viernes, 14 de mayo de 2010

A creación de empresas en Galicia aumentou en marzo un 23,47% ao fundarse 442 sociedades




O cómputo de sociedades mercantís difundido polo Instituto Nacional de Estadística (Ine) achega un novo dato positivo que acompaña á recentemente estreada saída da recesión, ao aumentar a creación de empresas un 23,47% en Galicia en marzo con respecto a febreiro e un 2,56% en relación ao mesmo mes de 2009. Este incremento da actividade empresarial é tamén extrapolable ao conxunto do territorio nacional, cun total de 8.721 compañías constituídas en España no terceiro mes do ano, un 3,8% máis que doce meses antes e un 12,5% por encima das 7.752 fundadas en febreiro.Este repunte é o terceiro incremento rexistrado na creación de sociedades mercantís en dous anos e medio, tras subir en novembro de 2009 e no mes de febreiro deste mesmo ano. Do total de novas firmas, 442 instituieronse na comunidade galega (84 máis que en febreiro e 11 máis que en marzo do ano pasado), cun capital subscrito medio para a súa constitución de 36.762 euros.A fórmula elixida polos emprendedores galegos foi maioritariamente a sociedade limitada (436 empresas), con só seis firmas creadas como sociedade anónima. Ademais, un total de 192 compañías en Galicia ampliaron capital en marzo, cinco máis que en 2009, por un montante total de 78,2 millóns de euros e unha achega media de 407.291 euros.No conxunto do Estado o capital subscrito para a constitución das 8.721 novas empresas fundadas en marzo superou os 306 millóns de euros, o que supón un descenso do 21,1% respecto ao mesmo mes de 2009. O importe medio subscrito por firma foi de 35.135 euros (1.627 euros menos que en Galicia e un 23,9% menos que un ano antes).No apartado das ampliacións de capital, en España rexistráronse 3.482 destas operacións en marzo, un 7,1% menos que no mesmo mes de 2009, por unha contía media de 936.777 euros (34,7% menos en termos interanuais).


Disolucións


No lado negativo da balanza, 127 empresas disolvéronse en Galicia en marzo, o que representa unha lixeira diminución con respecto ás 139 rexistradas en febreiro. Con todo, a estatística reflexa que os peches de empresas aumentaron un 62,9% en relación ao mesmo mes do ano pasado, cando o número de sociedades disoltas foi de 78.Tamén neste aspecto existe unha correspondencia na tendencia dos datos autonómicos e os estatais, de modo que no conxunto nacional as sociedades mercantís disoltas aumentaron un 2,7% en taxa interanual, ao desaparecer 1.589 empresas, das que o 78,1% fixérono voluntariamente, o 7,4% por fusión e o 14,5% restante por outras causas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario