viernes, 8 de enero de 2010

A neve e o xeo provocan problemas en numerosos puntos da rede viaria


A existencia de placas de xeo e a acumulación de neve nas estradas, como consecuencia da onda de frío, provocaron numerosos problemas de circulación esta mañá na rede viaria da provincia de Lugo, segundo informaron fontes da central de coordinación de urxencias do 112 e do Subsector da Garda Civil de Tráfico a AGN.

En concreto, a neve provocou dificultades para transitar pola estrada autonómica LU-701, entre os quilómetros 12 e 18, no municipio da Fonsagrada, así como na LU-861 (Lugo-Cabreiros), entre os quilómetros 15 e 18, no concello de Xermade.
Tamén houbo problemas entre a Pastoriza e Lourenzá, no Alto da Cancela, na LU-122 -entre os quilómetros 12 e 18-. Nesa zona, varios vehículos quedaron atrapados como consecuencia da neve, pero a Garda Civil informou de que, finalmente, foron rescatados e puideron continuar a súa marcha. Aínda se recomenda precaución para circular por ese punto.

En Cospeito, varios efectivos do Grupo Municipal de Intervención Rápida (Grumir) tiveron que saír pola mañá para despexar a estrada autonómica LU-111, dado que a neve provocaba problemas para circular á altura do quilómetro 14.

O xeo tamén foi o causante de numerosas incidencias ao longo da mañá. En Vilalba houbo que botar sal para disolver as placas que se formaron no enlace coa Autovía do Cantábrico (A-8), na zona de Magdalena, do mesmo xeito que no quilómetro 522 da Autovía do Noroeste (A-6), no municipio de Begonte.

Ademais, varios usuarios alertaron aos servizos de urxencias da existencia de placas de xeo á altura de Baralla, na estrada autonómica LU-710, entre os quilómetros 1 e 5.
Tamén solicitou axuda aos servizos de urxencias do Concello de Muras unha patrulla da Garda Civil que quedou atrapada en pleno centro urbano da localidade, na Rúa Santiago Gómez. Os axentes acudiran para auxiliar a algúns coches que non podían avanzar por culpa do xeo, pero as placas tamén inmobilizaron o seu vehículo

Obrigatorio o uso de cadeas na A-6

Na autovía A-6 é obrigatorio o uso de cadeas desde última hora da tarde do xoves 7 de xaneiro, e foi cortada ao tráfico para o paso de camións desde o quilómetro 480 ao 465, en sentido Lugo-Madrid, segundo informou a Garda Civil de Tráfico de Lugo.


Os problemas rexístranse a partir de Gomeán no municipio do Corgo, onde se formaron retencións de tráfico e algúns usuarios víronse atrapados polo temporal.


A DXT sinala tamén que existe problemas de circulación informa da existencia de circulación condicionada pola neve noutros puntos da mesma autovía cara a Pedrafita, onde os camións teñen que circular polo carril da dereita.

No hay comentarios:

Publicar un comentario