martes, 18 de mayo de 2010

Animnais das crenzas galegas: O Cuco (I)
















Identificación

O cuco é unha ave estilizada de tamaño mediano cun rabo longo e ancho e ás apuntadas. A súa cor é cincenta agás o peito e o ventre que son abrancazados con finas listas grisáceas. O seu rabo é tamén de cor cincenta bordeado por unha lista branca. As femias son parecidas ós machos pero cun toque máis apardado. Entre as femias aparece unha variedade ou forma parda moito máis listada na cabeza, corpo e rabo . Ámbolos dous sexos teñen o iris, a anel orbital, a base do pico e as patas de cor amarela. Os individuos novos presentan un aspecto variable, poden ser pardos ou cincentos, máis ou menos listados, pero todos se recoñecen pola presencia dunha mancha branca na caluga e por presentar nas plumas do dorso unha estreita marxe de cor branca.
Cando o cuco está pousado podemos identificalo por ter as ás caídas e o rabo un pouco alzado.
En voo distinguímolo do gabián polo seu aleteo regular sen apenas planear e polo xeito que teñen de bater as ás arqueándoas cara abaixo.
Vive nunha grande diversidade de hábitats agás nas grandes cidades. Aquí, en Galicia, podémos atopalo en áreas cultivadas con árbores, matogueiras, e en xeral en tódolos terreos arborados onde existan grande cantidade de insectos

Parasitismo
O cuco é unha ave de cría parásita, é dicir, non constrúe niño, senón que pon un ovo no niño doutra especie, a especie hóspede. Os hóspedes poden ser moi variados: azulentas, carrizos, papuxas, paporrubios, etc, pero normalmente cada femia especialízase en parasitar a unha especie en concreto e pon ovos coas cores semellantes á da especie hóspede. Unha vez que o polo do cuco rompe a casca, guinda do niño ós seus irmáns adoptivos e faise o dono indiscutible do niño. O polo do cuco está tan adaptado a esta relación ,que ata imita o son dunha rolada enteira de paxaros solicitando alimento dende o niño,polo que os pais, normalmente moito máis pequenos, asumen a tarefa de criar a este insaciable xigante coa mesma entrega coa que criarían a súa propia rolada.

O canto
Seguramente moitos de nós aínda que nunca víramos un cuco, estamos seguros da súa existencia pola presencia inequívoca do seu canto. O canto é o mellor carácter diagnóstico da súa presencia; de feito o seu nome científico, e o vulgar na maioría dos idiomas, é unha onomatopea do seu son.
O canto do macho consiste nunha secuencia rítmica de dúas notas, a primeira un pouco máis marcada, cuu-cu, que empeza a escoitarse a principios de abril, aínda que hai anos que se escoita xa en marzo, e deixa de facelo a finais de xullo ou principios de agosto. Ás veces, cando o macho está excitado pode emitir un canto de tres notas semellante ó da bubela.

Etnobioloxía
A etnobioloxía do cuco é moi ampla e variada, cobrindo aspectos relativos o canto e os seus agoiros con respecto o paso do tempo, o parasitismo, ou mesmo como sinal nos ciclos agrícolas:
  • Se non se escoita o cuco entre marzo e abril pode ser sinal de que é a fin do mundo, e si se retrasa en vir, anuncia males. Pódese saber cantos anos lle quedan a un de vida preguntándollo ó cuco, pola maña, en xexún, dicíndolle: " Cuco rei, ¿cantos anos vivirei?", e tantas veces como cante seguido: cuu-cu, tantos anos son. Do mesmo xeito pode saber unha moza cantos anos lle faltan para se casar.

  • Con respecto ó seu carácter parásito, e moi común en Galicia e España chamar cuco a aquela persoa hábil que consegue o que se propón co mínimo esforzo. Paradoxicamente no inglés coloquial "cuckoo" emprégase para designar a unha persona parva, de poucas luces. En Galicia é moi coñecido o dito:"son da opinión do cuco, paxaro que nunca aniña, pon un ovo en niño alleo e outro paxaro llo cría.

  • O canto é tamén un sinal para algunhas labouras agrícolas: "Cando chega o cuco vén o pan ó suco".Outro, como este recollido por Valentín Rodriguez (4º ESO, IES Trives) en Chandrexa de Queixa que di : Tantos días para o cuco de cucar, tantos días paran os seitores de segar, fai referencia a que cando chove, o cuco deixa de cantar, e como o centeo non se pode recoller mollado, interrómpese a sega durante uns días.

    Sinal
    O sinal que temos que rexistrrar é a primeira vez que escoitamos o canto do cuco. Normalmente escóitase primeiro na costa alá por finais de marzo e chega ó interior de Galicia a principios ou mediados de abril. A mellor hora do día é pola tarde, e se o tempo é calmo e sen chuvia moito mellor, con isto non quere dicir que non cante pola mañá ou cando chove, pero é moito menos habitual.Como é un canto tan coñecido, podemos facer partícipes da nosa investigación a parentes ou amigos para ter a seguridade de que se recolleu o sinal xusto cando se pon a cantar e non posteriormente. Polo demais o cuco seguirá cantando, incluso con máis intensidade que ó principio, ata ben entrado o verán.

    FONTE:http://temporas.cesga.es/cuco.htm

No hay comentarios:

Publicar un comentario