Con todo, unha das iniciativas máis interesantes é a da firma “Porco Celta Fonsagrada”. Empregando esta raza autóctona galega en perigo de extinción, a empresa investigará como elaborar paté. Ademais tratará de estandarizar a elaboración de chanfaina, ou chourizo de cebola.
Destaca tamén a proposta de “Calfensa Proxectos”, que busca a obtención dun híbrido mellorado de millo a partir de variedades locais, para o seu uso como forraxe. O proxecto será de especial utilidade para os agricultores interesados en producir en ecolóxico, canto que as variedades locais están mellor adaptadas ás condicións propias de Galiza e son máis resistentes, explica a Xunta.
Obter un produto de calidade diferenciada tamén é o obxectivo da empresas “Augardentes de Galicia”, que desenvolverá un licor destilado de uva Albariña. A entidade beneficiaria tamén tentará, no mesmo estudo, elaborar augardente a partir de pexegos cultivados no val do Ulla. Pola súa banda, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras traballará na elaboración de viños tostados e doces a partir do uso de diferentes variedades desta denominación.
En canto á produción de horta, o Consello Reguladar da IXP Pataca de Galicia estudará o desenvolvemento de produtos derivados envasados ao baleiro, en atmosfera modificada e esterilizados, a partir de pataca galega de calidade. Por outra banda, a “Cooperativa Postoiro” desenvolverá un proxecto de selección de ecotipos de cebolas galegas, acompañado da procura de melloras na tecnoloxía do cultivo e das condicións de conservación dos bulbos tras a colleita.
Queixos sen lactosa
Ademais, varias das iniciativas de investigación aprobadas tentarán acomodarse ás novas tendencias do mercado coa obtención de produtos funcionais. Tal é o caso do proxecto de “Innaves S.A.” para a consecución de produtos lácteos antihipertensivos ou o estudo, que propón outro dos proxectos beneficiados, para o desenvolvemento dunha tecnoloxía para a elaboración de queixos con baixo contido en lactosa ou mesmo sen lactosa, e que poidan ser consumidos por persoas con intolerancia a esta substancia.
Alimentarán as vacas con aceites mariños
Ademais, a cooperativa láctea “Feiraco” pretende reforzar a súa aposta pola obtención dun leite enriquecido de forma natural en Omega 3 a partir dunha alimentación diferenciada das vacas. Neste caso, experimentan diversas estratexias para a incorporación á ración do gando de sementes de liño e aceites mariños. Outro proxecto da mesma cooperativa estudará a viabilidade da implantación en Galiza do cultivo de variedades de liño oleaxinoso ricas en Omega-3.
Diversos proxectos incidirán, así mesmo, en aplicar a innovación a produtos cárnicos obtidos a partir de razas de gando autóctono galego. Así acontece co estudo de BOAGA (Federación de Razas Autóctonas de Galicia) que analizará a calidade da canal e da carne dos cordeiros de ovella galega, caracterizados por ser de pequeno tamaño e contar cunha carne moi nutritiva e moi valorada no mercado.
Pola súa banda, “Torre de Núñez de Conturiz” estudará a estandarización do proceso de elaboración do "Xamón de Galiza" co obxecto de colaborar na obtención dun selo de calidade para este produto.
Pastoreo ecolóxico
Outra das iniciativas apoiadas fará seguimento das prácticas de pastoreo de varias explotacións ecolóxicas co fin de obter ferramentas de xestión para conseguir un pastoreo máis rendible. Por outra banda, conseguir mellores garantías alimentarias e, de paso, un maior respecto polo medio é o fin do proxecto presentado pola unión de cooperativas AGACA, que pretende o desenvolvemento de alimentos de orixe animal baseado nun control máis racional no emprego das medicinas de uso veterinario e da súa presenza no ambiente.
Xa no ámbito da silvicultura, a empresa Boibel Forestal tentará avanzar cara á unha nova maneira de cultivar o castiñeiro, que procurará un aproveitamento máis intensivo, rendíbel e diversificado desta árbore autóctona. O obxectivo é reducir as quendas de corta, que se adoitan situar nos corenta ou cincuenta anos, aos 8 ou 10 anos, e estudar os posíbeis aproveitamentos desta forma de cultivo para obtención de madeira, biomasa e castaña.
No hay comentarios:
Publicar un comentario