martes, 22 de febrero de 2011

O raposo faise urbanita



Cruzarse cun raposo por Lugo empeza a ser habitual. Últimamente foron avistados exemplares en Albeiros, As Gándaras e o campus. Investigadores falan dun cociente de 5 raposos por quilómetro cadrado na periferia.

Os RAPOSOS NON só axexan Lugo, senón que se pasean por varias zonas da capital. Tres barrios da cidade -Albeiros, Acea de Olga e As Gándaras- foron visitados, ultimamente, por este astuto animal, segundo puideron comprobar, entre sorprendidos e algo atemorizados, moitos lucenses. En Albeiros, víronse raposos en torno ao centro comercial As Termas. En Acea de Olga, nas inmediacións do solar onde se construirá o novo auditorio, en Magoi, e, finalmente, nas Gándaras, á beira do campo de fútbol.
«Aquí ninguén botou de menos, polo momento, ningunha galiña. Entre outras cousas, porque tamén xa quedan poucas casas que teñan galiñeiros», afirma Jaime Gueimonde, o presidente de Gatos Roxos, a asociación de veciños das Gándaras.
Con todo, aos raposos xa non lles fan falta galiñas para abrir boca, co lixo que atopan tirado nos arredores confórmanse. De feito, os raposos que visitan Lugo non teñen nada de especial por cambiar o monte polo asfalto. Os seus colegas de Londres tamén o fan.
«A maior densidade de raposos en Europa dáse, precisamente, na zona periférica de Londres, en zonas urbanas. Isto débese a que este animal se adapta moi ben a calquera medio que lle ofreza alimento e tranquilidade», conta Luís Fidalgo Álvarez, profesor do departamento de Ciencias Clínicas da facultade de Veterinaria e coautor, xunto a outros docentes, dun estudo exhaustivo sobre o raposo en Galicia.
Luís Fidalgo non se sorprende, polo tanto, da presenza destes animais na capital lucense, é máis, el mesmo recoñeceu velos por Acea de Olga. «Non te vas a atopar un raposo na rúa da Raíña, por suposto, pero si que os hai cara ao río, nos campos, ou nas zonas periféricas como, por exemplo, en Acea de Olga», di o profesor.
A razón do achegamento deste animal salvaxe á contorna urbana pode estar non só na comida fácil senón tamén no despoboamento do medio rural. Algo que, por outra banda, garda relación co anterior. «Ao longo dos últimos anos, está a detectarse que hai unha maior presenza de raposos en zonas urbanas porque hai moita poboación diseminada e estanse dando cotas de maior densidade de poboación de raposo en zonas urbanas que en monte aberto», afirma Luís Fidalgo.
O estudo realizado por este equipo da facultade de Veterinaria detectou unha densidade de 2,6 raposos por quilómetro cadrado en Galicia, que en zonas periurbanas elévase a 3,88 e en lugares puntuais, a 5,36. Os censos son maiores nas inmediacións de granxas, matadoiros e vertedoiros. «Galicia ten o maior censo de raposos da península Ibérica», explica Luís Fidalgo. E, dentro de Galicia, a provincia de Lugo é a que ten unha maior superficie forestal polo que tamén é probable que abunde máis este animal.
«O raposo é un animal astuto e non é fácil de ver. En todo caso, non hai nada que nos poida facer pensar que a poboación do raposo deste ano estea sufrindo variacións sobre a de anos anteriores. Nesta época, o animal está comezando o celo, así que é case imposible poder atopar camadas, sería un caso anormal», afirman na Dirección Xeral da Natureza.
Caza
No monte, o exceso de exemplares pode resultar prexudicial para o resto da caza, segundo Luís Fidalgo, «posto que se converten en pedradores doutras especies e o seu exceso de censo condiciona a poboación doutros animais».
A clave está no equilibrio. Se a poboación de raposo se desmadra, periga a da perdiz vermella, o faisán, o coello, o corzo de pouca idade e a da lebre. Por este motivo, os cazadores organizan campionatos, algo que motiva protestas de grupos ecoloxistas como Adega, que puxo en marcha a campaña ‘Matar por matar, non'.
O meteorólogo Xulio Fernández é un dos activistas que protestan contra a matanza de raposos nos campionatos. «Non estamos en contra da caza, estamos en contra dos campionatos a ver quen mata máis raposos. Porque non se tratase só dos que matan, senón dous que quedan feridos ou rebentados. Por iso, que veñan mil cazadores de toda España a matar raposos a Galicia parécenos mal», explica.
Ata o 10 de febreiro está permitida a caza do raposo en campionatos. En cada un deles, dáse morte a unha media de 100 a 150 animais. En total, son cazados ao ano ao redor de 500 exemplares. «Por riba, o que fan despois e tiralos ó lixo. É matar por matar», di Xulio Fernández.
A caza excesiva non só repercute na poboación do raposo senón que tamén crea, segundo este ecoloxista, inestabilidade no monte. «Con tanto raposo morto, esténdense a tiña e a sarna. Ademais, crea tamén inestabilidade nos grupos porque, ó ver animais que morren, outros cambian de grupo», afirma Xulio Fernández.
En Lugo, xa se celebrou o campionato provincial de caza do raposo. Tamén tiveron lugar xa os campionatos de caza de ámbito galego e nacional, neste último producíronse incidentes entre os cazadores, os ecoloxistas e xornalistas.

OUTROS VISITANTES DAS CIDADES GALEGAS

  • Xabarís, visóns e comadrejas
    A chegada do raposo ao medio urbano non pilla desprevido ao servizo da Dirección Xeral da Natureza, da Xunta.
    Ademais de raposos, os técnicos deste servizo autonómico tamén constataron as visitas esporádicas a cidades galegas doutros animais salvaxes como xabarís (que devastaron colleitas de millo nas inmediacións do novo hospital de Lugo o pasado verán), visóns e comadrejas, xa na contorna dos ríos.

  • Oportunista e descarado
    En concreto, sobre a presenza de raposos na cidade, técnicos da Dirección Xeral da Natureza manteñen que «o raposo é un animal oportunista e bastante descarado. Se atopa alimento de forma continuada nunha zona, acudirá a ela aínda que sexa en zona urbana».
    Non hai límites ao número de individuos que compoñen un grupo e, de feito, observáronse grupos de ata dez raposos aínda que, en xeral, as colonias de máis de cinco adultos parecen destinadas a escindirse.
    Ademais da parella, adoitan pertencer áo grupo animais mozos, de 1 ano, e animais vellos, en moitos casos femias, que perderon o seu status de reprodutoras dominantes pero seguen permanecendo no grupo.

  • Alimentación
    Contrariamente á idea xeral de que os raposos se alimentan en gran parte de aves, tanto de curral como silvestres, as aves constitúen menos do 15 por cento da súa dieta.
    Esta porcentaxe aumenta, en cambio, cando se analizan animais en contornas urbanas ou tras repoboacións cinexéticas.
    Pero, curiosamente, o raposo tamén se alimenta, de forma esporádica, doutros produtos menos habituais talles como peixes, cereais ou ourizos.
    A modo de anécdota, tamén se describiron casos de canibalismo entre os raposos e, ademais, ataques a gatos domésticos.

    NOUTRAS ZONAS

  • Do mesmo xeito que pola capital, exemplares de raposo fixeron tamén acto de presenza na periferia de Monforte e Vilalba, en polígonos industriais e en vertedoiros. Neses puntos, chega a haber 3,88 exemplares por quilómetro cadrado, segundo o estudo publicado pola universidade de Santiago e dirixido por Fidalgo e a Federación Galega de Caza.
  • En xeral, a densidade primaveral do raposo (actualmente, está en época de apareamiento), varía entre 0,1 e 30 individuos adultos por quilómetro cadrado.
  • O raposo é depredador, pero na contorna urbana non lle fai falta desenvolver o instinto de caza. Desa forma, pódese permitir o luxo de refugar algunhas das súas presas que non lle saben ben. Por exemplo, atopáronse topos ou musarañas xunto a tobos pero nunca en análises de feces ou en contidos gástricos.
  • Non ocorre o mesmo, en cambio, en zonas montañosas do norte de Portugal, onde está comprobado que os raposos comen topos ibéricos frecuentemente na primavera e verán.
  • Francisco López Penela, presidente da Federación Provincial de Caza, con todo, está en desacordo con que o raposo fágase máis cómodo á hora de comer.
    «Antes, tirábanse cadáveres de animais ao monte, procedentes de granxas, agora iso está prohibido e o raposo faise cazador», explica.
  • O presidente dos cazadores constata «que está a crecer moitísimo a poboación de raposo» ata o punto de afirmar que «hai un exceso de poboación».
  • Isto, unido á escasa caza menor que hai na provincia de Lugo, fai recomendable a organización de campionatos de caza do raposo, segundo López Penela.
    «Pouco importa que fagamos repoboacións se vén o raposo e cómenos a caza menor, acaba con todo. Os cazadores propiciamos o equilibrio entre as especies. Se non fose polas nosas batidas, non existirían nin a agricultura nin a gandería en moitas zonas pola presenza non só do raposo senón tamén do xabaril, que provoca danos en moitas leiras», afirma Francisco López.
  • De feito, o portavoz dos cazadores tamén viu raposos paseando por Lugo. «O outro día pasei pola avenida de Magoi e cruzaba a rúa», apunta, sorrindo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario