martes, 1 de febrero de 2011

Falece Roberto Tojeiro, creador do grupo Gadisa


O presidente e fundador do grupo Gadisa, Roberto Tojeiro (As Pontes, 1928), faleceu este martes aos 83 anos de idade. A traxectoria profesional do presidente e fundador de Gadisa caracterizouse sempre pola súa capacidade de traballo e a súa perseveranza no esforzo.

Xa desde neno, compaxinaba a súa asistencia á escola coas tarefas no negocio familiar de ultramarinos na súa poboación natal. Non parou de traballar desde os 15 anos, idade na que xa era dono do seu propio camión para o transporte de madeira, e aínda hoxe, octaxenario, coa nova xeración dirixindo o día a día das súas empresas, asistía a reunións onde xerminaban novos proxectos.

A súa visión empresarial permitiulle crear un dos holdings máis e mellor diversificados. Á distribución de produtos alimenticios, a través de Gadisa, a empresa matriz, fóronse sumando negocios como o transporte terrestre e intermodal e o madeireiro, a través dun centro que ten a súa base nas Pontes e abarca desde a plantación á transformación e comercialización, con empresas como Forestal Atlántica e Galparket. En Mugardos conta con Forestal e Imegasa, dedicadas á elaboración de colas e resinas, almacenamento e distribución de produtos químicos e petrolíferos e á desgasificación de buques.

Tampouco hai que esquecer a presenza do Grupo Tojeiro no sector químico, de hidrocarburos e enerxético, onde destaca a súa presenza en Reganosa, sociedade creada para pór en marcha a planta de Mugardos. Aínda que ten en Galicia a maior parte dos seus negocios, tamén os expandiu por Valladolid, León, Salamanca, Asturias, Palencia, Madrid, Sevilla e Portugal.

Os que coñeceron a Roberto Tojeiro destacan o seu gran sentido da responsabilidade e entrega. A súa humildade e constancia convérteno nun exemplo para todos. Quizais a razón do seu éxito no sector da alimentación radicase no lema "facer feliz ao cliente", que é garantía de que nunca o tratan mal.

O labor de Roberto Tojeiro foi recoñecida por distintas entidades e institucións públicas. Entre as condecoracións máis importantes que lle outorgaron figura a Medalla de Prata de Galicia (1992) e a Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo. Foi designado Empresario do Ano 1996, fillo predilecto das Pontes e Galego do Ano. Conta, ademais, coa insignia de orod e Iniciativa Empresarial do Noroeste e hai tres anos foille concedida pola Deputación da Coruña a Medalla de Ouro da Provincia.

Pero, sen dúbida, o maior motivo de orgullo de Roberto Tojeiro foi converter unha pequena empresa familiar nun gran grupo empresarial que dá emprego a unhas 7.000 persoas, factura máis de 1.300 millóns de euros e é o segundo de Galicia en xeración de emprego. É o mellor galardón a décadas de traballo incesante e de constantes logros, que o converteron en todo un exemplo para as xeracións futuras. O seu fillo Roberto Tojeiro, conselleiro delegado do grupo, continúa o labor iniciado polo seu pai.

No hay comentarios:

Publicar un comentario