As granxas galegas importan cada ano máis de 15.000 vacas de reposición de países da Unión Europea e doutras rexións de España, para manter o seu nivel de produción e o nivel xenético da súa cabana. En 2007, as explotacións de Galicia compraron 15.870 cabezas de gando, mentres que o ano pasado, até o mes de outubro, entraron na comunidade 9.508 reses, segundo datos facilitados pola Consellería de Medio Rural.
COMPRAS GALEGAS
EN 2007 Doutras rexións de España, as granxas galegas importaron 10.999 animais de reposición durante 2007, dos que 6.065 tiñan entre 18 e 36 meses e 4.934 máis de tres anos de vida. A maioría das vacas compradas noutras comunidades foron adquiridas por explotacións dedicadas á produción de leite -7.360-, mentres que os produtores de carne adquiriron 3.639 reses. En canto ao lugar de procedencia destes animais, as granxas de Asturias, Cantabria e Castela León foron as principais provedoras nacionais do mercado de reposición en Galicia, con 3.230, 5.446 e 971 vacas vendidas ás explotacións galegas en 2007, respectivamente. Por outra banda, as explotacións galegas tamén importaron 4.871 animais de reposición doutros países da Unión Europea en 2007, especialmente de Alemaña e Francia, de onde chegaron 1.412 e 1704 vacas, respectivamente, a maioría para granxas dedicadas á produción de leite.
ADQUISIÓN DE ANIMAIS EN 2008
Até outubro do pasado ano, as granxas galegas habían importado 6.310 animais de reposición doutras rexións de España, dos que 3.769 tiñan entre 18 e 36 meses de vida e 2.541 máis de tres anos de idade. A inmensa maioría das vacas adquiridas noutras comunidades pasaron a formar parte da cabana das explotacións dedicadas á produción de leite, en total 4.044, mentres que os restantes foron compradas por produtores de carne. As granxas de Cantabria foron o pasado ano, con moita diferenza, as que máis vacas de reposición venderon para as explotacións galegas, cun total de 2.879 animais, seguidas polas asturianas, con 1.713, e as aragonesas, con 779 reses -todas de leite e cunha idade comprendida entre 18 meses e tres anos-.
IMPORTACIóNS DA UNIÓN EUROPEA
Con respecto á importación doutros países da UE, as granxas galegas adquiriron o pasado ano, até o mes de outubro, 3.198 vacas de reposición, a maioría dedicadas á produción de leite e cunha idade comprendida entre 18 meses e tres anos de idade -en total 2.837 reses-. En canto aos países de procedencia, Alemaña, con 1778 animais vendidos e Francia, con 825, foron os principais provedores.
PERIGOS DA IMPORTACIÓN
O xefe dos servizos técnicos da Consellería de Medio Rural na provincia de Lugo, José Ángel Burgo, considera que o principal perigo desta importación masiva de animais de reposición, por parte das granxas galegas, radica precisamente no estado sanitario das vacas que incorporan á súa cabana, posto que se son portadoras de calquera enfermidade, poden converterse en transmisoras da mesma. De feito, os servizos veterinarios da Consellería de Medio Rural detectaron os primeiros casos da enfermidade da lingua azul en animais que chegaran a Galicia procedentes doutros países da Unión Europea, aparentemente sen pasar os pertinentes controles sanitarios. Nese sentido, Burgo subliña que, dado o notable "status sanitario" da cabana bovina galega -con varias enfermidades que antigamente eran endémicas practicamente erradicadas, como a brucelose ou a tuberculose-, resultaría máis seguro para as granxas recriar aos seus propios animais, o que tamén lles permitiría aforrar diñeiro e manter o nivel xenético das súas produtoras de leite.
AXUDAS E SUBVENCIóNS
Burgo explica que a Consellería de Medio Rural habilitou, precisamente, unha liña de axudas para promocionar a recría de gando vacún en Galicia, dirixida fundamentalmente ás explotacións que teñen un alto valor xenético na súa cabana, con animais inscritos nos libros genealógicos das razas frisoa ?produción de leite- e loura galega ?carne-. A cantidade máxima que concede a Xunta oscila entre 160 e 250 euros por animal, en función da raza, mentres que cada explotación pode beneficiarse dun máximo de 3.250 euros por ano, cun tope de 7.500 euros en tres anualidades. Burgo tamén precisa que o prazo para solicitar esas axudas finaliza o próximo 11 de maio. Ademais, Medio Rural está a ultimar o borrador doutra liña de axudas, neste caso dirixida ás cooperativas e Sociedades Agrarias de Transformación para que poñan en marcha centros de recría comunitarios. Esta orde foi publicada nos dous últimos anos, pero en 2009 incorpora unha novidade, porque a Xunta de Galicia tamén financiará a contratación de persoal, para apoiar estes proxectos.
Informacion facilitada pro AGROCOPE
NUNCA DIGAS DESTA AUGA NON BEBEREI. A VIDA É UN CAMIÑO DEMASIADO LONGO E EN OCASIONS PODES TER SEDE
MONOGRAFICOS (PREME NO QUE CHE INTERESE)
- RUTAS DE SENDEIRISMO A FONSAGRADA
- ATLAS DE MAMIFEROS VERTEBRADOS DE BURON
- PARROQUIAS DA FONSAGRADA: INFORMACION PROPIEDADE DE FONSAWEB
- EVENTOS A FONSAGRADA
- SENDEIRISMO FOTOGRAFICO DA FONSAGRADA
- OS TRABALLOS D@S FONSAGRADIN@S
- GALERIA FOTOGRAFICA DOS POBOS DA FONSAGRADA
- ETNOGRAFIA DA FONSAGRADA
- PASAMOLO A LIMPO
- A PRENSA FONSAGRADINA NO SECULO XX
- TURISMO RURAL VEIGA DE LOGARES
- PATRIMONIO ARQUEOLOXICO DA FONSAGRADA
- A FONSAGRADA TV
- HORTICULTURA
- ANTARUXAS E SORTEIROS
- A FONSAGRADA NO DICCIONARIO MADOZ
- FOTOTECA BURONESA
- DICCIONARIOS DE GALEGO
No hay comentarios:
Publicar un comentario