A sociedade Saltos del Navia continúa coa tramitación do proxecto de construción do salto de Suarna, un encoro que afectaría os municipios da Fonsagrada e Navia. O último paso foi a presentación do estudo de impacto ambiental, que o Tribunal Supremo esixíralle a través dunha sentenza que obrigou a retrotraer o proceso.
A promotora da obra mantén o pulso deste xeito aos concellos da Fonsagrada e Navia, que reiteradamente se pronunciaron en contra do proxecto porque consideran que danaría a seriamente contorna do río Navia, incluído na Rede Natura e declarado Lugar de Importancia Comunitaria (LIC).
O Ministerio de Medio Ambiente remitiu o estudo de impacto ambiental ás administracións afectadas, que terán un mes de prazo para presentar alegacións se o consideran oportuno.
O Concello de Navia xa adiantou que o fará. O seu alcalde, José Fernández, convocou un pleno extraordinario para o vindeiro luns, no que se estudará a situación. Indicou que o seu goberno se segue opondo ao proxecto, como xa manifestou en anteriores ocasións, e que loitará con todos os medios legais ao seu alcance para que a presa non se faga.
O alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, aínda non recibira este xoves o informe ambiental. No entanto, indicou que estudará a posibilidade de realizar alegacións.
O proxecto contempla a construción dunha presa sobre o río Navia á altura da Fornaza, na Fonsagrada. O encoro alcanzaría os 289 metros de cota e a cola estenderíase ata o municipio de Navia de Suarna, aínda que a maior parte da área alagada estaría dentro dos límites fonsagradinos. Os territorios afectados na beira asturiana do río pertencen ao municipio de San Antolín de Ibias.
Saltos del Navia ten unha concesión de aproveitamento hidroeléctrico desta canle desde o ano 1951. O proxecto inicial alagaba a localidade de Navia, suscitou gran oposición e foi modificado en 1963. A obra que se propón agora non afecta a territorios habitados, aínda que si a lugares considerados de gran riqueza natural e paisaxística.
o orgullo da montaña afúndese
No hay comentarios:
Publicar un comentario