martes, 27 de abril de 2010

José María Gómez Cortón: ´Os cazadores somos os colaboradores necesarios da Administración´








XERARDO PORTO. SANTIAGO. -

"Temos que rebaixar á métade os sinistros que causan os animais nas estradas: os tecores, cumprindo os cupos, a Administración, sinalizando os lugares e os condutores, respectando as normas".


Parece que se recupera a afición pola caza.-
Polo menos xa non baixa. Dende hai doce anos até hai catro, houbo unha baixada tremenda, desde as 100.000 licencias do ano en que máis houbo ata 60.000, case unha baixada do 10% anual. Dende o 2003, mantémonos nesa liña das 57.000 licencias. No mundo rural case non hai familia que non estea relacionada coa caza. Hai unha vinculación total, un arraigo social. -

Incorpórase xente nova?-
Si. Agora é fácil de saber polo exame de armas que teñen que pasar. Máis ou menos coincide coa xente que fallece, que é quen se da de baixa. Esta é unha actividade que se pode practicar de os 18 até os 80 anos.-

A caza tamén aumenta?
Nin aumenta nin disminúe, cambia. As especies de caza menor, que eran as abundantes hai 30 anos, foron baixando, polas mesmas razóns que baixa o medio rural. Antes había moitos cultivos, o monte rozábase... era o hábitat propicio da caza menor. Desapareceu iso, e apareceron as plantacións de pino e eucalipto, o matorral... Agora a caza maior está en auxe e a caza menor, nun dos momentos máis baixos. O ano pasado cazáronse 7.000 corzos en Galicia, seguramente a comunidade que máis de toda España. Hai 10 anos, non chegaban nin a 200. E case outros 7.000 xabaríns. O hábitat fai cambiar as especies.

Mellor con este goberno ou co anterior
Levámonos ben e discrepamos, non en función do Goberno que está, senón do que fai. Apoiamos todo o que sexa en beneficio dun medio rural ben conservado. A caza está ligada a un medio rural vivo. Nos sitios abandonados, non se desenvolve ben. Necesita a presenza humana: cultivos, rozas, limpeza do monte... A caza desenvólvese onde están os espazos mellor conservados. Nos Ancares vive xente, que fai as súas actividades (agricultura, gandeiría, caza...) que foron boas durante moitos anos, que se deben conservar e fomentar.-

Fixéronse os traballos de xestión na época de veda?-
En grandes liñas, eu diría que si, e ben. Loxicamente, nun colectivo tan amplo, con 450 sociedades de caza en Galicia, unhas traballan mellor que outras. Os cazadores non imos substituír aos miles de labradores que vivían e traballaban no campo hai 30 anos, pero dalgunha forma temos que tentar facer unha miniagricultura tradicional, facer o traballo que se deixou para que as perdices e os coellos teñan os mellores sitios.-
O gran obxectivo é recuperar a caza menor?-
É importantísimo para nós. Estamos a facer un esforzo en divulgar o plan de recuperación que fixo o Observatorio Galego. Distribuíronse 10.000 DVD e 10.000 libros entre os cazadores co que debemos facer e o que non. Os cazadores imos colaborar recollendo mostras biolóxicas de perdiz e coello para ver as zonas onde quedan animais autóctonos, para que cando sexa necesaria unha repoboación, se faga con especies galegas, que se adaptan mellor ao hábitat de Galicia.-
Hai cousas que corrixir?
Loxicamente hai moitas cousas que incluso estabamos facendo mal os cazadores e a propia Administración. Até agora se repoboaba con coellos híbridos e agora sabemos que non era o adecuado. Hai que soltar coellos de monte xeneticamente puros. E logo desenvolveuse un método de solta con máis garantías. Non se pode coller media ducia e soltala sin máis.-

Quen garantiza as boas prácticas dos cazadores?-
Seguramente a caza é unha das actividades que ten máis regulación. Cada vez que saímos ao monte, aplicanse até 14 leis e regramentos, que nunha porcentaxe amplísima cúmprense. O que si é certo, e que nun colectivo de 60.000 cazadores, con que unha porcentaxe pequena o incumpra, é notorio. Apoiamos que cando un cazador incumpra a lei, se lle aplique. Xornadas individuias anuais de caza hai un millón: 60.000 cazadores que saen ao monte entre 15 ou 17 veces ao ano. O índice de sancións é baíxisimo.-

Os ecoloxistas son os grandes enemigos dos cazadores?-
Non os considero como tal, pero chócame unha cousa: compartimos tantas cousas respecto ao rural e faise bandeira do que nos diferenza. Todo aquel que traballe por un medio rural ben conservado e vivo é o noso aliado e ten o noso respeto. Si nos atacan, temos como mínimo que defendernos, sobre todo se os ataques son sen fundamento. Recibimos ataques de Adega, pero os cazadores nunca estarán enfrente dos grupos ecoloxistas. Outra cousa é que en temas puntuais discrepemos.-

Pero se inflan ou non os censos dos tecores.-
Pode haber un erro puntual dun técnico, pero el recolle os datos e plasma o que cre. Na natureza nada é o que parece. Un sube a un alto e non ve xabaríns, pero circunda a zona de maíz que hai ao redor, e ve os danos do xabarín. É o que din os técnicos contra a opinión dunhas persoas. -

Antes marchaba a xente a cazar fóra e agora parece que veñen a Galicia?-
A xente que lle gusta a caza menor e abundante, vai a Castela ou Andalucía, pero non é unha caza social como aquí. En Galicia non é posible colgarse perchas de 20 ou 30 coellos diarios. Pero hai determinados tipos de caza maior, como os corzos, nos que Galicia ten moita abundancia, que si vén xente de fóra. Pero iso non é malo, porque vén a cazar nas condicións que lles marcamos, e deixan diñeiro no pobo en que cazan.-

Cando deixaremos de ver cartuchos tirados no monte?-
É outra das campañas nas que vimos traballando. Gustaríanos que non houbesen, pero non é algo pernicioso, só é un dano estético. Tamén hai que ter en conta que non é algo doado, porque nas armas automáticas, por exemplo, os cartuchos saltan a 4 ou 5 metros. Pero é un tema pendente.-

Hai algo urxente que cambiar no mundo da caza?-
A lexislación hai que ir adaptándoa e mellorándoa. E sobre todo, hai que mellorar a responsabilidade dos danos que producen os animais na agricultura e nas estradas. Require corresponsabilizarmos sociedade, cazadores e Administración. Se é consecuencia da accción de cazar, parece razoable que a responsabilidade sexa nosa. Pero se un tecor captura o seu cupo de xabaríns, e un mércores de xuño, fóra da tempada de caza, un animal provoca un accidente, non poden ser os cazadores responsables. Os xabaríns xa estaban antes que as estradas. Hai que habilitar pasos de fauna, sinalalos e até poñer barreiras para que os animais crucen nas rectas. Temos que rebaixar á metade eses sinistros: os cazadores cumprindo os cupos e os condutores respectando as normas. Se os cazadores cumpren cos plans de xestión, non poden ser os únicos responsables. Por moitos xabaríns que cacemos, se teñen comida, cada vez vai a haber máis.-

E o mesmo co lobo?-
Os cazadores somos os colaboradores necesarios da Administración. A caza é unha reguladora das especies. A planificación debe ser da Administración en función de criterios técnicos. E cando diga que nesta zona hai que reducir en cinco os lobos, os cazadores os cazamos. Somos a garantía para cumprir cos plans da Administración. Hai que ter coidado con querer que haxa lobos en toda Galicia.

Optimista cara o futuro?-
Teñoo que ser. Debemos ir cara un futuro mellor, pero non só na caza, tamén no medio rural, senón sería un fracaso colectivo de toda a sociedade. Somos un colectivo vivo, amplo, organizado, ilusionado, que queremos facer as cousas cada vez mellor. E a Administración é sensible as nosas demandas.

NOTA DO ADMINISTRADOR.


Gómez Cortón ocupou diversos cargos no TECOR DA FONSAGRADA, ademáis está casado cunha fonsagradina. Na abeira de memoria colectiva do noso blog está en varias fotografías da cadriña dos VELLOS (VILARDIAZ)

No hay comentarios:

Publicar un comentario