lunes, 17 de enero de 2011

Carlos Varela insta a preservar o galego da comarca do Eo-Navia -



LUGO. O fiscal superior de Galicia, Carlos Varela García, instou onte á Xunta a «salvagardar o galego da rexión do Eo-Navia. Fixo esa demanda dende A Fonsagrada, onde abriu as primeiras xornadas locais sobre a situación sociolingüística da comarca.

Na súa intervención, avogou por que o Executivo galego «formalice acordos ou convenios» coas autoridades do Principado, «sen ánimo territorial expansivo», que permitan o establecemento de «relacións culturais orientadas a fomentar o idioma». Neste senso, defendeu a creación de organismos comúns entre as dúas administracións veciñas con esa fin.

Logo de subliñar a «desigualdade xurídica» entre os galegofalantes de Asturias, León e Zamora en relación cos da comunidade galega, Carlos Varela apuntou que o Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado en 2004 xa recolle expresamente a necesidade de que a Xunta negocie cos outros gobernos autonómicos a promoción do idioma nos seus territorios, «tanto no ámbito familiar como no ensino, no comercio ou nos concellos».

Segundo recordou, nesa norma tamén se menciona a posibilidade de aumentar a presenza da radio e da televisión galegas nas comarcas raianas, e da recuperación da toponimia galega. «Este debe ser, polo tanto, o camiño a seguir nas comarcas administrativamente non galegas, evitando o perigo de substitución e de desaparición dunha lingua que aínda permanece viva no pobo», concluíu.

Estas primeiras xornadas sobre a fala de Terras de Burón, organizadas polo Concello fonsagradino, reuniron a persoeiros do mundo da universidade, da administración e da cultura, que puxeron en común experiencias arraianas.

Entre outros ponentes, interviron os catedráticos da USC Pegerto Saavedra e Antón Santamarina, que profundaron nos condicionamentos históricos da escolarización e nas peculiaridades da fala da Montaña; o xefe superior de Policía de Galicia, Luis Manuel García Maña, que falou do precedente que supuxo o Couto Mixto, na fronteira con Portugal; o xuíz Luis Villares, que avogou pola normalización do emprego de galego na xustiza, que el mesmo promoveu na Fonsagrada; ou o presidente da produtora Filmax, Julio Fernández, quen recordou as singularidades da comarca que amosa o documental ‘Eloxio da distancia’.

Tampouco faltaron os testemuños dos alcaldes da Fonsagrada e do concello asturiano de Santalla de Oscos, Argelio Fernández e Antonio Riveras, que explicaron a realidade que se atopa no día a día a administración máis próxima aos cidadáns. Este foro, que foi seguido por máis de cen personas, incluíu tamén un recital poético e actuacións de grupos tradicionais como Os Folkgazais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario