jueves, 7 de enero de 2010

Alerta laranxa en Lugo e A Coruña por nevadas a partir dos 200 metros




A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta activou unha alerta de nivel laranxa ante a previsión de que se rexistren precipitacións en forma de neve nas provincias da Coruña e Lugo por encima dos 200 metros de altura principalmente a partir desta medianoite.
Atendendo ás predicións da Axencia Estatal de Meteoroloxía, poderíanse chegar a acumular cinco centímetros de neve no norte e o interior da Coruña, así como na Mariña e no centro e a zona montañosa de Lugo.
Co obxectivo de garantir a seguridade, a Xunta, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación meteorolóxica adversa aos concellos, policías locais, bombeiros e deputacións da Coruña e Lugo. Tamén trasladou o aviso aos servizos provinciais de Protección Civil, á Administración estatal e ás empresas de ámbito galego.
Emerxencias recorda á poboación a importancia de seguir medidas de autoprotección, como evitar as viaxes sempre que non sexan necesarias e revisar o estado das estradas. Para os desprazamentos, recomenda asegurarse de saír con cadeas e cos depósitos de combustible e líquido anticonxelante cheos. A páxina web do 112 (www.112galicia.org) ofrece información meteorolóxica e enlaces de interese.

O 2010 chega con neve á montaña

As máquinas quitaneves non descansaron nin o primeiro día do ano. Os municipios da montaña de Lugo amenceron cubertos de neve e foi necesario retirala para garantir a circulación, aínda que non se rexistraron sinistros.
A zona máis afectada polas precipitacións foi a de Pedrafita do Cebreiro. O seu alcalde, José Luís Raposo, explicou que á primeira hora da mañá estaban todas as vías bloqueadas, pois se acumulou unha media de 30 centímetros de neve. As máquinas limpadoras percorreron todas as estradas e lograron restituír a normalidade do tráfico. As precipitacións diminuíron ao longo do día e non se rexistraron incidencias de importancia, aínda que durante toda a xornada requiriuse extrema precaución para circular polo alto do Poio.
Situación similar viviuse no Acevo (A Fonsagrada), onde a primeiras horas da mañá foi precisa a intervención de máquinas quitaneves. A ausencia de xeo e a escaseza de precipitacións durante o día facilitaron a desaparición da neve acumulada durante a noite, que tampouco nesta parte da montaña provocou incidencias destacables.
Foron moitas as persoas que aproveitaron o festivo do primeiro día de xaneiro para gozar da neve. Pola tarde, unha vez normalizada a situación das estradas, O Cebreiro encheuse de visitantes, atraídos polo manto branco típico dunha estampa do Nadal.

No hay comentarios:

Publicar un comentario