jueves, 7 de enero de 2010

A utilidade do coñecemento tradicional

Non existe maior mostra de pobreza dun pobo que o abandono total e absoluto das aldeas e dos sistemas rurais tradicionais.
Non hai maior mostra de pobreza dun pobo que o abandono absoluto das aldeas e sistemas rurais. Isto corre na Galiza actual –perda de medio millón de postos de traballo na agricultura dos últimos 15 anos– e mostra o fracaso económico das propostas modernizadoras.
A entronización da ciencia, coa conseguinte caída en “desgraza” do Coñecemento Tradicional (CT), a través da súa suplantación e invisibilización, traduciuse nunha elevada dependencia da supervivencia en procesos que chegan e controlan desde fóra.
O triunfo no mercado global dos recursos, produtos e servizos, estandarizados e maiormente industrializados, debuxa unha perspectiva nefasta para que as Comunidades de Portadores (CP) detecten que os seus coñecementos tradicionais son útiles para si e para o resto da sociedade.
Estes feitos desembocan en dúas consecuencias de diferente carácter. Por unha banda, a modernización socioeconómica que acelera nos anos setenta do século pasado precipita a ruptura das canles de transmisión deste tipo particular de coñecemento. Ademais, a utilidade que se obtiña na reprodución social dos CT fica afastada e substituída pola estandarización e a industrialización dos procesos de satisfacción das necesidades. A segunda consecuencia é o resultado económico agardado: as CP convértense en marxinais e as súas condicións económicas deterióranse, polo que desaparecen progresivamente.
As maiores oportunidades para que o CT das CP adquira maior relevancia social proveñen da crise ambiental producida polo proceso de industrialización seguido de forma xeral nos últimos 50 anos. Os problemas ambientais globais, as reiteradas crises sanitarias –vacas tolas, febre aviaria, etc– provocadas por aquel proceso, teñen precipitado un incipiente debate social cuxo resultado é o xurdimento dun nicho ideolóxico que demanda novos modelos de desenvolvemento –sustentábel– asociados á calidade, á saúde e, en xeral, ó benestar comunitario.
A potencialidade desta incipiente conciencia que turra polo local, polo ecolóxico, polo socialmente aceptábel e polo culturalmente compatíbel é enorme, e a existencia desta “nova demanda” pode ser satisfeita polas iniciativas que aposten polas CP de CT. Non en van, os produtos e servizos derivados teñen características simétricas a eses novos desexos. Eis algúns dos seus valores: uso de recursos renovábeis, diversificación de usos e especies, propiedade comunal, prácticas cooperativas non mercantilizadas.
Todo isto serve para dar contido á demandada sustentabilidade, nas súas tres compoñentes: a valorización dos CT das CP, do xeito descrito, permitirá dinamizar ás comunidades locais, rurais ou mariñeiras –social– pondo en marcha iniciativas que minimicen o impacto ambiental –ambiental– e que garantan a xeración de rendas que dignifiquen ás propias CP –económica.
Como resposta a todo o anterior, xurde o proxecto RONSEL, un convenio asinado entre as tres universidades galegas, a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, a Dirección Xeral de Turismo e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER). A participación destas axencias pon de manifesto a transversalidade do PCI que a UNESCO divide en cinco ámbitos temáticos: Tradicións e expresións orais, incluído o idioma como vehículo do PCI, Artes do espectáculo, Usos sociais, rituais e actos festivos, Coñecementos e usos relacionados coa natureza e o universo e Técnicas artesanais tradicionais.
A existencia dun marco político sensíbel á dinamización de experiencias que cambien a tendencia ó despoboamento do mundo rural é unha oportunidade magnífica na que as CP poden xogar un papel moi activo como consecuencia da súa singularidade. Situar ás CP de CT na primeira liña de apoio institucional permitirá espallar as melloras no conxunto da sociedade.
Por último so salientar que o Patrimonio Cultural Inmaterial Galego, transmitido a través da lingua galega, supera como ela, as fronteiras administrativas da nosa comunidade, por canto podemos falar do intento de salvagardar non só o patrimonio galego-portugués senón tamén aquel doutras comunidades galegas como as da emigración, as do occidente de Asturias, o Bierzo, Cabreira ou Sanabria.

Recuperar o Patrimonio Inmaterial

O Proxecto RONSEL foi pensado para desenvolvérse nun período de cinco anos. Sendo os seus obxectivos principais o inventariado, documentación, investigación, promoción, protección, difusión e transmisión do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) galego, plantexouse a necesidade de facer unha valoración inicial do estado deste patrimonio coa participación dos observadores e dos observados, dos científicos e dos portadores, das institucións e das asociacións civís.
A fase inicial, executada entre xuño e novembro de 2007, consiste na elaboración dun Plan Estratéxico, é dicir, no deseño dun plan de accións relativas ó patrimonio que permitisen cumprir aqueles sete obxectivos. Convocáronse un total de 50 especialistas en diferentes ámbitos do Patrimonio Cultural Inmaterial galego para a elaboración dun documento que pode guiar ás institucións públicas no establecemento de medidas, aportando as necesidades técnicas e os planos para tender unha ponte entre as administracións, as universidades, as asociacións e as propias comunidades de portadores do coñecemento tradicional.
A primeira fase deste proxecto cumpriu tamén outros obxectivos: Creouse a estrutura informática dunha gran plataforma dixital para a difusión do Patrimonio Cultural Inmaterial galego, apapoiáronse accións de difusión do Patrimonio Cultural Inmaterial, como a Mostra de Patrimonio que se celebrará na Praza da Ferrería de Pontevedra entre o 7 e o 11 de novembro, e colaborouse en diversas iniciativas para o estudo do PCI galego.
OS AUTORES
Xavier Simón (Univ. de Vigo. Coordinador da área de Cosmovisión do Proxecto Ronsel). Xavier Prado (IES Pedra da Auga. Escola asociada á Unesco. Asesor do Ronsel). Pablo Carpintero (USC. Departamento de Historia da Arte. Técnico do Ronsel).

No hay comentarios:

Publicar un comentario