lunes, 17 de mayo de 2010

CONMEMOREMOS A UXIO NOVONEYRA: (HOMENAXEADO NAS LETRAS GALEGAS DE 2010)

BIOGRAFIA


A persoa que se ía converter no poeta Uxío Novoneyra nace o 19 de Xaneiro de 1930, na aldea de Parada de Moreda, en plena serra do Courel, dentro dunha familia labrega acomodada. O futuro escritor pasa a nenez e mocidade neste marco xeográfico courelán da Galicia arredada que segue conservando nese momento os seus tradicionais modos de vida e que conformará cos súa particular impronta as experiencias básicas da futura creación poética do autor, de inspiración esencialmente telúrica. Da mesma maneira, o ambiente histórico represivo da convulsa situación da década dos trinta e comezos dos corenta, que coincide cos anos de nenez e mocidade, deixarase ver máis tarde na súa poesía cívica.
En 1945 trasládase, durante o período escolar, a Lugo para estudiar o bacharelato, que remata en 1948. Neste último ano coñece nesta cidade ó seu compañeiro de xeración, o escritor da Terra Cha Manuel María. Con anterioridade, en 1947, xa fora vivir a Parada a autora noiesa María Mariño Carou, con quen o noso autor iniciará unha profunda relación persoal que durará ata a morte da poeta en 1967 e que deixará a súa forte pegada na obra de ambos. De 1949 a 1951 está en Madrid e alí, tras superar o Exame de Estado, matricúlase por ouvinte na carreira de Filosofía e Letras. Esta xeira madrileña é unha etapa de formación cultural, en gran parte autodidacta, na que empezará a escribir en castelán, chegando a publicar na revista universitaria Bengala dous poemas que formaban parte do libro inédito Desde las cosas. É este tamén un momento de eclosión política estudiantil e nese ambiente entra en crise o pensamento do autor, quen daquela comeza a conformar a súa ideoloxía crítica e dá o seu primeiro recital poético nas aulas universitarias, iniciando así a que será a súa recoñecida actividade como “decidor” de poesía.
En 1952 Novoneyra volve a Galicia para facer o servicio militar, con estancias en Santiago de Compostela, A Coruña e Lugo, coincidindo outra vez con Manuel María. As experiencias composteláns son fundamentais pois espertan no escritor unha nova conciencia galega que se vai forxando en contacto con figuras como o pintor Carlos Maside, o ensaísta e ideólogo Ramón Piñeiro e a figura polifacética e patriarcal de Ramón Otero Pedrayo, tres personalidades esenciais na conformación da futura obra novoneyriana. É precisamente este contacto co galeguismo, xunto coa volta ao Courel durante unhas vacacións no ano 1952, o que motiva o autor para escribir en galego. A continuación, de 1953 a 1962, permanece no seu lugar de nacemento tendo que gardar repouso a causa dunha pleuresía. Nesta situación de soidade nace o ciclo poético courelán, que se inicia co libro Os eidos (Galaxia, Vigo, 1955), escrito entre 1952 e 1954. A obra, significativamente dedicada a Maside e Piñeiro, leva un prólogo en forma epistolar deste último insistindo de maneira especial no motivo central da vivencia da terra que o ensaísta consideraba esencial na tradición cultural galaica. Máis, por outra banda, as relacións galeguistas lévano a participar en actos puntuais que o vencellan ao agromar xuvenil do momento, como o recital inaugural do ciclo “Homenaje a la poesía gallega” organizado en Compostela no año 1957; nel pronuncia unhas valentes palabras na nosa lingua proscrita, acompañando a lectura de textos do cancioneiro medieval, xesto político que causaría un forte impacto no ambiente represivo e timorato dos negros anos cincuenta, como nos lembra Xosé Luís Franco Grande no seu libro Os anos escuros (1985) sobre a resistencia cultural da xeración do noso autor.
No período que vai de 1962 a 1966 o escritor vive en Madrid. Nesa capital traballa na radio e na televisión, sempre en programas relacionados coa poesía galega, española ou universal; participa na bohemia vida madrileña; e asiste ás tertulias do Café Gijón, co poeta Carlos Oroza, o pintor Tino Grañido e un grupo de artistas plásticos como Urculo ou Viola. Ao mesmo tempo, relaciónase cos membros do grupo Brais Pinto: o pintor Reimundo Patiño, o profesor Herminio Barreiro, o político Bautista Álvarez e os escritores Ramón Lorenzo, Bernardino Graña, Xosé Fernández Ferreiro e Xosé Luís Méndez Ferrín. Neste ambiente de vangarda artística e preocupación socio- política escribe, entre 1962 e 1965, a serie poética titulada “Elegías de Madrid”, que xunto con outras dúas anteriores (“Primera verdad y tiempo con nombres” e “Elegías del Caurel”, elaboradas respectivamente entre 1953 e 1957 e 1958 e 1961) conforman o libro, editado na capital do Estado en versión bilingüe galego- castelá e dentro da colección “Adonais”, Elegías del Laurel y outros poemas (Rialp, Madrid, 1966).
En 1966 retorna de novo ao Courel, debido á enfermidade dos seus proxenitores, e xa desde este momento quedará a vivir en Galicia. O seu pai morrerá en 1971 e dous anos despois a súa nai, pero en 1968 coñece en Lugo a Elva Rei coa que casará en 1973. A parella terá logo tres fillos, Branca- Petra, Uxío e Arturo, e residirá ata 1983 entre Lugo e O Courel. Daquela recolle os poemas do ciclo courelán posteriores á publicación do primeiro libro, escritos entre 1954 e 1957,que, xunto con outros máis recentes de marcado signo político, conforma a obra titulada Os eidos 2 (Galaxia, Vigo, 1974), ilustrada con debuxos de Laxeiro e dedicada á memoria dos seus pais e de María Mariño. Esta nova entrega courelá leva un significativo subtítulo alusivo á poética contemplativa que a inspira, “Libro de olladas”, e está organizada en catro partes relativas ao ciclo de “Os eidos”, “Serra aberta”, “Follas de cantigas”, “Diario de enfermo” e “Don do silencio”, e dúas de nome cívico, “Letanía de Galicia e outros poemas” e “O Laxeiro pintor dunha Galicia”. Logo, as dimensións políticas e gráfico- visual aparecen conxugadas no seu seguinte libro, Poemas caligráficos (Brais Pinto, Madrid, 1979). A obra é o número un dos “Cuadernos da Gadaña”, colección de título alusivo á vangarda pictórica artillada en torno a Brais Pinto coa que se atopa en perfecta sintonía non só polas creación caligráficas e tipográficas, senón tamén por todo o aparello paratextual que as rodea: o limiar “Signos no vento, signos no tempo” de Reimundo Patiño, as citas de Luís Seoane e do estudioso expresionismo abstracto Anthony Everitt, así como o debuxo do aludido patiño, o deseño de Xosé Manuel Pereiro e o álbum fotográfico, de Novoneyra no Courel e con Elva, que lle serve de colofón. O núcleo poético do libro divídese en dúas partes: “Vietnam canto“ e “Poemas caligráficos”. Por outra parte, nestes anos de marcada preocupación cívica, traduce ao galego varios poemas do escritor e político chinés Mao Zedong (El Progreso, 19-9-1976).
A comezos da década dos ostenta Novoneyra é considerado xa como un clásico pois como tal o confirman non só o seu tratamento na Gran Enciclopedia Gallega, senón moi especialmente os estudios da nova crítica, como o revelador “O fonosimbolismo na poesía de Novoneyra” publicado en 1980 por Claudio Rodríguez Fer ou os comentarios literarios como o sopesado “O iceberg poético de Novoneyra” que escribe Anxo Tarrío en 1981. Máis tarde, en 1984, Méndez Ferrín contribúe fundamentalmente a esta canonización ao escoller o seu nome para o título do libro De Pondal a Novoneyra, co que o crítico sintetiza en fermosa metonimia a súa persoal visión da historia da poesía galega. E a inclusión no canon será definitiva en 1989 ao ser incluída a súa obra entre os obxectos de estudio do libro Poesía galega de Rodríguez Fer. Por outra parte, nesta mesma década o noso autor inicia a recompilación completa do seu ciclo courelán, despois de sometelo a unha rigorosa depuración. Así, publícase no número un da colección Grandes Mestres Os eidos. Libro do Courel (Xerais, Vigo, 1985). Ambas obras levan unha exhaustiva antoloxía de comentarios críticos de moi diversas auditorías e un glosario feito polo propio poeta, ademais dun caligrama del mesmo, tres retratos seus realizados por Carlos Maside, Tino Grandío, Laxeiro e Pedro Martínez Tavera, así como ilustracións de Blas Lourés, o citado Maside e René Portocarrero, xunto coa partitura da composición “Pasan pasan as nebras”, para canto e piano, feita por Manuel Balboa. Ten un interese especial o apartado desta edición titulado “Fragmentos de críticas apoloxías e semblanzas” pois serve como guía básica da recepción crítica da obra novoneyriana e constata o recoñecemento xeneralizado do seu canto telúrico, por enriba das reticencias interesadas que sempre suscitan no mundo literario as obras que se impoñen por si mesmas, indiscutibles.
En 1983 afíncase definitivamente en Compostela, desde onde exerceu a presidencia da Asociación de Escritores en Lingua Galega, a partir da súa primeira elección en 1982 ata a súa morte en 1999. Desde o punto de vista creativo, na segunda metade da década dos ostenta comeza unha reagrupación temática da súa obra completa. Así, en Muller pra lonxe (Deputación de Lugo, Lugo, 1986) reúne, no número un da colección por el mesmo bautizada “Gran Lugo de nebra”, os poemas eróticos e amorosos nunca edición artística ilustrada polo pintor lugués Carlos Pardo Teijeiro, así como polos trazos manuscritos do autor, e acompañada dun epílogo crítico do poeta Claudio Rodríguez Fer. Máis adiante, aparece na colección “Vento que zoa” Do Courel a Compostela 1956- 1986 (Sotelo Blanco, Barcelona, 1988), unha antoloxía que recolle todas aquelas composicións de temática política, acompañadas por unha escolma de textos críticos da autoría de Xesús Rábade Paredes, Herminio Barreiro, Luís Seoane, Basilio Losada, Reimundo Patiño, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xulio Valcárcel e Claudio Rodríguez Fer, o libro está ilustrado con numerosas caligrafías do Courel de Federico García Cabezón, retratos do escritor por Lorente, Laxeiro e Maside, e reproduccións de Os anos escuros de Franco Grande e de dous números da revista Si la píldora bien supiera no la doraran por defuera, onde aparecerán referencias ao escritor xunto cos seus poemas “Pranto polo Che” e “Vietnam canto”. E, seguindo estas recompilacións temáticas, publícase finalmente unha nova versión bilingüe galego- euskera da serie courelá, pero depurada dos elementos políticos ou eróticos, presentes nas publicacións anteriores deste ciclo, e sen as dedicatorias nin o glosario das versión precedentes. Esta edición, titulada Bazterrak/ Os eidos I e II (Pamiela, Iruñea, 1988) foi realizada e prologada polo poeta donostiarra Koldo Izagirre. Máis adiante, ao comezo da década dos noventa ve a luz unha edición introducida e anotada deste ciclo telúrico, agora na colección Biblioteca das Letras Galegas e ao coidado de Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco, Os eidos (Xerais, Vigo, 1990), edición que contribúe á consolidación do escritor no canon literario galego e que, con respecto aos textos, repite a anterior á que só engade un último poema, o titulado “O monte Cido”, escrito en 1985. Nesta mesma liña canonizadora do autor dentro do sistema literario, tres anos despois, na colección “Criterio” promovida pola Asociación Sócio- Pedagógica Galega, Antonia López García publica un traballo sobre a súa obra: Os camiños do soño (a poesía de Uxío Novoneyra) (Do Cumio, Vigo, 1993).
Máis os anos noventa van amosar unha nova contribución creativa do escritor, que dá a coñecer dúas publicacións de literatura infantil, O cubil do xabarín (Edelvives, Zaragoza, 1991) e Gorgorín e Cabezón (Edelvives, Zaragoza, 1992), dous contos de aventuras protagonizados por rapazas e rapaces, ambientados na xeografía do Courel e cunha rica linguaxe poética. Nesta mesma década, reedítase na colección “Merlín e Familia” Elexías do Caurel e outros poemas, con modificacións, ademais do engadido da serie “Madrid / noite”, ilustrado cun debuxo de Reimundo Patiño e baixo o novo título de Tempo de elexía (Vía Láctea, A Coruña, 1991). Ademais, despois dun longo silencio, roto tan só pola aparición dalgunha composición nova, como puido ser a titulada “Viaxe”, dada a coñecer en 1991, ou a saída da segunda edición da obra Os Eidos da Biblioteca das Letras Galegas (Xerais, Vigo, 1991), publica unha entrega poética individual, Poemas da doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras (Espiral Maior, A Coruña, 1994), con gravados de Carlos Crego, fotografías de Federico García Cabezón, unha pintura de Reimundo Patiño e caligrafías do propio autor. Esta reaparición poética complétase coa publicación do poemario de temática compostelá e autoría colectiva Camelio xaponés (Consorcio de Santiago, Santiago de Compostela, 1995). A obra reúne en edición bilingüe galego- nipona sete xiikas (versos xaponeses) de Ayako Sugitani, en versión galega de Novoneyra, e tres composicións galegas do noso autor, postas en xaponés pola citada escritora nacida en Hagi- Shi. Trátase dun libro de coidada edición institucional que reúne os textos poéticos referidos, xunto con caligrafías e fotografías de Ayako Sugitani. Ao ano seguinte Xosé Manuel Varela Varela edita unha pequena antoloxía da producción novoneyriana baixo o título Do Courel ó Monte Branco (Asociación Cultural Monte Branco, Ponteceso, 1996), que de novo asocia o mundo do noso autor co de Pondal ao unir a paisaxe mesma da orixe da terra pondaliana cos resoantes ecos dos cumes do silencio de Novoneyra, como se dicía nun artigo titulado “De Rosalía a Xohana Torres” dese mesmo ano.
E neste último período o poeta segue sacando á luz diversas mostras creativas en distintos medios, como as “Lendas de a cavalo” (O Correo Galego 13-VII-1997), pertencentes á obra inédita a que o propio escritor se ten referido en distintas ocasións como Libro de Rotas/ Ameto Mítico ou simplemente Ameto Mítico., e que sairía á rúa uns días despois do seu pasamento, acaecido o 30 de outubro de 1999, baixo o título Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago outras rotas (Hércules Ediciones, A Coruña, 1999)

OBRA

  • Os Eidos (1955) Vigo: Galaxia, 1955.
  • Elegias del Caurel y otros poemas (1966) Madrid: Rialp, col. Adonais, 1966 (Inclúe versión galega e castelá).
  • Os Eidos 2. Letanía de Galicia e outros poemas (1974)
    Vigo: Galaxia, 1974.
  • Poemas Caligráficos. Vietnam canto (1979)
  • Madrid: Brais Pinto, col. Cuadernos da Gadaña, 1979.
  • Os eidos. Libro do Courel (1981) Libro do Courel. Vigo: Xerais, col. Grandes Mestres, 1981 (Terceira edición: 1987).
  • Bazterrak Os Eidos (1987)
  • Muller pra lonxe (1987)Deputación de Lugo, col. Gran Lugo de Nebra, 1987.
  • Do Courel a Compostela: 1956-86 (1988)Barcelona: Sotelo Blanco, col. Vento que zoa, 1988.
  • O cubil de Xabarín (1990)CONTOS:Zaragoza: Edelvives, col. Ala delta, 1990.
  • Os eidos (1990)Edición de Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco. Vigo: Xerais, col. Biblioteca das Letras Galegas, 1990.
  • Tempo de elexía (1991) A Coruña: Vía Láctea, col. Merlín e familia, 1991
  • Gorgorín e Cabezón (1992) CONTOS: Zaragoza: Edelvives, col. Ala delta, 1992.
  • Poemas da doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras (1994) A Coruña: Espiral Maior, 1994.
  • Camelio xaponés – Watsubaki (1995)/ 7 xiikas de Ayako Sugitani a Santiago de Compostela e 3 de Uxío Novoneyra sobre fotos de Ayako. Santiago de Compostela: Consorcio de Santiago, 1995 (Textos en galego e xaponés)
  • Ilda, o lobo, o corzo e o xabarín (1998)CONTOS: Zaragoza: Edelvives, col. Ala delta, 1998.
  • Dos soños teimosos (1998)ENSAIO:
  • Debuxo de Laxeiro
    Santiago de Compostela: Noitarenga, 1998 (Preguntas de Emilio Araúxo).
    Ed. Noitarenga
  • Onde só queda alguén para aguantar dos nomes (1999)Santiago de Compostela: Noitarenga, 1999 [Con Federico García Cabezón (fotografías) e Emilio Araúxo (“Pedras, máis vagarosas aínda”)].
  • Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas. Ámeto mítico. A Coruña: Hércules, 1999.
  • Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas (1999)


    LETANÍA DE GALICIA
    GALICIA digo eu ún di GALICIA
    GALICIA decimos todos GALICIA
    hastr’os que calan din GALICIA
    e saben sabemos

    GALICIA da door chora á forza
    GALICIA da tristura triste á forza
    GALICIA do silencio calada á forza
    GALICIA da fame emigrante á forza
    GALICIA vendada cega á forza
    GALICIA tapeada xorda á forza
    GALICIA atrelada queda á forza

    libre pra servir libre pra servir
    libre pra non ser libre pra non ser
    libre pra morrer libre pra morrer
    libre pra fuxir libre pra fuxir

    GALICIA labrega GALICIA nosa
    GALICIA mariñeira GALICIA nosa
    GALICIA obreira GALICIA nosa
    GALICIA irmandiña
    GALICIA viva inda

    recóllote da TERRA estás mui fonda
    recóllote do PUEBLO estás n’il toda
    recóllote da HISTORIA estás borrosa

    recóllote i érgote no verbo enteiro
    no verbo verdadeiro que fala o pueblo
    recóllote pros novos que vein con forza
    pros que inda non marcou a malla d’argola
    pros que saben que ti podes ser outra cousa
    pros que saben que o home pode ser outra cousa

    sabemos que ti podes ser outra cousa
    sabemos que o home pode ser outra cousa

No hay comentarios:

Publicar un comentario