jueves, 6 de enero de 2011

Galicia, entre as comunidades nas que máis aumentou o paro en 2010


O mes de decembro pechouse con outros 5.592 desempregados en Galicia, un dato que alarga a cola do paro de todo o 2010 ata as 273.313 persoas e que a sitúa entre as comunidades coa maior subida interanual en termos relativos, cun 6,5% máis. Por detrás só figuran Asturias (7,07%), Castela-A Mancha (9,03%), Castela e León (6,91%) e Estremadura (6,75%).

Segundo os datos que este martes facilitou o Ministerio de Traballo, o último mes do ano deixou sen emprego a un 2,41% máis que novembro, e respecto ao mesmo mes, pero de 2009, o paro creceu en 14.474 persoas. O ano anterior finalizou na comunidade con 222.839 persoas sen emprego.

No conxunto do Estado o paro baixou en decembro (0,25%), algo que o Executivo considerou como un dato moi positivo xa que se trata dun mes tradicionalmente malo para a creación de postos de traballo. En calquera caso, son malos tempos para os traballadores se se ten en conta que, aínda que en decembro diminuíu en 10.221 persoas respecto de novembro, en España o total de parados ao finalizar o ano sitúase por encima dos catro millóns (4.100.073), e deixa 176.470 desempregados máis que hai un ano. A de 2010 foi, deste xeito, a terceira maior subida anual do desemprego de toda a serie comparable, pero a menor desde que comezou a crise. A secretaria de Estado de Emprego, Mari Luz Rodríguez, agárrase a este dato nun comunicado no que destaca que, aínda que o paro aumentou en 2010, o seu crecemento foi "o máis baixo dos últimos tres anos".

A comunidade, por franxas e provincias
Por sectores, o que máis persoas mantén rexistradas nas oficinas do Servizo Público de Emprego (antigo Inem) é a construción, con 2.893 persoas, a metade das que se anotaron en decembro. En total, 38.530 traballadores no paro. A industria mandou ao paro a 1.840 persoas máis, ata as 36.897. Nos servizos 518 persoas perderon o seu emprego en decembro, o que deixa o sector en 126.942 parados, mentres que na agricultura rexistráronse en decembro 309 novos desempregados, cun total de 6.517 persoas sen traballo.

Por sexo e idade, 111.241 parados son homes, mentres que o número de desempregadas é maior, con 126.072 mulleres. Destes, o paro en menores de 25 anos, que suma 21.421 persoas, é maior entre os homes (11.917) fronte ás mulleres (9.504). E por provincias, subiu máis en decembro en Pontevedra, un 3,14 por cento, con 2.858 desempregados, mentres que aumentou menos en Lugo, un 1,25 por cento, con 289 novos parados. Respecto ao mesmo mes do ano anterior, subiu máis precisamente na provincia lucense, un 10,32 por cento, con 2.184 persoas e fíxoo menos na Coruña, cun 4,55 por cento, 4.079 desempregados máis.

No hay comentarios:

Publicar un comentario