martes, 13 de abril de 2010

Así se fai un carro de nabo










O xoguete que presentamos esta semana está intimamente vinculado ao mundo rural e labrego. Aquí a imitación das tarefas realizadas polos nosos maiores xoga un papel fundamental. Esa ansia, cando pequenos, de medrar e de ser coma os pais, semella que non dá chegado. É unha eternidade de tempo o que pasa ata que se poida facer algo que sexa considerado de adultos. Ese chegar a ter responsabilidades equiparables ás dos maiores é un devezo, case unha utopía, que se resiste. Ese momento en que o teu pai che concede a posibilidade de poder levar o arado ou a grade detrás dos bois ou as vacas ou ir co carro na procura dunha carga de toxo, millo… sendo ti o auténtico capitán da nave, nunca se esquece en toda a vida.
Mentres non chega esa oportunidade, había que entreterse coa imaxinación, coa recreación desa realidade que aínda non nos estaba permitido experimentar. Así, por emulación, xorde a creación deste medio de transporte tan necesario no medio rural para carrexar todo tipo de cargamentos.
Podíase construír xa mesmo na propia leira cando os pais estaban a apañar os nabos con aqueles fouciños pequenos para escouzalos, quitándolles as raíces e a terra que, a miúdo, traían consigo. Así xa aproveitaban tamén para facer camiños polos regos ou sucos e levar pequenas cargas de nabizas ou grelos, amparadas con minúsculos fungueiros feitos de garabullo.
Unha das maneiras máis peculiares de facelos era empregando as cacholas dos nabos, sobre todo na provincia de Lugo. Son coñecidos este tipo de carros nas terras do Barroso, en Portugal, segundo Antonio Fontes, onde tamén había tradición de fabricalos empregando cenorias e patacas como materia prima.

No hay comentarios:

Publicar un comentario