martes, 2 de febrero de 2010

A Fonsagrada, no límite asturiano




A sección As Comarcas de Galiza continúa o seu percorrido pola xeografía galega sacando á luz recunchos destacados polo seu valor natural, paisaxístico e etnográfico. Desta vez achegámonos ao patrimonio da Fonsagrada, unha comarca formada polos concello de Baleira, A Fonsagrada e Negueira de Muñíz, e poboada dende a antigüidade como testemuñan as moreas de restos arqueolóxicos topados na zona.


A Fonsagrada abrangue un espazo amplo nas serras orientais, ao leste da provincia de Lugo, entre A Terra Cha e a fronteira con Asturias. Ocupa case 700 quilómetros cadrados pero, o seu relevo irregular, con fortes pendentes e bastante altitude, dificulta a súa explotación agrícola e, en consecuencia, non contou nunca cunha ocupación masiva do territorio (na actualidade só habitan a comarca ao redor de 8.600 persoas).

Malia todo, dende o punto de vista natural “é unha comarca de gran interese”, segundo Adela Leiro, porque “conserva grandes espazos de bosque autóctono protexido, impresionantes paisaxes de val e montaña e considerábeis valores etnográficos, históricos e artísticos”.

Non é probábel que esa fose a razón que levou ás xentes do Neolítico a estabelecerse nesta zona, pero o certo é que estas terras foron ocupadas dende antigo. Para algúns autores, a historia da comarca remóntase ao século IV, cando adquiriu importancia como estación dun itinerario entre Asturias e Lugo, aínda que se conservan castros e algún dolmen anterior a estas datas.

A devoción e peregrinaxe a Compostela tamén deixaría pouso na comarca. Por ela pasaba un dos itinerarios do camiño de Santiago e foi tal a importancia que adquiriu que foi mudando mesmo a súa historia. No camiño, era obrigada a visita da capela de Santa María de Fonsagrada, onde había un albergue e unha fonte, de nome Fontem Sacra, que algún apunta que podería ser a orixe do topónimo.

Pero ademais de lugar de paso para a fe cristiá europea, a Fonsagrada foi tamén testemuña dalgunhas loitas das potencias do vello continente. Durante o primeiro terzo do século XIX, no ano 1809, pola zona libráronse escaramuzas entre franceses e galegos. As tropas francesas pasaron por alí capitaneadas por Soult en persecución do xeneral Sir John Moore e incendiaron o lugar da Fontaneira. Como reacción, os veciños de Baleira, dirixidos por Xosé María Páramo e Montenegro, xunto cos dos actuais concellos de Baralla e Castroverde, opuxéronse aos franceses.

Lecer verde

A actividade turística baseada na natureza comeza a explotarse como recurso, sumándose así ás ocupacións principais de gandería, aproveitamento forestal, pequenas industrias e do sector servizos.

Ao redor do encoro de Grandas de Salime pode realizarse unha ruta duns 20 quilómetros. Comeza en Escanlar, no concello de Negueira de Muñíz, no límite con Asturias, continúa por Ernes, Foxos, Vilaseca, Ouviñao até Chao de Arquela.

Destaca polo seu interese paisaxístico o Monte da Marronda, no concello de Baleira, que se presenta como o enclave máis occidental de Europa no que se atopan faias. No mesmo concello, tópase tamén a Fraga de Estornín, onde nace o Eo, onde se dá unha grande variedade de flora e fauna.

Etnografía entre catro paredes

Na Fonsagrada inaugurouse en 1985 o Museo Etnográfico, que ocupa tres plantas do Centro cultural da vila, dedicado a etnografía e a arqueoloxía. No seu interior poden verse unha representación dunha cociña típica galega, cos seus elementos fundamentais, unha fragua e obxectos relacionados cos oficios tradicionais do lugar, como era o caso dos zoqueiros, castañeiros, cesteiros ou tecedoras.

Fóra da museo, consérvanse exemplos de todo ese patrimonio espallado pola comarca. Un deses elementos característicos da comarca, xunto cos canastros, son as pallozas, que durante séculos se usaron na alta montaña dentro da economía gandeira. Este tipo de construcións aínda se poden ver en lugares como Paradavella, Pedrouzos, Ervelás e Liñares de Maderne.

Tamén quedan restos de ouriceiras no interior dos soutos, que serviron no pasado, coa súa planta circular realizada en cachotería, para secar e conservar as castañas dentro do seu propio ourizo, o que favorecía a súa conservación durante todo o ano.

A comarca conta no seu haber con dúas marcas dentro dos rexistros galegos. Dunha banda, dentro dos seus límites sitúase o concello máis extenso do país, A Fonsagrada, con máis de 29 parroquias e 278 entidades menores de poboación. Doutra, contar cun dos concellos menos poboados, Negueira de Muñíz. De feito, este factor contribuíu a construción do encoro de Grandas de Salime, que anegou en 1956 unha grande parte do territorio, no val do río Navia e provocou o traslado de parte da súa poboación ás zonas desecadas da Terra Cha.


Teixo de Córneas, 400 anos de historia


No concello de Baleiras resiste un dos teixos máis antigos de Galiza, o teixo de Córneas. Mentres seguían a chegar a Sevilla os metais preciosos de América vía marítima, ao redor do 1600, na parroquia de Córneas plantábase no adro da igrexa o que está considerado o teixo máis vello do país. Actualmente mide máis de 7,4 metros de perímetro troncal e 14 metros de altura.

Pero non é o único da comarca. Na Fonsagrada, ao carón da igrexa, poden contemplarse dous exemplares, os teixos de Carballido, que miden 14 e 11 metros de altura e 4,50 e 4 metros respectivamente. Ambos teñen ao redor de 150 anos.

Destaca tamén o teixo da Pasada, na casa de Riba, na Parroquia de Fontaneira (Baleira), con 9 metros de contorno e 20 metros de altura.



Unha ducia de fervenzas



Pola súa orografía, a comarca conta cun elevado numero de fervenzas e pequenos saltos de auga, ás que en moitas ocasións se pode acceder a través de rutas de sendeirismo sinalizadas. Unha delas é a seimeira de Vilagocende, na parroquia de Martiño de Suarna (A Fonsagrada), cunha caída de máis de 50 metros sobre un val de lousas con paredes de cuarcita. A zona está acondicionada cunha senda e pontes de madeira.

Menos espectacular é a fervenza de San Paio, na parroquia de Cubilledo. O salto ten unha altura de 10 metros pero está un pouco modificado pola presa do muíño. Está rodeado por bosque de ribeira, nas proximidades da fraga da Marronda.

Outra ruta posíbel conduce ás Seimeiras do Queixoiro, na parroquia da Bastida (A Fonsagrada). O rego do Queixoiro discorre por un terreo de lousas e forma numerosos rápidos e fervenzas. A primeira mide ao redor de 15 metros e a segunda 12. A ruta discorre por bosques vellos de castiñeiros onde se conservan restos de ouriceiras.

historicamente os habitantes fixeron aproveitamento dos recursos do lugar. Neste sentido, paramos nos muíños, ferrerías e mazos que se esparexen polos ríos da Fonsagrada e que serviron para moer secularmente cereais e para traballar os metais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario