jueves, 2 de abril de 2009

O paro subiu un 2,38% en Galicia ata os 211.484 desempregados



O número de parados rexistrados nas oficinas públicas de emprego de Galicia ao termo do mes de marzo subiu en 4.914 persoas (2,38%) en relación co mes anterior, co que o número de desempregados situouse en 211.484, segundo datos do Ministerio de Traballo.
A subida do paro na comunidade galega en termos porcentuais foi do 2,38 por cento, mentres que no conxunto de España foi do 3,55%. O paro incrementouse máis na Coruña (2,98%) e Pontevedra (2,69%), mentres que subiu en menor medida en Lugo (0,94) e Ourense (0,49).
En relación co mesmo mes do ano anterior, o paro en Galicia subiu en 51.304 persoas, o que supón un aumento do 32,03%. O paro masculino situouse a finais do mes pasado en 94.580 e o feminino cifrouse en 116.904. Do total de parados de Galicia, 22.746 son menores de 25 anos, deles 12.837 son homes e 9.909 mulleres.
Por sectores, o paro creceu máis en servizos, con 2.392 desempregados máis; seguido do colectivo sen emprego anterior (1.378); industria (828); construción (386); mentres que só descendeu en Agricultura en 70 persoas.
O número de contratos en marzo situouse en 49.122, é dicir, 2.587 máis que no mes anterior, o que supón un aumento do 5,56%. Deles, 6.176 foron indefinidos, o que representa un descenso de 330 respecto ao mes anterior (un 5,64%).

No hay comentarios:

Publicar un comentario