jueves, 24 de febrero de 2011

O pleno provincial acorda pedir á Xunta residencias na Montaña


O pleno provincial acordou onte de forma unánime, a proposta do bipartito, que a Deputación pida á Xunta de Galicia que inicie a construción de sendas residencias para maiores na Fonsagrada e Becerreá.
Aínda que o PP apoiou a proposta, na que se alude á necesidade de satisfacer esta histórica demanda veciñal ao darse con especial intensidade na Montaña os fenómenos da dispersión e o envellecemento poboacional, acusou o goberno provincial de presentar a iniciativa por oportunismo «político» ante a proximidade das eleccións municipais.
Así o indicou o portavoz dos populares e presidente provincial do partido, José Manuel Barreiro, quen criticou, ademais, que o bipartito reclame esas instalacións e que, en cambio, non as incluíse entre as dez residencias para maiores que fará a Sociedade Urbanística Provincial (Suplusa).
Neste sentido, Barreiro acusou o presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, de anunciar en outubro que A Fonsagrada sería un dos concellos que se beneficiarían dese plan para despois desdecirse. Ademais, xustificou o apoio do PP ao sinalar que xa defendeu unha iniciativa similar no Parlamento galego, tras o que recordou, como proba desa vontade de crear esas infraestruturas, que a Xunta xa deu unha axuda ao Concello da Fonsagrada para redactar o proxecto da residencia.
Besteiro replicou acusando ao PP de «enganar» aos veciños ao prometer fai máis dun ano, durante unha visita á Fonsagrada de dirixentes dese partido e cargos da Xunta, que faría ese centro. «Se despois de dous anos non Goberno non se é capaz de ter un proxecto e executar as residencias en dúas cabeceiras de comarcas, ou se é moi ineficaz ou non se queren facer», reprochou.
Contrapuxo esa actitude da Xunta coa xestión «áxil» da Deputación, ao sinalar que só pasarán dous meses entre o anuncio de que Suplusa fará dez residencias e o inicio das licitacións. «Díganlle aos veciños se quere facer ou non as residencias, pero non enganen á xente», resolveu.



Polémica polo corredor
Tamén suscitou polémica unha moción presentada polo PP -que non prosperou ao solicitar só o apoio dos non adscritos- na que pedía instar o Goberno central a impulsar o corredor da Costa de San Cibrao a Barreiros tras culpalo de «paralizar» esa obra.
O portavoz adxunto do PP, José María González Barcia, acusou a Fomento de non resolver as alegacións ao estudo informativo e de non contar aínda con proxecto, polo que demandou que complete con urxencia eses trámites e estableza un cronograma das obras. Ademais, fronte a ese atraso recalcou o inicio das obras no tramo entre San Cibrao e Ferrol, competencia da Xunta.
Esa defensa do Goberno galego motivou as críticas do portavoz do PSOE, Antonio Gato, quen reprochou ao Executivo de Núñez Feijóo que haxa «reprogramado» as obras que lle competen de forma que planee terminalas en 2017 a pesar de que estaba previsto que estivesen listas en 2013. Tamén ironizou ao indicar que os únicos traballos en marcha «foron licitar polo bipartito de Touriño».
Ante ese cruzamento de acusacións, o portavoz do BNG, Antonio Veiga, instou a facer «menos demagoxia» e que tanto a Administración central como a autonómica «se poñan as pilas» e cumpran cos seus compromisos. Ademais, reprochou ao PP que «rachase o consenso» ao non apoiar no Parlamento galego unha proposta apoiada por todos os partidos en Madrid para rematar obras en 2014.
Tampouco prosperou outra moción do PP na que pedía que a Deputación se sumase ao Padroado Provincial de Turismo impulsado pola Cámara de Comercio. Aínda que todos os portavoces coincidiron en recalcar a importancia do turismo para a economía lucense e na necesidade dun traballo conxunto de promoción liderado pola Deputación, a responsable provincial da área, María Xose Veiga Buján, non cre que a figura do padroado sexa a idónea, e recordou que a fórmula de cooperación fixarase tras reunirse cos axentes do sector na provincia.
  • Respaldo unánime á Semana Santa de Viveiro
    Un dos puntos da orde do día que suscitou o apoio de todos os grupos foi unha declaración institucional para reclamar que a Semana Santa de Viveiro sexa declarada festa de interese turístico internacional. Besteiro, que defendeu a proposta, destacou deste festexo que está «en continuo proceso de mellora e promoción, pero sempre conservando ese legado indeleble de franciscanos e dominicos».
  • Fundación Uxío Novoneyra
    O pleno tamén acordou por unanimidade que a Deputación se some ao padroado da fundación Uxío Novoneyra, impulsada pola familia do escritor. O vicepresidente primeiro, Antón Bao, destacou a importancia dese apoio ao servir para difundir a obra de Novoneyra e tamén de promoción da cultura galega e de dinamización dunha zona como O Courel, onde terá a súa sede a fundación.
  • Difusión cultural
    Nese mesmo ámbito, o BNG sacou adiante co apoio do PSOE unha moción na que pide á Xunta que manteña na súa organigrama unha área centrada na promoción e difusión cultural. Antonio Veiga culpou ao Goberno galego de eliminar vía decreto ese departamento para primar a cultura «elitista» fronte « popular», suprimindo «a canle de interlocución co asociaconismo».

No hay comentarios:

Publicar un comentario