viernes, 28 de enero de 2011

O TEMPO NA MONTAÑA DE LUGO (PUBLICADO POLO PROGRESO DE LUGO)

A MONTAÑA
En Cervantes, A Fonsagrada e Pedrafita houbo problemas polo xeo e a nevada
O xeo e a neve dificultaron a circulación durante a mañá de onte en moitas estradas da montaña lucense, sobre todo de Cervantes, Pedrafita e A Fonsagrada, informa Pilar G. Cheda.
As baixas temperaturas rexistradas nas zonas máis altas de Cervantes facilitaron a creación de placas de xeo que obrigaron a circular con cadeas aos turismos nalgúns puntos. O tráfico mantívose aberto en todo momento, pero era necesario circular con precaución. O alcalde, Benigno Gómez, explicou que o orballo que caeu durante a mañá empeorou o estado das vías porque «cando ou xeo abranda aínda é máis perigoso».
Unha situación similar viviuse en Pedrafita, onde o xeo obrigou aos condutores a extremar a precaución. Non se rexistraron incidentes.
Na Fonsagrada, efectivos municipais tiveron que auxiliar ao condutor dun vehículo que quedou atrapado nunha estrada da zona norte a consecuencia da neve. O alcalde, Argelio Fernández, explicou que en zonas puntuais chegou a formarse unha capa de 20 centímetros de neve, que impedía circular. O vehículo non sufriu dano algún, simplemente quedou parado. A estrada, dependente da Deputación Provincial, foi limpada no transcurso da mañá.
En total 29 alumnos de cinco centros educativos da provincia de Lugo non puideron acudir a clase. Os colexios afectados foron os das Nogais, Triacastela, Pedrafita, Folgoso do Courel e Samos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario