miércoles, 5 de mayo de 2010

O PP pide que a Deputación financie equipos vía satélite en zonas sen sinal da TDT





O PP reclamará á Deputación que subvencione a instalación de sistemas de recepción a través de satélite da televisión dixital terrestre (TDT) naquelas vivendas da provincia que, tras a culminación do proceso de apagamento analóxico, carecen de sinal por vía terrestre.


O grupo provincial do PP anunciou o martes 4 de maio, a través dun comunicado, que acaba de presentar no Pazo de San Marcos unha moción nestes termos para o seu debate no próximo pleno da Deputación, co obxectivo de que a institución complemente iniciativas similares impulsadas desde a Xunta e os concellos.


Os populares argumentan na súa proposta que o convenio marco asinado polo Goberno central e a Xunta só incluía os investimentos necesarios para dixitalizar 300 microemisores de televisión analóxica instalados nos concellos, o que supón que en Galicia se supere na actualidade o 98% de cobertura, pero non contemplaba a instalación de equipos vía satélite en zonas de sombra.
Por iso, recalcan que aínda quedan veciños da provincia en cuxas vivendas a cobertura terrestre «non chega nas condicións necesarias».


Investimento municipal

Desde o grupo provincial, que encabeza José Manuel Barreiro, subliñan, ademais, o esforzo realizado ata agora polos concellos, que «asumiron unha parte moi importante» do proceso de transición da televisión analóxica á dixital, ao financiar distintas infraestruturas necesarias para dotar de cobertura de TDT á zona rural, como torres e redes eléctricas, entre outras instalacións.
Ademais deste esforzo investidor, os populares aseguran que nalgúns concellos da provincia, como o de Cervo ou Xove, os gobernos locais tamén anunciaron axudas para dotar de sistemas de recepción a través de satélite nas vivendas con problemas para recibir o sinal da TDT. No entanto, o grupo provincial do PP afirma que «a maior parte dos concellos do rural non teñen capacidade para axudar a instalar estes equipos», cuxo custo estima nuns 300 euros.


Tras recordar que o Goberno galego acaba de convocar unha liña de subvencións para sufragar este gasto a aquelas familias en risco de exclusión social, os populares instan ao goberno provincial a que financie a adquisición deses equipos por satélite no caso daquelas familias lucenses que non forman parte de devanditos colectivos en risco aos que se destinan as subvencións autonómicas, pero que igualmente «teñen dificultades económicas» para sufragar eses gastos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario