miércoles, 26 de mayo de 2010

SOS rural galego

“Durante o último século e medio, a teimosa habelencia dos labregos por sobreviviren confundiu os administradores e os teóricos... Mais por primeira vez na historia, é posible que a clase dos superviventes non sobreviva... Se os plans se cumpren tal e como os economistas previron, dentro de vinte e cinco anos xa non haberá labregos na Europa Occidental.” (Porca Terra, páx. 244).
As palabras de John Berger, esplendidamente traducidas na publicación da Editorial Rinoceronte, expresan dun xeito críptico o devalo imparábel do rural en determinados países –non en todos– da Unión Europea. Un deses países nos que o proceso estase a desenvolver con meirande crueza é, sen dúbida ningunha, Galicia. E isto é así tanto polo peso económico, social e histórico do rural na súa (na nosa) idiosincrasia como polas proporcións dantescas que acadou o retroceso, sobre todo, en determinadas rexións condenadas ó esmorecemento progresivo deica a súa desaparición final. Así, por exemplo, podemos comprobar que a comezos dos anos 70, vivían nas comarcas do Ancares – Courel máis de 50.000 persoas; na actualidade, son menos de 30.000. Na Limia, residían máis de 40.000; menos de 25.000 hoxe en día. En Trives – Caldelas, más de 13.000; por debaixo dos 6.000 no último censo. A tendencia convértese en apocalíptica se engadimos información sobre a idade dos residentes actuais: no tramo da xente nova, por debaixo dos 20 anos, localízase entre o 12 e o 13% do total da poboación; no tramo da xente maior, por riba dos 65 anos, sitúanse entre o 33 e o 38% dos veciños daquelas comarcas. Falamos do éxodo do rural e do avellentamento da poboación como circunstancias consustanciais aos tempos actuais fronte ó que nada ou pouco se pode facer. Esa posición resignada e patética está provocando a desaparición das bisbarras do interior de Galicia. Estamos dispostos a referendar a aniquilación do territorio máis singular do noso país? Porque a sangría continúa; as cifras anteriores non son cousa do pasado. Comparemos a evolución demográfica dos últimos dous anos. Entendemos que as comarcas rurais do interior de Galicia son Arzúa, A Barcala, Ordes e Terras de Melide, na provincia da Coruña; Terras de Montes, Deza e A Paradanta, na de Pontevedra; Os Ancares, Chantada, A Fonsagrada, Meira, Quiroga, Sarria, Terra Chá, Lemos e Ulloa, en Lugo; e a provincia enteira de Ourense agás a súa capital. Pois ben, todas esas comarcas sufriron perda de poboación entre 2005 e 2006 agás unha: Carballiño, que en boa lide non podería considerarse xebre rural pola súa situación entre os concellos de Pontevedra e Ourense. Aínda así, o seu crecemento foi dun minúsculo 0,1%. No resto das bisbarras, a sangría continúa. A reconquista do rural O Courel é unha das zonas de Galicia máis deprimidas pola depredación sufrida nas últimas décadas polo rural. O Courel non é unicamente unha reserva natural extraordinaria, senón especialmente é a reserva espiritual de Galicia. No Courel aínda se sinte a alma xeireante de Novoneyra, aínda se alenta a brétema feiticeira da alborada, aínda se respira a cultura enraizada das árbores e as fragas. O Courel nunca admitiu a semente canalla do eucalipto, deses eucaliptos insaciábeis que non cambian de cor coas estacións. No Courel pásase dun souto a unha braña, dunha chousa a unha carballeira, dun corgo a unha casa de aldea. A unha casa de aldea que, na gran maioría das ocasións, estará abandonada. Porque no Courel non hai traballo. Nin no Courel nin nos Ancares, nin en Sober, nin no Incio, nin en Brollón nin na Terra de Caldelas... No Courel, o pouco traballo que vai quedando está na lousa, ou sexa, na pizarra en castelán. Na lousa e no turismo rural. O goberno do PP defendeu o turismo rural como alternativa ao sector agrogandeiro, valente truco de prestidixitación! Facemos desaparecer o agro e no seu lugar colocamos media ducia de casas de turismo rural. Os courelaos defenden as canteiras. Deféndenas malia que as canteiras poden acabar co único que aínda fica inalterable: a paisaxe. “Aquí non hai nada”, afirman. E nós, os de fóra, que vemos os soutos, as fragas, as carballeiras... “Como que non hai nada? Haino todo”, contestamos. E os courelaos confirman o que xa sospeitabamos: “da paisaxe non se vive”. E seguimo-la ruta deica atopa-la desolación que invade a paisaxe devorada polas canteiras entre O Barco e Pena Trevinca. Habemos conseguir que do medio natural si se poida vivir. É unha obriga da nosa xeración tras décadas de abandono e desleixo culpábel. Noutros lugares é posíbel. En Escocia, en Holanda, en Suíza, en Baviera, as comunidades rurais seguen a formar os alicerces daquelas economías en equilibrio simbiótico coas súas corporacións e multinacionais. O rural galego non pode desaparecer baixo pena de uniformidade e asimilación dos patróns homoxeneizadores do progreso mal entendido. O rural galego ten que renacer mantendo as súas esenciais e adaptándoas ós tempos novos. Ten que renacer sobre a base dos seus vizosos recursos naturais, do seu clima benigno, das súas tradicións e da xente nova que saiba aproveitar a sabedoría transmitida entre xeracións. Claves para o cambio de tendenciaO abandono do medio rural das décadas anteriores, a falta de rendibilidade das explotacións, a progresiva invasión do sector servizos nas economías desenvolvidas, as estratexias das grandes corporacións, e outros elementos de similar transcendencia, cortaron dende a raíz as posibilidades autóctonas de rexeneración. Non se pode pedir agora á sociedade rural que vire de seu a tendencia e que levante o voo polos seus propios medios. Non ten nin os recursos suficientes nin a confianza precisa. É imprescindible que o labor de recuperación do medio rural principie pola Administración e polas institucións con capacidade de mobilización de medios e recursos. Un dos problemas da Administración é a bunkerización das competencias. Noutrora, o sector dependía da Consellería de Agricultura; agora da de Medio Rural. Dende unha Consellería, ou dende unha Deputación (os Concellos carecen da mínima capacidade de acción), pódense artellar medidas máis ou menos acertadas. No pasado, a pouca fortuna acompañou o labor levado a cabo. Nesta lexislatura, a vontade por poñer en marcha programas de desenvolvemento está dando certos froitos. Sen embargo, a situación degradouse ata tal punto que unha Consellería non pode resolver de seu o actual estado de emerxencia. A reconquista do rural necesita do empeño máximo do Goberno galego en pleno: dende Medio Rural ata Educación, dende Vivenda ata Cultura, dende Industria ata Medio Ambiente, dende Ordenación do Territorio ata Economía. O que precisa o rural galego é dun PLAN DE GRAN ENVERGADURA PARA A REPOBOACIÓN DAS COMARCAS EN DEVALO. Aprendendo das estratexias de poboamento aplicadas no Alto Medievo, é necesario articular un macro-programa de accións coordinadas dirixido a atraer cara ó campo galego a xente nova que represente a garantía do seu futuro. Unha estratexia de repoboación debe considerar cinco elementos fundamentais: TERRA: os “novos poboadores” deberían dispoñer de terra acaída ós seus proxectos, ben sexan estes agrarios, gandeiros ou industriais. Para os dous primeiros usos, o Banco de Terras que se acaba de lanzar pode ser un bo instrumento, aínda que insuficiente. VIVENDA: a especialización na REHABILITACIÓN debería ser un dos grandes eixos da política de vivenda en Galicia. Así pretende ser nos dous últimos anos, pero sen a decisión abonda como para converterse nun dos motores de desenvolvemento no país. Os “novos poboadores” terían acceso privilexiado, en aluguer ou propiedade, a esas vivendas rehabilitadas e anteriormente baleiras. INGRESOS: a garantía duns ingresos mínimos para facer fronte ós gastos fixos familiares durante un período de tempo razoábel sería un engado adicional necesario. SERVIZOS: entre eles, principalmente o ensino. A dispersión poboacional complica a prestación escolar no medio rural. A educación en Galicia debería ter como parte esencial da súa programación a estadía en granxas escola en todos os cursos académicos. Estas GRANXAS ESCOLA servirían como dotación fixa en determinados concellos do interior e como unidade de educación desprazada para os escolares do medio urbano. SOCIABILIDADE: o home é un ser social; o plan de repoboación debería primar os proxectos multifamiliares e cooperativos. Estes factores revélanse necesarios pero non suficientes nun contexto económico como o actual no que a diferenciación, a xestión e mesmo a innovación se revelan indispensábeis para a viabilidade das iniciativas profesionais e máis empresariais. Proxectos, proxectos, proxectos Díxoo hai pouco un empresario galego de éxito: en Galicia non hai proxectos de envergadura. Para conseguir fixar poboación en comarcas deprimidas, é preciso tamén dispor dun viveiro de proxectos onde os “novos poboadores” poidan integrarse. Algúns nacerán dos propios candidatos máis emprendedores, outros de empresas dos sectores atinxidos, outros de compañías e institucións atraídas polo Plan de Repoboación, outros por investidores do País. Son moitas as iniciativas profesionais ou empresariais que se poden artellar. Sería imprescindíbel, para apuntalar as opcións de viabilidade das iniciativas, que cada proxecto incorporase unha empresa consultora de nivel internacional (que dispoñen de consultores galegos) como titora nas fases iniciais, así como asesores tecnolóxicos e especialistas de deseño gráfico e industrial. Ademais, os consultores estratéxicos definirían as variábeis básicas de cada proxecto como mercado de lanzamento, estrutura mínima, factores de diferenciación e análise de rendibilidade. Este conxunto de servizos serían contratados pola Administración como parte dos seus programas de actuación. O conxunto dos proxectos debería estar presidido por conceptos plenamente vencellados co rural galego e de gran repercusión nos mercados de consumo actual como son a ECOLOXÍA e a SAÚDE. Cada proxecto debería peneirar as súas decisións polo filtro da ecoloxía e a saúde como valores diferenciais de competencia. Como idea ilustrativa das posibilidades que se poden estudar antes de ser presentadas ós candidatos a “novos poboadores”, poderían considerarse as seguintes: -Recuperación do cultivo de cereais coma millo ou centeo, xa for para usos gandeiros, alimenticios ou enerxéticos. -Recuperación das árbores froitais e aproveitamento para produtos derivados como a marmelada, de uso inmediato no turismo rural galego. Ídem co mel. -Potenciación de produtos silvícolas, como a castaña, a noz ou os cogomelos, e aproveitamento para produtos derivados. Creación do sector herborista na Galicia interior a partir dos produtos e receitas tradicionais. -Potenciación do gando caprino e aproveitamento para produtos derivados coma o queixo e lácteos funcionais, un sector de expansión no que, malia contar con materia prima en Galicia, a presenza de artigo galego nas superficies comerciais é anecdótica. -Aproveitamento da madeira de excepcional calidade dispoñíbel nos bosques da Galicia interior para produtos de valor engadido. -Ampliación de experiencias de gran mérito e éxito no sector vinícola como, por exemplo, a recuperación do Godello en Valdeorras. -Recuperación e, en moitos casos, salvamento da artesanía popular (liño, la, ferro, estaño, cestería, madeira, olería, cerámica...). En Cataluña, por exemplo, hai centos de familias que viven do sector cesteiro. É significativo que o principal referente da cestería en Galicia sexa... un catalán residente nunha aldea de A Teixeira. -Comercio de produtos alimenticios, de saúde e de artesanía da Galicia interior rural. -Potenciación do Turismo rural con accións de difusión e negociación específicas do rural interior. As campañas turísticas xenéricas só serven como recordatorio de que Galicia existe. É preciso personalizar as acción de comunicación con programas propios de campo galego sobre a base da ecoloxía, o deporte e a saúde. É preciso tamén habilitar os espazos axeitadamente. Os Picos de Europa reciben cen veces máis turismo que Ancares – Courel; hai moito que medrar neste eido. Cun Plan das características anteriores, habería milleiros de candidatos para poboar as zonas en devalo, centos de oportunidades de posíbel rendibilización, ducias de incentivos para a participación de consultores de mercados e de xestión, e unha chea de fondos dispoñíbeis para pór en marcha os distintos proxectos seleccionados. Agora, faltaría a institución ou institucións con coraxe e folgos abondos para poñelo en marcha. O rural galego demanda unha acción decidida e urxente. Temo-la obriga de tentalo con tódolos medios ó noso alcance. Xa!
PUBLICADO EN VIEIROS POR:
Marcelino Fernández Mallo
Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza
PARA MAIOR INFORMACION SOBRE O RURAL GALEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario