sábado, 29 de enero de 2011

O director Ignacio Vilar busca figurantes na Fonsagrada para unha película

Pilar G. Cheda / El Progreso (Lugo)

O director de cine Ignacio Vilar seleccionará figurantes para a súa próxima película na Fonsagrada. O cásting será o día 5 de febreiro de 11.00 a 20.00 horas na casa da cultura.

En concreto, búscanse homes e mulleres con idades comprendidas entre os cero e os seis anos, de 18 a 30 e de 45 a 70.

As persoas interesadas en participar nas probas de selección poden apuntarse nas oficinas do Concello da Fonsagrada, a través do departamento municipal de cultura, ou chamando ao número de teléfono 982.34.00.00.

Ignacio Vilar, director de longametraxes como Pradolongo, está a preparar desde hai tempo unha película ambientada en Negueira de Muñiz, que conta a historia dun novo seminarista que volve ao lugar e entra en contacto coa comuna hippy. Esta produción corre a cargo de Vía Láctea-Filmes.

Ignacio Vilar fará unha película sobre a comuna de Negueira o vindeiro ano. Publicado no PROGRESO O 30/09/08

Vilar, durante una recepción este martes en el Museo Provincial de Lugo (Foto: Xesús Ponte)

O director de Pradolongo, Ignacio Vilar, anunciou que rodará a súa vindeira película, que levará por título Vilamor, en varias localidades de Negueira de Muñiz. Vilar, que vén de recoller o Premio Ciudad de San Sebastián Film Comission por Pradolongo, comentou que o filme tratará sobre "un señor que regresa a Foxo, onde el viviu cando tiña quince anos, nos anos 70", segundo recolle El Progreso na súa edición impresa deste martes.

Foxo é unha das localidades que ficaron illadas cando se construíu o encoro de Salime nos anos 50. Nese lugar, e noutros da mesma beira, como Ernes, Vilar ou Vilauxín, se estableceron hippies a fins dos anos 70 para organizarse de xeito comunal. Esas localidades continúan habitadas por persoas novas que tratan de viveren dun xeito tradicional e respectuoso co medio.

Vilamor será unha ollada atrás a ese intento de fixar unha comuna "vista tanto dende os anos 70 como dende a actualidade", segundo comentou Vilar. O director ourensán apuntou que vai intentar centrar a súa rodaxe no núcleo de Vilauxín, "un lugar no que rexeitaron que lles fixesen unha pista para poder conservar o núcleo. Pediron, a cambio, un camiño para poder subir con carros tirados por bestas. Son unha xente cunha conciencia moi interesante porque loitan por conservar o lugar tal e como está, e levando. De feito conseguiron monte comunal e están recuperando bosques".

A experiencia que funciona en Vilauxín hai unha década ten o seu antecedente no intento que se fixo en Foxo contra fin dos anos 70, na opinión do realizador. "O que fan agora en Vilauxín é o que intentaron en Foxo no 75, que era algo estraño e difícil de entender naquel momento, é doado de entender hoxe porque, tras o abandono das aldeas, houbo uns rapaces que trataron de recuperar o campo", apuntou Ignacio Vilar antes de explicar que "rapaces novos que volven ao campo e restauran a aldea, que sempre estivo aí e eles volven e a recuperan, é un xogo que me interesa moito".

De todos os xeitos, "a película vai estar en dous planos: os 70, cos rapaces que van a aldea, e a actualidade, co home que volve porque el viviu esa época e vai lembrala".

Rodaxe
Ignacio Vilar apuntou que a rodaxe desenvolverase, "se todo vai ben", durante o verán do 2009 e prolongarase durante doce semanas. A intención do realizador é acometer unha boa parte do traballo en Vilauxín "porque é o lugar mellor conservado dos que hai pola zona", aínda que é consciente de que "non hai ningunha casa de turismo rural pola zona, agás a de Negueira de Muñiz".

Mesmo esa "vai ser insuficiente para aloxar o equipo, que estará formado por unhas setenta persoas: uns trinta actores e uns corenta técnicos ", polo teremos que mirar o xeito de establecernos no propio Vilauxín ou nun lugar cercano", recoñeceu.

Malia todo, o principal problema será o de filmar nunha localidade de montaña carente de rede de electricidade e de acceso para vehículos de motor. "Teremos que levar un xerador e buscar un lugar onde deixar o equipo", sinalou. Aínda así, a preocupación do realizador neste momento é rematar o guión de Vilamor, no que traballa xa con Carlos Asorei e Javier Gancedo. "Polo de agora, obtivemos unha axuda para o desenvolvemento", apuntou Vilar, quen conta que estea rematado en xaneiro.

Sobre o título, Vilamor, o director explicou que "a maiores de referirse ao topónimo, Vilamor, hai tamén un xogo entre vila e amor", en referencia "ás ideas que levaron os primeiros que se estableceron en Foxo". Vilar revelou que se estivo entrevistando cos pioneiros que puxeron en marcha a comuna de Foxo para que a súa película seguise con fidelidade o que aconteceu naquel final dos anos setenta na montaña de Lugo.

MAIS INFORMACION SOBRE IGNACIO VILAR

Dirección
Nome completo: Xosé Ignacio Vilar Díaz
Petín de Valdeorras (Ourense) 1951


Productor e director, fundou en 1991 a productora Vía Láctea Filmes coa que levou a cabo diversas curtametraxes, e proxectos de longametraxes. Sen embargo, destaca polo seu labor documentalista en soporte vídeo (“Polisóns”, “A aldea”). Comezara a súa carreira como montador en Barcelona, cidade na que tamén foi profesor de cine a primeiros dos 80, na obra social da Caixa de Pensións de Cataluña. Desde 1983 traballa en Galicia. Ten desenvolvido tamén labores de guionista e realizador.

Premios e recoñecementos: Gañou en 1989 o Premio Carlos Velo para guións de longametraxe, convocado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. A súa obra “Polisóns” recibiu o Premio “Lobo de Cinema” ó mellor documental (A Coruña, 2001).

FILMOGRAFÍA

* Pradolongo (2007)
* Un bosque de música (2003)
* Ilegal (2002)
* A aldea: o antigo e o novo (2000)
* Disonancias (2000)
* Pintores da vangarda histórica galega (2000)
* Polisóns (1999)
* O cambio (2) (1997)
* Edipo e Techné (1997)
* ¡Aproba! (1995)

No hay comentarios:

Publicar un comentario