viernes, 10 de abril de 2009

O incremento da débeda dos galegos retárdase pero xa é de 68.000 millóns

As familias e empresas de Galicia están máis endebedadas que hai un ano, pero o aumento desta débeda xa non cabalga á mesma velocidade que en exercicios precedentes. O agravamento da crise económica, o derrubamento da compravenda de vivendas e a precaución coa que as entidades financeiras prestan agora o seu diñeiro provocaron que o ritmo de crecemento do endebedamento sexa o máis baixo da última década.

A débeda das familias e empresas da comunidade alcanzou a finais do pasado ano os 68.860 millóns de euros. Unha cifra que multiplica case por seis o presuposto da Xunta para 2009 ou por máis de tres o do Ministerio de Fomento. Os 68.860 millóns superan en 4.700 (7%) a cifra do pasado ano. Non obstante, por primeira vez dende 1999 -últimos datos dos que dispón o Banco de España- o incremento porcentual non alcanzou os dous díxitos.

Á calor da bonanza económica, o boom inmobiliario e os tipos de interese moi baixos, o endebedamento dos galegos creceu nos últimos catro anos a ritmos moi vivos. Así en 2004 o incremento fora do 16%; en 2005 do 26%; en 2006 do 23% e en 2007 do 18%. Non obstante, en 2008 o aumento caeu ata o 7% e os expertos prognostican que para 2009 a suba sexa aínda menor.

A economía desacelérase e a débeda rexistrou os primeiros síntomas de caída o pasado ano, aínda que xa o crecemento en 2007 tamén fora máis baixo que en exercicios anteriores. Malia iso, o diñeiro que os fogares e negocios da comunidade deben ás entidades financeiras duplicouse nos últimos catro anos.

Segundo un informe do Banco de España, a débeda da comunidade superou por primeira vez a finais de 2008 os 70.000 millóns (70.370, 11,6 billóns de pesetas). Deles, 68.860 pertencen ao sector privado (familias e empresas), mentres que os 1.510 restantes son do sector público (Xunta e administracións locais). As caixas de aforro soportan a maior parte da débeda dos galegos con 36.302 millóns prestados. Séguenlles a pouca distancia os bancos con 32.224 e máis lonxe as cooperativas de crédito con 334. Galicia é a sétima comunidade onde os fogares e negocios deben máis diñeiro a bancos e caixas. O total nacional supera os 1,7 billóns de euros. Madrid encabeza a lista con 449.360 millóns; seguida de Cataluña con 339.656; Andalucía con 234.452 e Comunidade Valenciana con 183.480. Estas catro comunidades superan o 67% do total da débeda nacional.

Entre as menos endebedadas figuran Asturias con 26.876 millóns; Navarra con 24.406; Extremadura con 22.227; Cantabria con 15.964 e La Rioja con 12.811.

Por provincias, os habitantes da Coruña son os que máis débedas teñen cos bancos: 31.386 millóns, o 45,5% do total galego -ao igual que no exercicio anterior- e un 7,4% máis que en 2007. Os segundos son os pontevedreses con 26.376 millóns, un 7,9% máis que hai un ano, seguidos dos lucenses con 5.646 (+0,7) e os ourensanos con 5.457 (+11,2%).

As baixadas de tipos de interese aplicadas polo Banco Central Europeo (BCE) adelgazaron a remuneración media dos depósitos a prazo ata o 3,12% en febreiro, o que supón un descenso do 1,4 puntos porcentuais dende o mesmo mes do ano anterior, segundo datos do Banco de España.


No mesmo senso, o custo dos préstamos ás familias tamén descendeu nos últimos doce meses, ata colocarse en febreiro no 4,35% para as novas operacións de crédito para a compra de vivenda, fronte ao 5,59% de interese medio correspondente ao mesmo mes de 2008.Pola contra, segundo os últimos datos do organismo que preside Miguel Ángel Fernández Ordóñez, o tipo de xuro medio aplicado para os novos créditos ao consumo dos fogares subiu en doce meses dende o 10,48% ata o 10,80%, o que pode interpretarse como unha maior prima de risco.

O abaratamento do prezo do diñeiro establecido polo instituto emisor europeo dende o 3,75% que marcaba a principios de 2008, ata o 2% de febreiro de 2009 repercutiu á baixo na remuneración dos aforros das familias.

Na actualidade, os tipos de interese encóntranse no 1,25%, o nivel máis baixo da historia dende que existe a eurozona, tras a decisión adoptada polo BCE o pasado 2 de abril de recortar o prezo do diñeiro nun cuarto de punto, menos do esperado polo mercado para reactivar a economía.

No hay comentarios:

Publicar un comentario