lunes, 4 de enero de 2010

A Fonsagrada devolve as pertenzas do comandante Moreno á súa familia



A Fonsagrada pechou este sábado fendas do pasado coa entrega das pertenzas do comandante Moreno, asasinado en 1937 no Acevo xunto cos compañeiros do Batallón Galicia, á súa familia। Nun acto celebrado no Museo Etnográfico coa presenza dunhas 50 persoas, Floreal Moreno Gómez, neto do republicano asasinado polos falanxistas, recibiu do fonsagradino José Manuel Castelao Valdés os obxectos que se conservan do comandante: o maletín, unha navalla, e catro balas, tres delas de pistola e outra dun fusil cunha estrela republicana inscrita।

As pertenzas do membro do Batallón Galicia chegaron hai 29 anos a mans deste fonsagradino dunha forma casual, según lembrou na homenaxe. "Un amigo meu escoitou dun dos que estiveron na matanza que se repartiran todo o que era dos asasinados, pero deixaran un maletín de madeira nunha palleira", recordou.
Cando José Manuel Castelao escoitou a historia, achegouse ao Acevo e levou unha sorpresa ao descubrir que alí seguía o maletín, máis de 40 anos despois da traxedia, agachado detrás dunhas arañeiras, preto do tellado. Lembrou que, amais dos obxectos entregados este sábado, tamén había no maletín algún manuscrito e un plano que non puido conservar polo seu mal estado. Ao non ser consciente daquela do valor do achado, confesou que no maletín gardou pezas de moto durante anos. "Para que se conservasen botáballes gasoil, e iso foi o que evitou que a polilla estropease o maletín", sinalou.
Cando comezaron as escavacións para recuperar os corpos dos milicianos, Castelao contactou cos responsables dos traballos para ofrecerlles as pertenzas do comandante, entrega que se materializou este sábado. "Foi moi emocionante, o neto confesoume que era o único que tiña do seu avó. Non me arrepinto de darllo, faríao outras 50 veces", concluíu.
A proxección de 'Memorias rotas' pechou a homenaxeA proxección no salón de actos dos Chaos do documental 'Memorias rotas', da cineasta Manane Rodríguez, pechou a homenaxe de este sábado ao comandante Moreno e aos seus compañeiros do Batallón Galicia. Nesta produción de Xamalú Filmes, que foi rodada na Fonsagrada no ano 2008, recóllese o testemuño dos veciños que presenciaron a matanza do Acevo e dos que tiveron que enterrar ás vítimas. Ademais, no documental tamén se inclúen as reflexións de persoas que coñecían ao comandante Moreno e chegaron a combatir con el.
A homenaxe de este sábado na vila ao líder do Batallón Galicia súmase á celebrado o pasado 31 de octubre, data na que recibiron sepultura os restos dos trece milicianos republicanos exhumados no Acevo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario