domingo, 17 de enero de 2010

A Xunta incumpre o Plan Forestal de Galicia desde fai 18 anos





O monte galego, lastrado polo minifundio da propiedade e por un estado de abandono que dispara o risco de incendios, converteuse no recurso máis infrautilizado nesta autonomía. En 1992, por unanimidade de todos os grupos, o Parlamento deu luz verde ao Plan Forestal de Galicia (PFG), cuxa vixencia era para 40 anos, e no que se prevía un investimento anual equivalente ao 3% do orzamento autonómico. O obxectivo era converter o monte nun dos alicerces da competitividade de Galicia e nun recurso estratéxico para o desenvolvemento das comarcas.
O monte que produce madeira a maior escala é rendible, fixa poboación rural e ten menor risco de incendios. Case 20 anos logo de chegar a un consenso político básico para modernizar un sector crave para o futuro de Galicia o balance sobre o cumprimento do plan arroxa un saldo desalentador. Tanto a Administración Fraga como o bipartito se saltaron o Plan Forestal. Algo que volve facer o Executivo de Feijoo.
En ningún dos 18 exercicios desde que entrou en vigor o plan superouse o 1,5% do orzamento autonómico. Ademais de gastarse anualmente a metade do que prevía o acordo, gran parte do investimento público non foi a romper o minifundio e mellorar a produción e rendibilidade do monte senón a loitar contra os incendios. Segundo os datos que manexa a industria forestal, as diferenzas anuais entre as execucións orzamentarias e as previsións do PFG oscilan entre os 36 e os 52 millóns de euros. É dicir, que o déficit de investimento produtivo que se arrastra desde a entrada en vigor do plan supera os 600 millóns de euros (máis de cen mil millóns de pesetas).
Se se exclúen as partidas correspondentes a prevención e extinción de incendios, o grao de execución real do PFG apenas chega anualmente ao 43%. Unha tendencia que volve manterse neste 2010, agravada ata polos problemas orzamentarios da Administración autonómica, cuxas contas teñen agora un plan de austeridade deseñado por Feijoo como consecuencia da crise
O resultado deste incumprimento que dura 18 anos é que, a día de hoxe, Galicia ten 700.000 hectáreas mal arboredos, das que 350.000 poderían ser obxecto de reforestación. Este estado de abandono non só dispara o risco dos incendios e supón un problema ambiental, senón que afectada a todo o mundo rural. Os propietarios do monte en Galicia -case 700.000, dos que só 100.000 cortan madeira con regularidade- ven como teñen un recurso infrautilizado, o que afecta a toda a cadea de valor: non se poden incrementar as curtas no futuro e a madeira que se oferta en orixe é cara polos custos altos das explotacións, o que obriga ás industrias galegas a traer de fóra -Uruguai e Brasil- unha materia prima que poderían fornecerlle os habitantes do medio rural galego, azoutado agora polo despoboamento e a crise de rendibilidade da actividade agrogandeira. En todos estes anos, a comunidade galego tampouco deu con fórmulas exitosas que permitan incentivar a agrupación de pequenas parcelas para lograr unha explotación máis rendible do monte.

No hay comentarios:

Publicar un comentario