viernes, 7 de enero de 2011

Galicia está á cabeza en recursos contra sentenzas xudiciais


Galicia sempre tivo fama de ser unha comunidade cunha facilidade abraiante para acudir aos tribunais, con especial predilección polos múltiples litixios vinculados aos problemas de leiras, límites de lindes ou movemento de marcos. Pero os últimos datos do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) confirman un segundo extremo: os galegos están tamén entre os que máis recorren as sentenzas xudiciais.

As cifras non deixan lugar a dúbidas, sobre todo en determinadas xurisdicións nas que demandante ou demandado non adoita estar conforme co que ditamina o xuíz en cuestión. O mellor exemplo está nos xulgados do Social, onde se tramitan todos os casos relacionados co ámbito laboral, como despedimentos ou readmisións. Máis dun terzo das sentenzas en Galicia (o 35,5%) son obxecto de recurso por algunha das partes, unha porcentaxe só superada por Asturias e moi por encima da media española, que en 2009 se situou no 26,6 por cento.

Pero no resto de áreas xurisdiccionais pasa algo similar. As sentenzas correspondentes a asuntos civís nos xulgados galegos de primeira instancia e instrución son recorridas nun 19,1%, a segunda taxa máis alta de España tras a de Cantabria. E isto tradúcese nun incremento da carga de traballo nos partidos xudiciais. Un recurso no ámbito civil pode demorar a resolución do asunto uns oito meses, que se reduce a catro no penal.

Expertos do ámbito xudicial admiten que en Galicia se dan determinadas circunstancias que explican esta situación. "Unha delas é a composición dos patrimonios. Galicia ten 1,7 millóns de parcelas, e ese minifundismo provoca que haxa moita litixiosidade", explica Luís Villares, xuíz na Fonsagrada e responsable en Galicia de Xuíces para a Democracia. "Tamén hai asuntos civís, como as herdanzas, que teñen unha importancia relativa nas economías familiares", engade Villares.

Curiosamente, os datos do CGPJ revelan un lixeiro descenso nas cifras de recursos en comparación con 2008. Unha tendencia á baixa que pode ter como explicación a crise, que reduce as ansias de litigar dos galegos polo custo económico que supón recorrer unha sentenza xudicial.

"Cuestión de honra"


As cifras do CGPJ tamén demostran que as taxas de desconformidade en Galicia son moi altas nos xulgados do Penal. Un 23,3% das sentenzas ditadas por estes organismos non son aceptadas por algunha das partes, unha cifra que si creceu en 2009 e que é a terceira máis alta de España, só detrás de Madrid e Aragón. A diferenza doutras sentenzas de menor entidade, os recursos nestes tribunais están motivados porque frecuentemente levan implícitas penas de prisión. Iso provoca que a reclamación tamén se tramite con máis axilidade.

Pero en moitas ocasións o recurso -do mesmo xeito que o xuízo- enmárcase en cuestións "de honra", tal como explica Antonio Piña, responsable en Galicia da Asociación Profesional da Magistratura. "Onde hai terras, hai recursos, aínda que a miúdo sexan preitos de escasísima contía", sinala Piña, quen admite que en ocasións se chega a loitar "a matar" por ter a razón.

No hay comentarios:

Publicar un comentario