ENTREVISTA A XOSE NEIRA VILAS ESCRITOR GALEGO E AUTOR DE "MEMORIAS DUN NENO LABREGO"
Culturagalega.org
A emigración é o fío sobre o que este pontevedrés nado en 1928 vai entrelazando toda a súa obra. Ser galego e traballar por Galicia son os principios que Neira Vilas aplicou nunha longa vida que o levou por Arxentina, Cuba e Galicia, onde regresou hai pouco para seguir traballando pola lingua e a cultura que mamou no berce. Da súa etapa de emigrante trouxo un pesado fardo composto por numerosos estudios, novelas, contos e poesías. Pero sobre todo o que adquiriu no exilio foi unha profunda conciencia de Galicia que sae á luz en cada unha das súas verbas.
¿Cando e como se produce a súa identificación como galego?
Eu cheguei a Bos Aires a comezos da década dos 50, en 1949, nunha época en que se vivía unha "efervescencia" galega. Todo aquelo que non se facía en Galicia porque non se podía estábase a facer alí: editoriais, música, concursos literarios, actividades culturais. Ademais naqueles intres alí había persoeiros que facían posible estas actividades, como eran Luís Seoane, Lorenzo Varela, Suárez Picallo e moitos outros intelectuais exiliados que foron figuras na cultura galega, e que continuaban o traballo comezado por outros emigrantes galegos. Eu comezo a interesarme pola identidade galega e a "aprender Galicia" cando chego alí, polo contacto con estas persoas, porque cando saín de aquí fíxeno coma calquera outro emigrante, sen saber nada, cego, ignorante e alí é onde tomo conciencia de Galicia.
¿E a partir dese momento cando toma a iniciativa de traballar pola difusión da cultura galega?
Unha vez asumido o idioma e a historia de Galicia é cando me comprometo a traballar por esa identidade. Este activismo galego comeza en 1953 coa fundación das Mocidades Galeguistas. O 15 de xullo de 1957, xunto á miña muller, Anisia Miranda, fundamos a editorial Follas Novas, un evento de grande relevancia xa que é a primeira vez que existía fora de Galicia unha distribuidora do libro galego. A importancia de Follas Novas radicaba en que, aínda que existían editoriais, non existía unha canle que fixese posible que estas obras chegasen fóra de Galicia. O noso público foi unha multitude de galegos concienciados da súa identidade e moitos outros que se foron concienciado. Traballamos intensamente neste proxecto ata que marchamos a Cuba, no 61, momento en que deixamos o traballo a cargo dunha persoa que traballou con Seoane e Blanco Amor, Elisa Fernández, e que, lamentablemente, morreu ao pouco tempo.
¿Que papel xoga a lingua como factor identificador dun pobo?
A lingua era para os emigrantes, e segue sendo incluso para os galegos en Galicia, un elemento identificador noso. Castelao dicía que se somos galegos é por obra e gracia do galego de maneira que nós defendemos o idioma en todo momento. En Montevideo fixemos unha reunión da UNESCO para elaborar unha denuncia contra as prohibicións que en Galicia e no resto do Estado español se facían do uso do galego, que non estaba nin no culto, nin no libro nin na radio. Seguía estando nas casas pero iso debíase a que ninguén podía prohibilo alí. En Bos Aires nós traballabamos pola cultura galega: había clases de xeografía galega, de arte en Galicia e, como non, de lingua e literatura galega, impartidos por xente como Rafael Dieste ou Ramón de Valenzuela. Foi precisamente alí onde a miña muller aprendeu o galego.
A EMIGRACIÓN É UNHA DESGRACIA PARA CALQUERA PAÍS QUE QUEDA CONVERTIDO NUN PÁIS DE VELLOS E NENOS QUE MEDRAN SOÑANDO CON EMIGRAR
A figura de Castelao estivo moi presente na emigración, ¿que representaba para os exiliados?
Castelao morreu en xaneiro de 1950 e non cheguei a coñecelo pero a súa marca estivo presente ao longo de toda aquela década en todos nós. El foi o que nos deu o alento fundamental para seguir adiante. Alí publica Sempre en Galiza, moitos dos seus discursos, o texto do primeiro Estatuto de Autonomía, estréase Os Vellos non deben de namorarse,... Pero a súa importancia radica sobre todo no maxisterio que levou a cabo nos seus anos de emigración, e que marcou non só a aqueles que o coñeceron de xeito persoal e directo senón que a súa influencia mantívose a través daqueles aos que ensinou.
En 1961 publica “Memorias dun neno labrego” e, a partir del, xa non abandonará practicamente o tema da emigración, ¿reflíctese na súa obra unha evolución na maneira de entender o efecto da emigración nun pobo?
Cando nós viaxamos a un colexio dunha aldea ou de calquera zona de Galicia e preguntamos na clase cántos nenos teñen algún familiar que emigrara, o 90% dos rapaces erguen a man. Memorias dun neno labrego reflicte esa situación, conta a historia dun neno que emigra dunha aldea a outra mentres o seu irmán sae cara ás Américas, unha situación que era común na Galicia daqueles anos. A emigración é un tema que está presente en moitas das miñas ficcións e traballos e iso débese non só a que eu fora emigrante, que si que é un elemento autobiográfico que pesa moito, senón porque a emigración pesou moitísimo en Galicia. E aínda pesa; o 32% dos seus fillos están fóra, aínda hoxe. A emigración era unha constante en Galicia e iso, como todo, ten os seus aspectos positivos e negativos. Á emigración debémoslle moitas boas cousas: viñeron creacións literarias, veu o Estatuto de Autonomía, escolas, realizacións culturais, pero non hai que esquecer que a emigración é unha desgracia para calquera país, que queda convertido nun país de vellos e nenos, nenos que medran soñando con emigrar. Desde o punto de vista estrictamente galego, a emigración foi traumática polo que supuxo de ruptura das familias, de inadaptación da xente das aldeas ás cidades e pola proletarización. Agora ben, de rebote, eses emigrantes aforraron e trouxeron escolas, cartos, leiras, casas e comezou un certo florecemento cultural e a apertura da aldea, que estaba pechada nun gheto.
Cando concibiu as historias de Historia de Emigrantes ou Remuíño de Sombras, seguía inmerso da emigración pero, ¿que novos puntos de vista pretendía dar a coñecer localizando as novelas nas terras que acolleron aos emigrados?
Eu só quería revelar, revelar nada máis. Historia de Emigrantes é un libro de contos que ten como protagonistas a unha serie de emigrantes en Bos Aires mentres que Remuiño de Sombras empeceino en Bos Aires e remateino en Cuba e nel pretendín reflectir a frustración da emigración. Trátase dunha novela moi experimental, chea de personaxes múltiples que se van cruzando, intercambiando diálogos. Un vai escribindo segundo as experiencias que vive, segundo o lugar en que se atopa. Eu non quería amosar nada en concreto senón sinxelamente contar, revelar como vivía a xente, como actuaba a xente, que pensaba, cal eran os seus problemas, as súas morriñas.
Un dos aspectos rechamantes da súa obra é a diversidade da súa forma: contos, relatos xornalísticos, poesía. ¿En función de que emprega unha ou outra técnica narrativa?
En Remuiño de Sombras emprego unha técnica distinta ao resto, novidosa. Trátase de construír o relato como se se tratase dun parqué, unha armazón en que van encaixando as diferentes pezas. Pero eu o que principalmente busco é a sinxeleza, non podería definir dun xeito concreto o meu estilo. Eu utilizo a linguaxe que aprendín na miña infancia pero non pretendo innovar nada en canto á forma da construcción da novela ou do conto, aínda que o conto interésame moito máis que a novela. Cada un ten o estilo que ten e cada un conta o que quere contar, o que viviu.
Hai quen fala da "novela do mar" ou da "novela da emigración", ¿é partidario de considerar que existe este meta-xénero dentro da literatura galega?
Ese tipo de clasificacións son propias dos críticos, dos catalogadores. Hai moitas obras en Galicia que tratan da emigración. Dunha ou doutra maneira, hai novelas e poesías da emigración, incluso Rosalía de Castro escribiu da emigración dentro do Estado español. Unhas tratan a emigración desde Galicia, outras desde as terras que acolleron as persoas que de aquí saíron. Hai de todo pero non se pode falar dunha "Novela da Emigración". Eu teño moitas obras da emigración pero non creo que ningunha sexa a "Novela da Emigración", con maiúsculas. Tamén se fala da Gran Novela Galega pero non hai ningunha que sexa "a gran", non podemos estereotipar.
A LITERATURA SERVE PARA INTENTAR MELLORAR O MUNDO AÍNDA QUE NON HOUBO ATA O MOMENTO NINGÚN LIBRO QUE CONSEGUISE TOMAR O PODER DUN PAÍS
Cando fala da súa poesía, ¿cualificaríaa de social, solidaria, humana?
A min non me gusta clasificar a poesía, poñerlle etiquetas. Para min a poesía vai do íntimo ao social. A poesía social, ben mirado, é todo xa que atinxe ao ser humano no seu conxunto. Falar de poesía social é o mesmo que falar da "poesía de denuncia" ou mesmo da "canción protesta", é dicir, non existe dun xeito abstracto. Cada un canta a unha cousa, denuncia algo pero é porque a poesía forma parte íntegra da persoa, non é algo que faga sen sentilo antes. Incluso dentro de cada autor poden existir diversas inquietudes, cada poema é solidario con algo.
¿Para que diría que serve a literatura?
Desde o meu punto de vista a literatura serve para coñecernos mellor e para facernos máis transparentes uns cos outros. Pero tamén serve para intentar mellorar o mundo aínda que non houbo ata o momento ningún libro que conseguise tomar o poder dun país. Pero queda aí, coma un intento aínda que non debe nacer con intencións partidistas. Un libro é un libro: propón unhas cousas, mostra algo, incluso pode denunciar situacións e aí é onde queda reflectida a ideoloxía do autor.
Antes comentaba que a aldea estaba moi pechada, arredade do resto. Mirando agora cara a fóra, ¿como ve a aldea en Galicia, como cambiou con respecto á aldea que vostede coñeceu de cativo?
A aldea cambiou moito e cambiou para mal. Agora hai luz, auga, televisión, mellores estradas pero, co paso do tempo, foise desfigurando, esvaecéndose e perdendo a súa identidade. Tradicionalmente había unha fronteira entre a aldea e a cidade de tal xeito que o feito de que un campesiño chegara ata Santiago resultaba impensable, unha odisea. Hoxe a cultura é a do coche, en 20 minutos estase en Santiago. Iso fixo a aldea moito máis confortable pero a costa de que se despersonalizase e estes cambios trouxeron o estragamento do idioma. O galego está agora máis en perigo incluso que antes. O noso idioma que hoxe ten cátedra de galego, prensa, radio, televisión e libros está máis en perigo que hai 70 anos cando a aldea o preservaba. Agora os medios de comunicación estano estragando aínda que loitamos para que se manteña e se conserve.
Situación da literatura galega no exterior, no mundo.
Hai pouco tempo a miña muller e mais eu estivemos en Suíza, que foi foco de grande cantidade de emigrados. Alí segue a existir unha comunidade galega, hai un pequeno grupo de xente que mantén o galego pero eu creo que se manteñen no uso do idioma porque o resto falan alemán ou francés. Esta situación non se dá en América, onde está o castelán. Cando eu cheguei a Bos Aires como emigrante existía unha deliberada intención de cultiva e potenciar o galego entre aqueles que estabamos concienciados, incluso escoitabas o galego polas rúas. Hoxe aínda se manteñen unha serie de sociedades creadas por fillos de emigrantes, como Xeito Novo, pero son poucas e espalladas, non teñen forza. É certo que hai cátedras de galego na Habana, en Bos Aires, en Nova York ou en Montevideo pero son para persoas que se achegan ao galego con curiosidade, como se alí se impartisen ensinanzas de grego antigo ou de sánscrito, unha rareza filolóxica. Estas comunidades non pasan de ser unha extensión de Galicia, gracias aos apoios das institucións de Galicia, pero non van máis aló, non se trata da fala da xente. Esta é a consecuencia de que a maioría dos nosos paisanos non transmitiran aos seus fillos un interese pola cultura galega, moitas veces porque nin eles mesmos tiñan en alta estima esta cultura. Deste xeito, a continuidade do traballo emprendido na década dos 50 está nas mans dun grupo reducido de intelectuais, na universidade, pero o que se viviu en Bos Aires na década dos 50 perdeuse todo, xa non hai unha preocupación seria pola cultura galega.
NUNCA DIGAS DESTA AUGA NON BEBEREI. A VIDA É UN CAMIÑO DEMASIADO LONGO E EN OCASIONS PODES TER SEDE
MONOGRAFICOS (PREME NO QUE CHE INTERESE)
- RUTAS DE SENDEIRISMO A FONSAGRADA
- ATLAS DE MAMIFEROS VERTEBRADOS DE BURON
- PARROQUIAS DA FONSAGRADA: INFORMACION PROPIEDADE DE FONSAWEB
- EVENTOS A FONSAGRADA
- SENDEIRISMO FOTOGRAFICO DA FONSAGRADA
- OS TRABALLOS D@S FONSAGRADIN@S
- GALERIA FOTOGRAFICA DOS POBOS DA FONSAGRADA
- ETNOGRAFIA DA FONSAGRADA
- PASAMOLO A LIMPO
- A PRENSA FONSAGRADINA NO SECULO XX
- TURISMO RURAL VEIGA DE LOGARES
- PATRIMONIO ARQUEOLOXICO DA FONSAGRADA
- A FONSAGRADA TV
- HORTICULTURA
- ANTARUXAS E SORTEIROS
- A FONSAGRADA NO DICCIONARIO MADOZ
- FOTOTECA BURONESA
- DICCIONARIOS DE GALEGO
Datos personales
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario