Veiga

Eduardo Pondal

Dende 1984, a Lei de Símbolos de Galicia establece os tres elementos que oficialmente representan a identidade galega. E estes tres símbolos serían a bandeira, o escudo e o hino. A historia deste último, dende que a súa letra naceu da pluma do poeta Eduardo Pondal a finais do século XIX, conta con diversas circunstancias que foron difíciles de tracexar.Ademais, os versos de Pondal foron ao longo dos anos recortándose e deixando atrás diversos aspectos que xa oficialmente non son recoñecidos pola Xunta de Galicia.
A Coruña, 1890
A primeira noticia que se ten arredor do nacemento do hino galego data do ano 1890, cando o afamado compositor Pascual Veiga lle remite unha carta a Pondal na que lle informa ao poeta de que no mes de agosto dese mesmo ano a sociedade coral 'Orfeón Coruñés nº4' realizará un Certame no que se concederá un premio á mellor marcha rexional galega, pedíndolle Veiga a Pondal que el realizase a letra a partir da cal os concursantes deberán traballar.Por suposto, o poeta acepta o ofrecemento do compositor e no mes de abril dese ano Pondal envía a primeira versión do que actualmente é o hino de Galicia. Poren, Veiga solicita a Pondal unha serie de cambios métricos que facilitasen a musciación da letra. Co pequeno fastidio que estas indicacións teñen para o seu traballo lírico, o poeta enviará as correccións. A continuación, indicamos cal foi a primeira redacción de Pondal, antes de engadir as correccións de Veiga, uns versos que levan o primeirizo título de 'Breogán':

Que din os rumorosos,
Na sua ruda pendente,
Ó resprandor dormente,
Do pracido luar?
Que din das altas copas,
Cheas de mil queixumes,
Os arpados arumes,
No seu doce fungar?–
De verdura cingida,
E de benígnos astros,
Terra dos verdes castros,
E do céltico clán;
Non esquezas escura,
Da injuria o rudo encono;
Desperta do teu sono,
Filla de Breogán.
Tódol’os generosos,
Nosos cantos entenden;
E docemente atenden
,O noso rouco son:
Mas aqueles ignaros,
Avarentos e duros,
Preguizosos e escuros
No-nos entenden, non.
Os tempos son chegados,
Q’ auguráno as edades;
Q’ as tuas vaguedades,
Cumprimento terán;
Pois donde quer gigante
Noso murmullo soa
A redencion da boa
Terra de Breogán.
Teus fillos vagorosos,
En quen fero honor late
A glorioso combate
Aprestandose van:
Sé por ti mesma libre
D’ indígna servidume,
E d’ oprobioso alcume,
Filla de Breogan.
Á boa Lusitania,
Vosos brazos tendéde;
Pois voso auxilio pede,
Con un pungente afan;
Cumpríde as vaguedades
Dos vosos altos pinos,
D’uns gloriosos destinos,
Fillos de Breogán.
Amor da terra verde
Da verde terra nosa;
Ergue a raza gloriosa
,D’ Ousinde e de Froxán;
E aló nos seus garridos
Justillos, mal constreitos,
Os amorosos peitos,
Das fillas de Breogán!

No panfleto anunciativo do Certame do Orfeón coruñés recóllense as modificacións realizadas por Pondal a petición do compositor. Nesta versión o poema de Pondal aparece con dúas novas estrofas e sae publicado co que será o seu título definitivo, 'Os Pinos':

Que din os rumorosos
na costa verdescente
ó rayo tranparente
do prácido luar...?
Que din as altas copas
d'escuro arume arpado,
co seu ben compasado,
monótono fungar...?
-Do teu verdor cinguido
e' de benignos astros,
confín dos verdes castros,
e valeroso clán,
non dés a esquecemento,
da injuria o rudo encono;
despérta do teu sono,
Fogar de Breogán.
Os boos e generosos,
a nosa voz entenden;
e con arroubo atenden
o noso rouco son;
mas, sós os ignorantes,
e férridos e duros,
imbéciles e escuros,
no-nos entenden, non.
Os tempos son chegados,
dos bardos das edades,
q'as vosas vaguedades,
cumprido fin terán;
pois donde quer gigante,
a nosa voz pregóa,
a redenzón da bóa
nazón de Breogán.
Teus fillos vagorosos, e
n quen honor só late,
a intrépido combate,
dispondo o peito ván;
sé por ti mesma libre
d'indígna servidume,
e d'oprobioso alcume,
región de Breogán.
A' serva Lusitania,
os brazos tende amigos;
q'ós éidos ven antigos,
con un pugente afán;
e cumpre as vaguedades
dos teus soantes pinos,
d'uns mágicos destinos,
oh grey de Breogán!
Amor de terra verde,
da verde terra nosa;
encende á raza briosa,
d'Ousinde e de Froxán;
e aló nos seus garridos,
justillos, mal constreitos,
os doces e albos peitos
das fillas de Breogán.
Q'a nobre prole insinen,
fortísimos acentos;
non mólidos concentos,
q'á vírges só ben 'stán;
mas os robustos écos,
q'oh pátria, ben recordas,
das sonorosas cordas,
das arpas de Breogán.
Estima non s'alcanza,
c'un vil gemído brando;
cal quen requer rogando,
con voz q'esqucerán;
mas c'un rumor gigante,
sublime e parecido
ó intrépido sonido
das armas de Breogán!

O Certame tivo lugar o día 15 de agosto de 1890 e, segundo tiña previsto a organización, ao remate do acto todas as bandas presentes do certame representarían conxuntamente a composición gañadora. Pascual Veiga incluso tiña creada unha partitura sobre o texto de Pondal para a súa interpretación no caso de terse declarado deserto o premio. Precisamente, é esta a partitura que acabou representando oficialmente a música do hino galego.Mais, o premio non ficou deserto, senón que recaeu no músico maior da Armada de Instrución, o catalán Ivo Gotós, pero a música gañadora nunca foi interpretada sen que se coñezan completamente os motivos. Porén, sábese, segundo a prensa coruñesa daquela época, que a versión de Pascual Veiga fora ensaiada nos días previos ao Certame.
La Habana, 1907
A partir de entón, e até o ano 1906, a letra de Pondal e a posibilidade dun hino galego fica no esquecemento, ate que é recuperada por un dos persoeiros máis salientables da migración galega, Xosé Fontenla Leal, quen escribiu unha carta desde La Habana, presentándose como ''grabador litógrafo'', a Pascual Veiga no ano anteriormente citado para solicitarlle a partitura que éste realizara sobre o poema de 'Os Pinos'.Antes de decidirse a poñerse en contacto con Veiga, Fontenla Leal xa ideara tamén a creación dun hino, polo que previamente á súa comunicación co músico mindoniense solicitáralle a un dos grandes poetas do Rexurdimento, Manuel Curros Enríquez, a letra para esa composición, sen que conseguira unha resposta satisfactoria deste escritor. Para este proxecto esperaba contar coa música do compositor José Castro ''Chané''. Talvez porque esta iniciativa non conseguiu saír adiante, decidiu recuperar a música de Pascual Veiga.Fontenla Leal foi un importante activista do galeguismo na migración cubana a comezos do século XX. Tivo unha forte ligazón con Centro Gallego de La Habana, así como presidente da Unión Reduccionista Gallega, entidade de apoio ás loitas agrarias en Galicia, e impulsor da futura Real Academia Galega. Ademais de todo isto, hai que facer notar o seu importantísimo papel para a popularización e futura oficialización da composición de Veiga e Pondal como hino galego.Tras as xestión realizadas por Fontenla Leal, é o 20 de decembro de 1907 cando soa por primeira vez nun acto público o que sería o actual hino galego. Ademais, é unha data singular, pois trátase dunha homenaxe ao propio Pascual Veiga, quen morrera o 12 de xullo do ano anterior, pouco despois de enviar a partitura cara a La Habana. Así, nesa xornada o hino galego é executado pola Banda Municipal de La Habana, ás ordes do seu director Guillermo M. Tomás.No ano 1908, o hino de Pondal e Veiga é declarado oficial nas actividades do Centro Gallego de La Habana, un recoñecemento cuxo impulsor foi o propio Xosé Fontenla Leal.
1912: o hino chega a Galicia
Trala a súa oficialización na migración o hino non chegaría ao territorio galego ata o ano 1912. En concreto, o 17 de setembro deste ano, día no que os restos de Pascual Veiga son tranladados ate o cemiterio do seu natal Mondoñedo. Amósase un interese especial sobre este acto na prensa, que vai dando noticias dos ensaios da solemne interpretación musical. É despois deste acto cando comeza a espallarse o emprego do hino galego por toda Galicia.A popularización da canción de Veiga e Pondal tivo outra data salientable, o 20 de agosto de 1916, cando se celebrou unha festa benéfica na praza de Touros de A Coruña. Nese evento o hino foi interpretado ao remate por varios coros. Esta interpretación fixo que os veciños reclamasen á banda militar da cidade que engadise ao seu repertorio a música do poema de 'Os Pinos'.Tamén tiveron unha importancia vital na difusión do hino galego as Irmandades da Fala, organización fundada no ano 1916. Dende as páxinas de diversos xornais, un dos fundadores das Irmandades, Antón Vilar Ponte, reivindica a oficialización do hino. As Irmandades empregarán o hino nos seus actos e, grazas ao traballo que se desenvolve coa creación de coros populares por toda a xeografía galega, éste espallarase por toda Galicia.No ano 1917, o máximo impulsor do hino na migración, Xosé Fontenla Leal, visita Galicia co gallo do translado dos restos do músico José Castro 'Charné'. Fontenla aproveitará a ocasión para visitar ao autor da letra da canción que el oficializou en La Habana, Eduardo Pondal, quen morrerá pouco despois, o día 8 de marzo de 1917. Anos atrás Fontenla solicitara a Pondal o manuscrito de 'Os Pinos'. Durante a súa visita a Galicia, os Amigos da Fala celebrarán un xantar de recoñecemento a Xosé Fontenla Leal.O recoñecemento do hino tamén segue a dar pasos adiante. En 1919 ten lugar a Asemblea Nacionalista de Lugo, onde se acorda que ''en tódolos actos oficiaes nos que se cante a himno nazonal galego s'incruya ista estrofa, feita por Pondal com'as outras para a música de Pascual Veiga: 'Á nobre Lusitania...'''.Porén, o espallamento do hino sufrirá un serio revés coa chegada da ditadura de Primo de Rivera no ano 1923, que prohibirá o emprego do hino en actos públicos. Ate a celebración do 25 de xullo de 1930 non volta haber unha presencia notoria do hino galego.O 6 de decembro de 1931 ten lugar a fundación do Partido Galeguista, organización que declara como ''hino nacional'' a composición de Pascual Veiga a partir do poema 'Os Pinos' de Eduardo Pondal. Así, en todos os actos do PG, así como nos de Galeuzca, se interpretará o hino galego.Coa chegada do franquismo, o hino galego volta desaparecer da vida política. Así, ate os anos 60 as únicas referencias a el son só ás súas primeiras estrofas e cun carácter máis ben folclorizante que identitario. É a partir dos 60, cando colle forza a resistencia antifranquista cando o hino volte a reaparecer, nesta ocasión en actos políticos semiclandestinos. Coa morte de Franco e a chegada da monarquía parlamentaria ao Estado español, o hino é revestido de oficialidade a través do Estatuto de Autonomía e posterior Lei de Símbolos de Galicia, para a cal a letra de 'Os pinos' se reduce ás seguintes estrofas:

¿Que din os rumorosos
na costa verdecente,
ao raio transparente
do prácido luar?
¿Que din as altas copas
de escuro arume arpado
co seu ben compasado
monótono fungar?
Do teu verdor cinguido
e de benignos astros,
confín dos verdes castros
e valeroso chan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta do teu sono
fogar de Breogán.
Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden
e con arroubo atende
o noso rouco son,
mais sóo os iñorantes
e féridos e duros,
imbéciles e escuros
non os entenden, non.
Os tempos son chegados
dos bardos das edades
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois, donde quer, xigante
a nosa voz pregoa
a redenzón da boa
nazón de Breogán.

No hay comentarios:

Publicar un comentario